Deputación de Lugo

O reitor da USC presentou en Lugo as novas publicacións do Ibader

O instituto deu a coñecer un novo número da revista Recursos Rurais e dous traballos desenvolvidos polos seus grupos de investigación

Lugo, xoves 8 de marzo de 2012.- O reitor da USC, Juan Casares, presidiu no campus de Lugo o acto de presentación das novas publicacións do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader). Casares asistiu ao encontro en calidade de presidente do Consello de Goberno deste instituto de investigación, fundado en 1999 e do que tamén forman parte a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo.

A primeira das publicacións presentadas foi a revista oficial do Ibader, Recursos Rurais, que naceu no ano 2005 co obxectivo de difundir a actividade investigadora do instituto e do sector do desenvolvemento rural galego, pero tamén para dar cabida a traballos chegados desde calquera outro organismo ou ámbito xeográfico. Neste sétimo número, un dos artigos (referido a un estudo sobre a flora dunha rexión de Uruguai) está realizado por un equipo de investigadores do país suramericano.

Ademais da presentación da revista, o acto serviu tamén para dar a coñecer dous estudos realizados por grupos de investigación vinculados ao Ibader. Un deles leva por título Os faiais de Galicia. Ecoloxía e valor ambiental, e é unha recompilación de traballos sobre este tipo de bosques. O segundo denomínase Gestión de residuos agrarios de uso agrícola, e parte dos contidos que se imparten no curso de posgrao Experto en Xestión de Residuos Xerados nas Explotacións Agrogandeiras e das Industrias Agrarias de Transformación, que organiza o propio Ibader.

Compromiso coa sociedade
O reitor da USC destacou a importancia que teñen este tipo de traballos “para facer visible o labor que se desenvolve nesta institución e para cumprir o noso compromiso coa sociedade de difundir, achegar e poñer en valor todo o que a universidade xera en investigación e coñecemento, mesmo a lugares aos que era impensable chegar”. Os dous libros presentados forman parte do respositorio dixital do Servizo de Publicacións da USC, e poden descargarse gratuitamente desde calquera lugar do mundo.

No acto interveu tamén o director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, Ricardo García-Borregón Millán, quen agradeceu “a colaboración que recibimos do Ibader, un dos organismos cos que mantemos máis liñas de traballo conxunto, encamiñadas principalmente á conservación do medio natural, e que agardamos que se manteñan no futuro”. Do mesmo xeito, a deputada delegada de Medio Ambiente na Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, puxo de relevo o apoio da institución provincial ao Ibader “desde o seu comezo, que se concreta nunha importante achega económica anual e na cesión de espazos para o desenvolvemento do seu labor”.

A mesa de relatores completouse coa presenza da concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral do Concello de Lugo, Esther Muñoz Mella; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés; a directora do Ibader, Elvira López-Mosquera; e os coordinadores dos dous libros que se presentaron.

Múltiples liñas de traballo
O Ibader ten como principal obxectivo o apoio á investigación científica e técnica no ámbito do desenvolvemento rural e a biodiversidade agraria. O Instituto está constituído actualmente por oito grupos de investigación que levan a cabo estudos vinculados a sectores como a agricultura, medio natural, montes, gandería e desenvolvemento rural.

Dentro das súas liñas de I+D+i, no Ibader trabállase tamén en aspectos como a conservación e mellora das producións agrícolas tradicionais e das razas autóctonas, a sanidade vexetal, a xestión de residuos, a fertilidade do solo ou o desenvolvemento de estratexias comerciais para o impulso dos produtos agroalimentarios propios de Galicia.