Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a Semana Santa lucense coa sinatura dun convenio coa Xunta de Confrarías

Gómez Besteiro e o Presidente da Xunta de Confrarías asinaron este luns un convenio de colaboración para potenciar o desenvolvemento de actividades que poñan en valor esta celebración, en cuxa organización participan directamente 3.000 persoasO Presidente considera que o recén acondicionamento da Catedral realizado polo anterior Ministro de Fomento, José Blanco, supón un atractivo engadido para esta Semana Santa que o ano pasado rexistrou na Oficina Municipal de Turismo 1.514 visitantesA institución provincial tamén colabora coa Semana Santa de Viveiro, cita que vai camiño de converterse en “Festa de Interese Turístico Internacional”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, máis o Coordinador Xeral da Xunta de Confrarías, Ramón Basanta, acompañados por representantes de todas elas, asinaron este luns un convenio de colaboración para o impulso da Semana Santa lucense, na que están implicadas directamente 3.000 persoas. O convenio responde a varios motivos: relixiosos, económicos, a proxección turística e a posta en valor do traballo realizado polas Confrarías. A Deputación achega 8.000 euros, que sufragarán parte dos gastos derivados da promoción e organización dos diferentes actos dunha Semana Santa que cada ano está máis preto de acadar a declaración de “Festa de Interese Turístico Galego”.

O organismo provincial colabora así coa Xunta de Confrarías que engloba a seis irmandades da capital lucense: A Borriquita, Virxe da Esperanza, Desencravo do Señor e dos Maiores Dolores de María Santísima, Bo Xesús e do Nazareno, Santo Cristo do Perdón e Nosa Señora da Piedade, Sacramental e Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén. Ramón Basanta quixo “agradecer a sensibilidade e recoñecemento que sentimos todos nós con este convenio, xa que a Deputación sempre se mostra aberta ó noso colectivo”.

Gómez Besteiro destacou a popularidade que ano tras ano está a gañar a Semana Santa lucense, polo que felicitou “ás Confrarías polo seu traballo impagable”. Ademais explicou que, neste momento de austeridade para todos é difícil seguir apoiando iniciativas pero, a Semana Santa lucense, á marxe do significado para os católicos, é unha oportunidade económica e turística para a cidade de primeira magnitude.

O responsable provincial - nomeado o pasado ano Cofrade de Honra da Virxe da Esperanza- subliñou que “ademais o recén acondicionamento da Catedral, impulsado polo anterior goberno de España, supón un atractivo engadido nesta convocatoria”, que se suma ó feito de ser a cidade do Santísimo Sacramento. Gómez Besteiro lembrou que durante o ano pasado a Oficina Municipal de Turismo rexistrou 1.514 solicitudes de información na Semana Santa, rexistrando unha ocupación hoteleira superior ó 80%, a pesares de ser unha semana marcada polas choivas, o que obrigou a suspender algunha das principais procesións.


Nova colaboración coas Confrarías da provincia
A de Lugo non é a única Semana Santa coa que colabora a institución luguesa. A Deputación de Lugo renovou o pasado febreiro a súa colaboración co Concello de Viveiro e coa Xunta de Confrarías da localidade mariñana, co obxectivo de impulsar aínda máis esta celebración e acadar a declaración como “Festa de Interese Turístico Internacional” dunha Semana Santa que figura entre as máis importantes de Galicia.

A achega da Deputación estará destinada á instalación e mantemento da carpa-museo que se vén colocando dende hai 5 anos para acoller todos os pasos da Semana Santa, que o pasado ano concentraron uns 12.000 visitantes.