Deputación de Lugo

A Deputación esíxelle á Xunta, co voto en contra do PP, manter a gratuidade e a universalidade da sanidade pública, evitando o repago

Logo de que a Xunta non puxese en marcha medias para paliar os danos do ano máis seco de Galicia, a proposta do Goberno Provincial, PSOE, BNG e PP demándanlle un plan de acción urxenteA institución anula unha operación de crédito de 4,5 millóns de euros con remanentes do ano pasado, acadando o endebedamento financeiro cero no 2012 e sendo a 3º Deputación máis saneada en EspañaO Executivo lugués resolveu, tras 3 anos de bloqueo, o proceso de retirada de títulos a Franco, á Falangue e a Pilar Primo de Rivera malia contar, unha vez máis, coa abstención do Partido Popular

O Pleno aprobou este martes, co voto en contra do Partido Popular, unha proposta do equipo de Goberno Provincial (PSOE e BNG) mediante a cal a Deputación de Lugo esíxelle á Xunta que manteña a gratuidade e universalidade da sanidade pública, evitando o repago. O Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, salientou que esta iniciativa lévase á sesión logo de que o Presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, plantexase que os cidadáns paguen máis para reducir o custe farmacéutico, poñendo como exemplo Portugal onde se aboan 20 euros polo servizo de urxencias; e despois de que a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, apoiase medidas como o incrementou do custe dos medicamentos coa taxa dun euro por receta que aplica Cataluña.

Díaz Valiño remarcou que “a día de hoxe, todos os españois, agás os pensionistas, pagan o 40% das medicinas. O sistema sanitario necesita dunha reforma para fortalecelo e non para debilitalo mediante o copago ou repago, que só impediría o acceso á sanidade a enfermos, pensionistas...., en definitiva, ós máis desfavorecidos, dando paso á privatización. En 2011, durante o debate do Estado da Autonomía, o PP votou en contra deste sistema. Nembargantes, este ano, cambiaron a súa postura, ó non apoiar unha proposta do PSdeG a este respecto. Para gañar credibilidade e garantir ós cidadáns o Estado de Benestar é preciso a unidade da Corporación Provincial entorno á sanidade. É un acto de responsabilidade”. O Partido Popular non apoiou esta proposta e defendeu o cofinanciamento do sistema.

Hospitais lucenses
Con esta proposta, o equipo de Goberno Provincial demanda, ademais, ó Executivo autonómico que especifique as medidas previstas para xestionar dun xeito responsable o sistema sanitario, así como a posta en marcha dun plan de acción específico que mellore as deficiencias nos hospitais de Lugo. A Xunta recortou en 500 millóns de euros o orzamento sanitario, acadando 300.000 galegos en listas de espera. No caso da provincia luguesa, o hospital da Costa, en Burela, é o 2º de Galicia que rexistra as maiores listas de espera en ciruxía. No Lucus Augusti non se implantaron os servizos de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear pese o seu anuncio. En Monforte de Lemos, continúa en paradeiro desaparecido o mamógrafo presentado polo PP e sen funcionar a UCI, mentres se perderon especialistas en Patoloxía e Traumatoloxía, compártense os de Radioloxía e os de Oftalmoloxía e Anestesia son insuficientes. Díaz Valiño subliñou que “non é de recibo que Feijóo siga enganando ós galegos e ós lucenses cando vén de gastar preto de dous millóns de euros nunha campaña publicitaria relativa ó uso dos xenéricos, a mesma cantidade co que se poderían construír catro centros de saúde dos 19 que o Presidente prometeu ó inicio do mandato e dos que só se licitaron e adxudicaron dous”.

Axudas para combater a seca
O organismo provincial tamén demanda ó Goberno galego a posta en marcha de medidas que combatan os efectos da seca na agricultura, gandeiría e vitivicultura, así como o deseño dun plan de acción coordinado co Goberno de España para minimizar o forte impacto económico que supón a escaseza de auga. Neste caso, a proposta do equipo de Goberno Provincial si contou o respaldo do Partido Popular, acadando a unanimidade. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou que, malia ser este “o ano máis seco da historia de Galicia, a Xunta non presentou ningunha iniciativa nova, limitándose, exclusivamente, a anunciar o adianto das axudas da PAC que, por dereito, os gandeiros cobran todos os anos. O único plan contra a seca do Goberno galego é preocuparse por esperar a que choiva”. As peticións da Corporación Provincial ó Executivo autonómico uniranse, deste xeito, ás xa realizadas por Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Xóvenes Agricultores, que pasan pola condonación de pagos á Seguridade Social, cambios no sistema fiscal ou créditos ICO con intereses baixos para alimentación ou infraestruturas.

