Deputación de Lugo

30 empresarios lucenses coñecen como promocionar os seus negocios en Internet no curso que arranca hoxe no In Lugo

O seminario Community Management para PEMES mostrará como gañar presenza na Rede para mellorar a comunicación cos clientes e incrementar a competitividade e beneficiosAs clases desenvolveranse tódolos venres ata o 24 de febreiro, en horario de 16:00 a 20:00 horas, nas instalacións do Centro de Innovación Social

Trinta empresarios da provincia empezaron hoxe o curso Community Management para PEMES organizado polo Centro de Innovación Social IN Lugo, no que coñecerán como promocionar os seus negocios en Internet. As clases desenvolveranse tódolos venres ata o 24 de febreiro, en horario de 16:00 a 20:00 horas, nas instalacións do In Lugo. Trátase de sesións totalmente prácticas nas que se mostrará como obter unha correcta presenza en Internet para, non só ampliar e mellorar a comunicación cos clientes dun xeito máis directo, senón tamén incrementar os beneficios dos negocios. Os participantes son na súa maioría autónomos e pequenos e medianos empresarios da provincia.

 A chegada dos blogs e as redes sociais constitúen unha oportunidade para que empresas ou institucións poidan conectar con usuarios e clientes como nunca antes fixeran, respondendo de xeito inmediato ás súas demandas e cun menor custo. Unha proba delo é a compañía multinacional de novas tecnoloxías DELL, cuxa irrupción en Twitter no 2009 fixo que lograse 3 millóns de dólares en vendas directas a través desta canle.

Raúl Ordóñez, responsable de comunicación de InterQué Netwoks e profesor da acción formativa, avanza que no seminario “elaboraremos o noso propio Plan Social Media Marketing; crearemos un blog, manexaremos a nosa presencia nas redes sociais e tamén o noso posicionamento na Rede. Incidiremos na visibilidade, proactividade e reputación, os tres puntos claves para mellorar a nosa imaxe na rede e acadar beneficios”.

O éxito da iniciativa foi tal que a Deputación incrementou de 25 a 30 as prazas co obxectivo de beneficiar ó maior número posible de empresarios, pero mantendo a formación personalizada que ofrece o curso. As inscricións realizáronse por rigoroso orde de solicitude.

A boa acollida desta nova convocatoria súmase á acadada a semana pasada co curso Internet, o noso mellor aliado na busca de emprego, no que 30 desempregados coñeceron as numerosas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías á hora de atopar traballo.

A cargo da Fundación TIC

O primeiro centro de innovación social en Galicia, In Lugo, foi creado en marzo de 2011 pola Deputación cun financiamento do 88,9% do Ministerio de Industria a través do Plan Avanza co fin de promover actuacións e servizos baseados nas novas tecnoloxías, encamiñados a mellorar a calidade de vida dos veciños da provincia e dinamizar o tecido económico. Neste 2012 inicia unha nova andaina na que, de ser xestionado directamente dende a Deputación, pasa a depender da Fundación TIC co fin de aforrar recursos e crear sinerxias. Contará cun orzamento global de 1,6 millóns de euros procedentes do Innova-TE2, o ambicioso programa tecnolóxico do organismo provincial que, dotado con 15 millóns de euros, está financiado ó 70% pola Unión Europea.

O In Lugo atópase na segunda planta da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC, a localización máis axeitada, en tanto que se trata dun proxecto estreitamente vinculado coas novas tecnoloxías e a innovación, ó igual que o é a EIS, o único centro da provincia que imparte titulacións da rama audiovisual. Esta vinculación, tanto física, como de obxectivos, fai que o máis operativo sexa que a TIC pase a ocuparse da xestión do In Lugo, pois mellorará a súa eficiencia e aproveitaranse sinerxias.