Deputación de Lugo

O Pleno retirará mañá os títulos honoríficos da provincia a Franco grazas ó cambio no Regulamento proposto por Besteiro

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro adoptou a medida despois de que o PP frustrase en reiteradas ocasións dende 2009 a intención do Goberno provincial de despoxar das honras ó ditador

O Pleno da Deputación convocado para este martes retirará os títulos honoríficos da provincia ó dictador Francisco Franco, a varias seccións da Falange e a Pilar Primo de Rivera, grazas ó cambio no Regulamento de Honras e Distincións que a propia Corporación aprobou en xaneiro a proposta do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro. Con este cambio, deixa de ser necesario o apoio unánime dos Deputados, sendo suficiente a maioría, polo que a retirada de honras ó dictador que pretende o Goberno provincial dende o ano 2009 sairá adiante cos votos dos grupos socialista e nacionalista.

Gómez Besteiro decidiu levar o pasado mes de xaneiro a unha Xunta de Goberno extraordinaria un cambio no Regulamento de Honras e Distincións despois de que o Partido Popular frustrase en reiteradas ocasións a retirada de títulos honoríficos a Franco. A proposta do Presidente tiña como obxectivos actualizar e modernizar dita normativa, adaptándoa á Lei da Memoria Histórica, á de Igualdade de Xénero e ó galego, pero, principalmente, pretendía que prosperase a retirada das honras ó dictador. Cumpríndose estritamente os prazos dados nese momento polo Presidente, o novo Regulamento aprobouse no Pleno do mesmo mes de xaneiro -no que novamente o PP se abstivo- expúxose ó público para posibilitar a presentación de posibles alegacións ó respecto, e lévase ó pleno de marzo, que se celebrará mañá, para a súa aplicación definitiva.

Incoherencia do PP
O Goberno provincial iniciou o proceso da retirada dos títulos a Franco, a varias seccións da Falange a Pilar Primo de Rivera en 2009, coincidindo coa aprobación da Lei de Memoria Histórica, unha medida ante a que o PP mantivo unha postura incoherente. Deste xeito, hai 4 anos, os populares abstivéronse na votación ó respecto do inicio deste proceso administrativo, feito que non impediu que continuase a súa tramitación. No Pleno de decembro de 2011, o PP mantivo a mesma postura impedindo, agora si, a súa continuidade debido ó que, nese momento, ditaba o artigo 15.1 do Regulamento de Honras e Distincións.

Ante esta situación, o Presidente viuse na obriga de realizar un profundo estudo desta normativa para atopar alternativas legais que permitisen, dunha vez por todas, a retirada de honras da provincia ó dictador, así como á seccións ou representantes do franquismo, co obxectivo de rematar con calquera vestixio dun réxime que deixou na provincia unhas 5.000 vítimas. Esta complexa modificación levouse a unha Xunta de Goberno extraordinaria o pasado 12 de xaneiro, momento no que, sorpresivamente, o PP deu o seu visto e prace, postura que sen embargo cambiou no Pleno dese mesmo mes ó que se levou dito cambio na norma, volvéndose a abster na votación.