Entre decembro e febreiro, na Comunidade non choveu nin o 30% do acostumado, obrigando ós produtores a destinar a maior parte dos seus ingresos á adquisición doutro tipo de alimentos que cubran a ausencia de forraxe. Por exemplo, o prezo do pienso experimentou unha suba dun 40% dende o mes xaneiro; a palla aumentou o seu custe nun cuarto de céntimo dende primeiros de ano; a alfalfa case se duplicou; e o millo subiu un 10%. Este sobrecuste supón, no caso das explotacións lácteas, un incremento de 5 céntimos por litro, de tal xeito que unha granxa cunha cota media de 200.000 quilos vese na obriga de desembolsar 10.000 euros máis ó ano. Outro dos gastos ó que deben facer fronte os gandeiros debido á situación climatolóxica é á suba dos fertilizantes, que aumentaron nun 20%. Un alto porcentaxe destes profesionais que xa abonaron as súas terras perderán o efecto dos abonos por mor da seca, o que provocará, segundo estima Unións Agrarias, perdas de 2,6 millóns de euros para as preto de 18.000 granxas luguesas que albergan case 300.000 cabezas de gando. Así mesmo, outros custos de produción que se ven afectados son os do gasoil, que sube un 42%, e a electricidade, un 26%.

Anulación de crédito
A sesión aprobou, coa abstención dos populares, a modificación do Orzamento para 2012, anulando unha operación de crédito de 4,5 millóns que se substitúen por remanentes de Tesourería, acadados o ano pasado e constatados agora logo de finalizar este exercicio. Este investimento corresponde: ó POS 2012 (1.781.983,11 euros) e parte do Proxecto de Conservación Integral da Rede Viaria Provincial (2.718.016,89 euros). A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, subliñou que esta decisión ten tres efectos positivos: “acadamos o endebedamento financeiro cero en 2012, reducimos a débeda financeira da institución, manténdoa por debaixo do 75% sobre os dereitos recoñecidos, e mantemos o principio de estabilidade no Orzamento de 2012”. Por todo elo, García Porto sentenciou que “somos previsores, realizamos unha xestión eficiente dos recursos, racionalizamos o gasto e mantemos unha situación saneada. De feito, somos a 3ª Deputación máis saneada de España, despois das de Cidade Real e Soria, segundo os datos do Ministerio de Facenda correspondentes a 2010 -os últimos que hai-, que figuran na súa páxina web oficial”.


Franco sen títulos
O Goberno Provincial logrou finalmente retirar os títulos da Provincia a Franco, á Falange e a Pilar Primo de Rivera malia contar, unha vez máis, coa abstención do Partido Popular na votación da resolución deste expediente, levada ó Pleno de hoxe. A modificación do Regulamento de Honras e Distincións da Deputación acordada en xaneiro a proposta do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e mediante a cal se establece que unha maioría é suficiente para despoxar de honras en substitución da unanimidade, fixo posible e que o Executivo lucense rematase cun proceso que iniciaba no 2009 e que estivo bloqueado durante 3 anos debido á falta de apoio do PP. Gómez Besteiro salientou que “os principais obxectivos desta retirada é lembrar e dignificar ás vítimas da Guerra Civil e da ditadura. As feridas existen, non as reabrimos e, sacalas á luz, é o único que pode facelas cicatrizar. Este proceso, que non supuxo custe algún para a institución, é un acto de xustiza cos lugueses desaparecidos que debería superar calquera diferencia política que poda existir entre os partidos representados nesta Corporación Provincial”.

Franco xa non é Presidente de Honra da Deputación e non conta coa Medalla de Ouro da Provincia, distincións que lle foron concedidas en 1944 e 1958, respectivamente. Da mesma forma, á Sección Feminina e á Fronte de Xuventudes da Falange, ó igual que a Pilar Primo de Rivera tamén lles foron retiradas ás súas Medallas de Ouro.

Este proceso arrancaba no 2009, coincidindo coa entrada en vigor da Lei de Memoria Histórica e contou sempre coa abstención do Partido Popular lugués. Deste xeito, hai 3 anos, os populares abstivéronse na votación ó respecto do inicio deste proceso administrativo, feito que non impediu que continuase a súa tramitación. No Pleno de decembro de 2011, o PP mantivo a mesma postura impedindo, agora si, a súa resolución debido a que, segundo dictada o artigo 15.1 do Regulamento de Honras e Distincións da Deputación, era necesario contar coa unanimidade da Corporación Provincial. Ante esta situación, o Presidente viuse na obriga de estudar esta normativa para atopar alternativas legais que permitisen, dunha vez por todas, a retirada de honras da provincia ó dictador, así como á seccións ou representantes do franquismo, co obxectivo de rematar con calquera vestixio dun réxime que deixou na provincia a unhas 5.000 víctimas.