Deputación de Lugo

A Deputación aforra 200.000 euros en só dous meses coas primeiras medidas de redución de custes para 2012

A última delas, que consiste no recorte nun 27% na adquisición de material de oficina para todas as dependencias provinciais, foi aprobada hoxe na Xunta de GobernoA institución creará 11 páxinas web a outros tantos Concellos adheridos ó Innova-TE e continuará asumindo o mantemento doutros 39 portais municipais con fondos europeosO organismo provincial pecha “débedas herdadas do PP”, resolvendo unha obra que os populares adxudicaron sen terreos e aboando expropiacións de traballos xa executados

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, deu conta este venres das primeiras medidas de redución de custes para 2012 na Deputación, adoptadas polo Goberno Provincial no que vai de ano, e coas que leva aforrado 200.000 euros. A última destas foi aprobada hoxe en Xunta de Goberno. Trátase do recorte nun 27% na adquisición do material de oficina para todas as dependencias provinciais, supoñendo 24.800 euros menos que en 2011. Martínez indicou que esta medida é froito da implantación das novas tecnoloxías na institución, que permitiu, entre outras cousas, evitar a compra papel, e puxo como exemplo o Boletín Oficial da Provincia que xa non se distribúe en formato papel, senón en dixital, facilitando a súa consulta de xeito universal dende Internet.

O Deputado salientou que este ano tamén se evitou a adquisición dos papeis timbrados de oficio -informes dos servizos, cartas, etc- que se encargaban a unha imprenta, aforrando outros 20.000 euros anuais. Na súa substitución, optimizando recursos e evitando contratacións externas, o propio persoal provincial creou plantillas, que xa son empregadas como impreso oficial da institución en todos os seus departamentos.

Martínez informou, ademais, da posta en marcha dun proxecto piloto mediante o cal a Deputación alugou 5 impresoras e 4 equipos informáticos multifunción, que inclúen fotocopiadora ou fax, entre outros servizos, supoñendo un aforro de 24.750 euros anuais. Este é o custe que conlevaría a compra deste material, valorado en 22.000 euros, así como do seu mantemento ó ano, incluído no contrato, coa adquisición dos consumibles, é dicir, tóners ou tambores.

As restantes medidas de aforro dos primeiros meses de 2012 versan sobre os recursos enerxéticos. Deste xeito, a institución xa traballa con outros contratos para o subministro eléctrico en todas as instalacións provinciais logo da súa reforma, aforrando 130.000 euros ó ano e reducindo a factura eléctrica nun 25% con respecto ó ano pasado. Martínez adiantou que, seguindo as conclusións das auditorías da Axencia Provincial de Enerxía, a Deputación incrementará o aforre de custes este ano. Como mostra disto, a institución contempla agora a substitución das lámpadas convencionais e a melloras no sistema de calefacción.


Portais web nos Concellos
A Xunta de Goberno acordou a contratación do servizo para a creación de 10 portais web nos Concellos de A Fonsagrada, Abadín, Begonte, Castroverde, Cervo, Foz, Láncara, Ribadeo, Sarria e Viveiro. Este servizo inclúe, ademais, o mantemento destas novas páxinas, así comos as xa elaboradas noutros 39 municipios, é dicir, nos restantes Concellos que, de xeito voluntario, se sumaron ó Innova-TE. Estes son en total 49, todos agás Lugo que ten o seu propio plan e 11 Concellos do PP que rexeitaron esta programación. A maiores, a adxudicación aprobada na sesión de hoxe tamén contempla o mantemento das web de Deputación, Inludes, Granxa Gayoso Castro, Centrad e In Lugo. O total do contrato ascende 70.800 euros, procedentes de fondos europeos.

Precisamente, logo de que a Deputación lograse captar 25 millóns de euros da Unión Europea, a Xunta de Goberno aprobou a contratación de obras de mellora na planta baixa da ala norte do Pazo Provincial por valor de 147.363 euros co fin de optimizar este espazo, “desaproveitado polo anterior Goberno do Partido Popular que fixo del un rocho ou un almacén”, subliñou Martínez, e situar alí o departamento de novas tecnoloxías. O seu persoal é o encargado de xestionar iniciativas dos fondos europeos como, por exemplo, a administración electrónica ou a extensión da banda longa na provincia, as páxinas web dos Concellos ou a 1º plataforma de comercio electrónico.

“Débedas do PP”
Martínez informou que, “como exemplo das numerosas débeda que nos deixou o Partido Popular”, na sesión de hoxe tamén se pechou outra “das numerosas obras do famoso Plan de 50 millóns” que o PP deixou adxudicado malia non contar con crédito nin cos terreos necesarios para a súa execución. Deste xeito, a Xunta de Goberno acordou a devolución da garantía de 12.600 euros, depositada pola empresa que ía a realizar os traballos de mellora na estrada de Feasita a Froilebar, en Paradela.

Neste senso, na Xunta de Goberno deuse conta dunha sentenza que, “tamén como débeda herdada do PP”, a Deputación aboará 21.640 euros ós propietarios dunha finca no Concello de Barreiros que, en 2004, ocupou o anterior Goberno Provincial para a execución dunha obra sen expropiar parte dos terreos previamente. “Isto é de xustiza. Xa pagamos outras expropiacións sen sentenzas e incluso sen papeis ó demostrarse a invasión que fixo dos terreos o PP”.

Outra dos “imprescindibles investimentos que non realizou o Partido Popular nos 24 anos que estivo á fronte da institución”, destacou Martínez, foi o dunha póliza de seguro de responsabilidade civil e patrimonial que, en 2008, contratou este Goberno Provincial, e que se renovou hoxe na Xunta por valor de 130.000 euros anuais. Trátase do seguro que cubre danos a terceiros, acontecidos en calquera dos espazos que son responsabilidade da Deputación. Por exemplo, nos máis de 4.200 quilómetros da rede viaria. O voceiro lembrou que como o PP non tiña este seguro, a institución pagou 1 millón de euros a un veciño que sufre unha tetraplexia como consecuencia dun sinistro acontecido nunha estrada provincial.


Outros acordos
A Xunta de Goberno aprobou a modificación do proxecto inicial das obras de construción das piscinas de Becerreá por necesidades técnicas, sen modificar o seu orzamento. Trátase do cambio na situación dos vasos para unha mellor orientación ó sol. O tamén Alcalde deste municipio avanzou que se están ultimando os traballos polo que a infraestrutura abrirá no verán. Na sesión, tamén se aprobaron os Plans de Saúde e Seguridade no Traballo da segunda fase das obras de iluminación do paseo fluvial do río Cabe, en Monforte, os derradeiros con cargo ó canon neste municipio; así como o do acondicionamento da CP 0708 “De Cereixal a Louxas”, concretamente entre os puntos quilométricos 19,00 e 26,50, que discorren polos Concellos de Baralla, Becerreá, Baleira, Navia de Suarna e A Fonsagrada, incluido no POS 2011. Por último, acordáronse as contas xustificativas de 5 obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas noutros tantos municipios, exactamente en Cospeito, Outeiro de Rei, Portomarín, O Saviñao e Xermade, por valor de 43.975 euros, dos que a Deputación achegou 32.709 euros.