Deputación de Lugo

O 24% dos beneficiarios do Pacto Provincial polo Emprego na Mariña seguiu traballando tras finalizalo proxecto

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro e Lara Méndez entregaron no Parador de Ribadeo ós participantes da comarca Oriental os diplomas do programa de inserción laboral da Deputación, financiado ó 80% pola UE Os 192 beneficiarios da Costa, o 80% deles mulleres, recibiron formación especializada nas profesións con máis potencial na zona -relacionadas cos servizos sociais, aproveitamento forestal, turismo, e cultura e lecer- e fixeron prácticas en 23 organizacións mariñanasO organismo provincial poñerá en marcha unha segunda fase do Pacto para ampliar as posibilidades de inserción laboral e crear emprego, axudando a paliar a difícil situación que vive a comarca

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, entregaron este mércores no Parador de Turismo de Ribadeo os diplomas de participación no Pacto Provincial polo Emprego ós 63 beneficiarios de 8 Concellos da zona oriental da Mariña: o propio municipio ribadense e os de Barreiros, Trabada, A Pontenova, Riotorto, Foz, Mondoñedo e Lourenzá. Gómez Besteiro recalcou “os bos resultados que obtivo na Costa o programa que puxemos en marcha grazas ós fondos europeos co obxectivo de mellorar as posibilidades de inserción laboral e reducilo desemprego, pois o 24% dos 192 beneficiarios no conxunto da comarca continuaron traballando tras finalizalo proxecto”. O Fondo Social Europeo financiou o 80% do plan, que incluíu, por unha banda, accións formativas para preparar a profesionais en novos nichos de emprego e con maior potencial de crecemento na zona –previamente diagnosticados- e, por outra, prácticas en empresas mariñanas.

Na Costa impartíronse 15 sesións de formación relacionadas con atención sociosanitaria, tanto a domicilio como en institucións; servizos de restaurante; operacións básicas para pisos e aloxamentos; promoción turística; aproveitamentos forestais; coidador de discapacitados; operacións auxiliares de fabricación; atención a enfermos de Alzhéimer; transporte sanitario; auxiliar de enfermería en xeriatría, e monitor sociocultural e de tempo libre. As prácticas tiveron lugar en 23 firmas e entidades: centro asistencial San Pablo y San Lázaro de Mondoñedo, Residencia Betania, Fundación Mensajeros de la Paz, Restaurante A Xoíña, Frigomar Burela, Ambulancias Carballosa y Otros UTE, Geriatros, Complejo Hotelero Las Sirenas, Fundación Eu Son, Insuiña, Hotel O Val do Naseiro, Restaurante El Mar de Foz, Pescados Rubén, Residencia de Maiores de Burela, Residencia Bartolomé, Ribadeo 2011 SL, e os Concellos de Ribadeo, Burela, Lourenzá, A Pontenova, Foz e Mondoñedo.

Dos 192 beneficiarios na Mariña, máis do 80% foron mulleres. Ademais, preto do 35% dos participantes eran maiores de 45 anos e un 17%, persoas en risco de exclusión social. Os participantes recibiron, tanto para a formación teórica como nas prácticas, unha axuda de 400 euros, equivalente ó 75% da cantidade establecida polo IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples). Esta subvención foi compatible coa percepción da prestación e subsidio por desemprego, sempre e cando non superase o importe fixado polo IPREM.

Novos pasos para impulsalo emprego

Consciente da difícil situación pola que está atravesando a comarca, coa caída de empresas que son piares do seu tecido socioeconómico como Muebles Hermida, Grupo Mon ou Aglomerados ECAR e cun número de parados que supera as 5.000 persoas, o Presidente subliñou “o inquebrantable compromiso da Deputación por recuperar a produtividade e o emprego na Mariña”. Neste senso, destacou que a institución provincial, “pese a que non temos competencias directas na materia, pois a responsable é a Xunta”, segue a promover proxectos para amplialas posibilidades de inserción laboral e estimulala creación de postos de traballo, como é precisamente a segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego, que será posible “grazas á confianza que volveu a depositar en nós a Unión Europea”. A institución logrou que este programa se convertese no 5º proxecto de toda España e o 1º de Galicia co maior importe outorgado polo Fondo Social Europeo na convocatoria de fondos 2011-2013, ó acadar 3,5 millóns, dos que Europa achegará o 80% e a Deputación, o 20%. Nestes intres, o organismo provincial está á espera de recibir ó visto bo do Goberno central ó programa de actuación do Pacto para poder comezar a executalo. Os beneficiarios, sen custe algún, recibirán formación e realizarán prácticas nos sectores de actividade con máis proxección de futuro, como as vinculadas ós servizos sociais.

Outra medida que exemplifica a acción do organismo provincial en favor do emprego é o novo programa de becas Leonardo da Vinci que a Deputación ofrecerá ós mozos titulados lucenses. Trátase de 50 bolsas de emprego financiadas ó 70% pola UE, destinadas a titulacións relacionadas co medio ambiente, as novas tecnoloxías, e a imaxe e son. O Presidente recordou así mesmo outras iniciativas levadas a cabo pola institución, como o Plan Lugo Emprega, que deu traballo a 711 desempregados da provincia, 181 de Concellos mariñanos; o desbloqueo dos parques de bombeiros, “co que saldamos unha débeda histórica coa comarca e, ademais de garantir a seguridade dos mariñanos as 24 horas do día os 365 días do ano, creamos emprego, pois nos parques de Barreiros e Viveiro traballan 42 profesionais”; o Plan Extraordinario de Obra Pública, “que supuxo unha inversión de 5 millóns de euros na Mariña e contribuíu a manter postos de traballo nun dos sectores máis castigados polo desemprego, como é a construción”; ou o programa Km0, que contribúe a manter uns 350 empregos directos en 35 empresas de sectores estratéxicos do tecido socioeconómico da comarca, pois a afluencia de visitantes que garanten as rutas organizadas -e máis tendo en conta que a Costa é o destino máis solicitado- supón un pulo para actividades coma a hostaleira, comercial, turística, artesá e agrogandeira.

“Chegou o momento de que a Xunta actúe”

Besteiro incidiu na necesidade de destinar investimentos públicos a poñer en marcha proxectos deste tipo para remontala crise e o desemprego, ó tempo que garantiu que a Deputación “vai a poñer todo o mellor de si, pero nós non temos o orzamento da Xunta, senón 150 veces menos, e tampouco temos competencias en emprego e industria”, polo que é necesario, engadiu, que o Goberno galego poña en marcha canto antes en colaboración co Goberno Central un plan de reactivación económica da Mariña co fin de evitar “unha auténtica catástrofe socioeconómica”, pois esta comarca “é un piar fundamental da provincia, que aporta un terzo do PIB lucense, e está vendo como día tras día están caendo empresas fundamentais para a súa sostibilidade económica e social”. “Chegou o momento de que a Xunta deixe de dar leccións a todo o mundo e actúe para resolver os problemas dos veciños da Mariña e do resto da provincia”, recalcou.