Deputación de Lugo

A Mariña converterase na capital española do surf por segundo ano consecutivo

Os 18 mellores surfers españois compartirán os seus coñecementos e experiencias na 2ª edición do Km0 Surf-Camp Deputación de Lugo, que terá lugar os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril en diferentes praias da MariñaEstán programadas actividades para todos os públicos e idades, totalmente gratuítas e que inclúen o préstamo de material para os que non dispoñan del: multiactividades acuáticas, exhibicións (expression session), charlas, proxeccións de vídeos, unha xornada de surf aberta ó público, cena- concerto ou sorteo de agasallosA Deputación agardar aínda máis éxito que o acadado na anterior edición, que conseguiu reunir a ducias de afecionados, prensa especializada e visitantes procedentes de toda España

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Deputado provincial José Ramón Val e David Martínez, propietario do establecemento ribadense ¡Hola!Ola, organizadores e patrocinadores do evento, presentaron este martes en Foz a segunda edición do Km0 Surf- Camp Deputación de Lugo, que acollerá durante a última fin de semana do mes de marzo ó mellor do surf nacional e internacional. Durante os días 30, 31 de marzo e 1 de abril, 18 profesionais farán da costa luguesa o punto de referencia deste deporte en España. Os galegos Gony Zubizarreta, Pablo Romero e Jaji Iglesias, xunto con outros campións coma Kepa Acero, Pablo Solar, Iván Villalba, Hodei Collazo, Adur Letamendía, Indar Unanue e novas incorporacións como o alemán Marlon Lipke, Hodei Collazo, Yoli Rodríguez e Loiola Canales, colaborarán coa institución provincial neste evento, que ten entre os seus obxectivos os de impulsar a Mariña de cara ó exterior, desestacionalizando o turismo na costa, así como poñer en valor a riqueza medioambiental da zona.

Gómez Besteiro amosou a súa plena confianza en que este ano aumentará o éxito acadado na pasada edición, e que reunirá de novo en torno ós areais lucenses a ducias de espectadores procedentes de todos os puntos da xeografía española, así como a directivos da Federación Española de Surf, prensa especializada e blogueiros, que cubrirán as múltiples actividades de afeccionados e campións nacionais de surf durante os tres días do encontro. Nesta liña, Besteiro subliñou a importancia dunha iniciativa deste tipo que “dun xeito diferente e orixinal, contribúe á promoción turística das marabillosas praias coas que contamos na Mariña, non só na temporada estival, senón tamén noutras épocas do ano, nas que a costa luguesa ten moito que ofrecer”

Ó mesmo tempo, este tipo de iniciativas convértense nun destacado factor de impulso económico para negocios da zona, non só pola importante afluenza de visitantes durante os tres días de celebración do evento, senón pola promoción que isto supón entre profesionais e practicantes do surf. Tal é o caso dos tres clubes de surf da Mariña, que colaboran na organización do Km0 Surf- Camp Deputación de Lugo: North Shore Surf Club, de Barreiros, Surfiños de Foz e The Van, de Viveiro. Estes tres clubes, xunto con ¡Hola!Ola serán os encargados de seleccionar a catro surfistas mariñanos, que competirán xunto cos profesionais nas diferentes actividades organizadas. Estes profesionais serán os encargados de seleccionar ó mellor deles, que obterá como premio unha esponsorización completa de material durante un ano, para poder competir e levar ó surf lugués, deste xeito, a outro nivel.

Actividades para todos os gustos
14 homes e 4 mulleres, todos eles figuras do surf, participarán nas diferentes actividades, abertas ó publico de todas as idades de xeito totalmente gratuíto. Estas darán comezo o venres 30 de marzo ás 19:00 horas no Cine Teatro de Ribadeo, coas charlas que ofrecerán algúns destes campións.
En primeiro lugar, Kepa Acero, falará ás 19:00 horas das súas experiencias durante o proxecto “Cinco olas, cinco continentes”, co que percorre o mundo: Perú, Chile ou Alaska xa son algúns dos destinos ós que viaxou na procura de olas case imposibles de surfear. Pola súa banda, Adur Letamendía compartirá cos asistentes, a partir das 19:30 horas, os seus coñecementos para surfear grandes olas, isto é olas de máis de 4 metros de altura. Ás 20:00 horas será a quenda de Jaime Azpiroz, que completará esta xornada formativa cunha charla acerca de como escoller atáboas e quillas en función do tipo de ola que se queira surfear. Finalmente, proxectarase o vídeo “Year Zero”, premio á mellor película de surf no 2011. Esta primeira xornada rematará cun sorteo de agasallos entre os asistentes.

O sábado 31, a partires das 10:00 horas, será o momento de inaugurar as olas mariñanas, coa celebración dunha expression session, na que os campións participantes e os iniciados neste deporte que o desexen exhibirán as súas habilidades (as localizacións poderán consultarse con antelación a través de www.facebook.com/km0surfcampdeputacionlugo). Xa pola tarde, ás 16:00 horas, haberá unha sesión de multiactividade (surf, kitesurf, paddlesurf, waterbirds, etc.) na praia da Rapadoira (Foz), así como a entrega de premios ós participantes e unha cea- concerto no pub Rockuncho, de Ribadeo.

Finalmente, ás 12:00 horas do día 1 de abril terá lugar a xornada de surf aberta na praia de Esteiro (Xove), durante a que todos os que o desexen, aínda que non teñan ningún tipo de experiencia ou coñecementos deste deporte, poderán surfear xunto á elite nacional, acompañados en todo momento por monitores que lles botarán unha man para que poidan aproveitar do mellor xeito posible esta experiencia. Non ter material propio non será excusa para non participar: todos aqueles que o desexen poderán conseguilo de xeito totalmente gratuíto chamando ó teléfono 982-120-064.

Máis surfistas de prestixio
Boa mostra do éxito acadado xa na primeira convocatoria deste evento é a nómina de profesionais deste deporte que acudirán á Mariña entre os días 30 de marzo e 1 de abril. Gony Zubizarreta é o surfista galego máis laureado, gañador da última edición do San Miguel Zarautz Pro e 2º clasificado no Pantin Classic, neste momento atópase na posto 17 da clasificación para o circuito mundial (WQS). Kepa Acero é un dos free surfer máis famosos, coñecido polas súas viaxes polo mundo, descubrindo olas case imposibles de surfear. Adur Letamendía é famoso por surfear grandes olas e actual gañador do campionato deste tipo máis importante de Europa: o Punta Galea EVE Challenge 2012, con olas de 6 a 8 metros.

Entre as novas incorporacións, xa que por problemas de axenda non puideron participar o ano pasado, destacan Hodei Collazo, outro dos grandes do circuito internacional, clasificado na 2ª posición do circuito mundial junior e Marlon Lipke, surfista alemán afincado en Portugal e que é un dos poucos europeos que acadaron clasificarse nos primeiros postos do circuito mundial. Non son estes os únicos participantes de prestixio: Pablo Solar, actual seleccionador da Federación Española; Luis Rodríguez, o segundo surfista galego máis laureado de todos os tempos; Pablo Gutiérrez, actual campión de Europa de surf; Erika Franco, que ocupa a terceira posición do surf feminino español ou Loiola Canales, campiona de España Sub-18 no ano 2011 contribuirán a poñer á Mariña no mapa do surf.


Para máis información pódese consultar as direccións seguintes: www.facebook.com/km0surfcampdeputacionlugo,