Deputación de Lugo

Besteiro inaugura o 24º Encontro de Aulas de Terceira Idade de Galicia, que reúne en Lugo a 300 persoas

Os participantes son das 9 delegacións que esta entidade, sen ánimo de lucro e creada en 1978, ten na Comunidade: Lugo, Vilalba, Monterroso, Santiago, A Coruña, Padrón, Ferrol, Vigo e Ourense A Deputación mantén unha “estreita colaboración” coa delegación luguesa deste colectivo que “forma parte desta institución” ó desenvolver a súa múltiple actividade nun espazo, recentemente habilitado e dotado de servizos, nun dos pavillón do INLUDESO Presidente salientou que “a esperanza de vida aumenta 6 horas o día. De feito, en Lugo, os maiores de 65 anos dobran ós menores de 20. Non podemos prescindir desta importante parte da poboación da que temos moito que aprender e pola que temos que apostar”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este mércores no 24º Encontro de Aulas de Terceira Idade de Galicia (ATEGAL), que reuniu na Facultade de Veterinaria de Lugo a unhas 300 persoas. Esta é a terceira vez que se celebra na capital lucense o congreso de ámbito autonómico organizado pola entidade, dedicada dende 1978 a promover actividades socioculturais para mellorar a calidade de vida dos maiores. Ademais de Gómez Besteiro, na mesa presidencial tamén estiveron o Alcalde lucense, José López Orozco; o director de ATEGAL, Rafael Moreno; e as coordinadoras desta entidade en Galicia e Lugo, Paula Sande e Concepción Pintos, respectivamente. Os 300 asistentes ó acto pertencen ás 9 delegacións que ATEGAL ten na Comunidade galega: Lugo, Vilalba, Monterroso, Santiago, A Coruña, Padrón, Ferrol, Vigo e Ourense.

Besteiro salientou que “a Deputación mantén unha estreita colaboración coa delegación lucense deste colectivo sen ánimo de lucro dende a súa posta en marcha, hai 21 anos. Somos máis que veciños xa que estades dentro desta institución, formando parte dela”. E é que o organismo provincial cedeu espazos a ATEGAL para desenvolver as súas múltiples actividades na provincia. Deste xeito, comezou utilizando un dos pavillóns do INLUDES, despois pasou á coñecida como Casa Cuna e, dende o pasado 2011, usa o inmoble onde se atopaba o Fogar do Transeúnte. A institución luguesa acondicionou este último espazo, dotándoo de ascensor, calefacción, e baños adaptados. Ademais, habilitouno de novos e necesarios servizos, por exemplo, material informático, para a celebración de cursos.

Ano europeo do envellecemento activo e da sociedade interxeracional
O Presidente destacou a labor de Conchita Pintos, “alma máter das Aulas en Lugo”, das que se atopa á fronte dende o seu inicio na provincia, ademais de gabar a contribución desta iniciativa ó envellecemento activo. “Estamos nunha sociedade cambiante onde a esperanza de vida aumenta 6 horas ó día. De feito, en Lugo, os maiores de 65 anos dobran ós menores de 20. Non podemos prescindir desta importante parte da poboación da que temos moito que aprender e pola que temos que apostar”. A este respecto, Besteiro, que participa activamente dende hai anos nas iniciativas teatrais de ATEGAL, subliñou que “sodes exemplo de compañerismo, de ilusión, de dinamización....o voso traballo é impagable polo que a nós tócanos seguir colaborando, sobre todo, tendo en conta que estamos no ano europeo do envellecemento activo e da solidariedade interxeracional”.

Actividades no Inludes
No presente curso 2010-2011, que se desenvolve entre os meses de outubro e maio, a Aula da Terceira Idade de Lugo conta con un centenar de alumnos e no seu amplo programa de actividades figuran obradoiros de memoria, ximnasia, pilates, reciclaxe, informática, manualidades, cestaría e pintura, ademais dun taller de teatro que cada ano estrea dúas obras. Este ano, as pezas preparadas son “A Visita do Señor Inspector”, estreada en Nadal, e “El Sueño de una Noche de Verano”, unha peza que se representará en maio, na clausura do curso. As Aulas da Terceira Idade de Galicia están integradas na Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Alumnos, e a día de hoxe contan con máis de 1.300 socios. A boa acollida deste centro de formación sociocultural queda reflectido en que o 96% dos alumnos repiten ano tras ano.