Deputación de Lugo

Arrincan os primeiros cursos de artesanía do CENTRAD para 2012

O Centro de Artesanía e Deseño acolle dende hoxe e ata o 27 de abril tres cursos de cestaría, macramé e confección de alfombras coas 27 prazas dispoñibles cubertasMañá dará comezo outro curso de iniciación á olaría que se desenvolverá en Mondoñedo de 17:00 a 19:00 horas os martes e xoves ata o 15 de maio O resto dos cursos programados, coa cota de prazas cubertas ós poucos días de abrir o prazo de inscrición, comezarán a finais de abril e comezos de maio

A Deputación pon en marcha hoxe a programación de primavera dos cursos do Centro de Artesanía e Deseño para 2012 con “Iniciación á cestaría”, “Tecer con nós. Macramé” e “Confección de alfombras en teares de baixo lizo”. Ata o vindeiro 27 de abril, as vintesete persoas que cubren todas as prazas dispoñibles para estes tres cursos aprenderán diferentes técnicas de oficios tradicionais nas instalacións do CENTRAD. Son os primeiros dos sete que a Deputación ten previstos para esta primavera e que, coma en anteriores edicións, responden á intención da institución provincial de potenciar a tódolos niveis un sector artesanal que, ó igual que a economía vencellada ós produtos autóctonos, supón unha oportunidade económica de primeiro nivel para a provincia que hai que aproveitar.

O primeiro en dar comezo será o de macramé, no que os 10 alumnos poderán elaborar diferentes obxectos empregando as técnicas de anoado que aprenderán durante as sesións celebradas de 9:30 a 13:30 horas. En canto o de tear de baixo lizo, de 16:00 a 20:00 horas, os 7 matriculados coñecerán a técnica de manexo dun tear de 8 pedais para elaborar alfombras e no de cestaría, outras 10 persoas aprenderán este traballo tradicional en horario de 16:30 a 19:30 horas. Todos estes cursos desenvolveránse de luns a venres nas instalacións do Centro de Artesanía.

Grazas á intención dos responsables provinciais de descentralizar a formación impartida tanto a través do Centro de Artesanía como a través das propias Aulas de Formación da Deputación, Mondoñedo será o escenario que acollerá dende mañá o curso “Iniciación á olería”, no que están inscritas sete persoas. Todos os martes e xoves, ata o vindeiro 27 de abril e de 17:00 a 19:00 horas, os alumnos aprenderán algún dos segredos dos “cacharreiros”, que é como se coñecía ós artesáns desta localidade mariñana, así como as distintas formas tradicionais da olaría mindoniense.

Máis cursos en abril

Os outros tres cursos programados polo CENTRAD para esta primavera darán comezo entre a derradeira semana de abril e a primeira de maio e se desenvolverán nas instalacións do Centro de Artesanía. As prazas dispoñibles para estes cursos tamén quedaron cubertas ó pouco tempo de abrir o prazo de solicitudes. Estes son “Fabricación de pezas. Torques”, “Encaixe de palillos” e “ Iniciación á cestaría de vimbio”. A partires do 21 de abril, os 7 alumnos do curso de fabricación de torques adicarán os sábados de 16:00 a 21:00 horas e os domingos de 9:00 a 14:00 horas a elaborar esta típica peza de ourivería. Pola súa banda, os 8 participantes no de encaixe de palillos, terán a súa quenda entre o 30 de abril e o 25 de maio, de 9:30 a 13:30 horas os luns, mércores e venres. e as 10 persoas que se iniciarán nas labores con vimbio farano de 9:00 a 14:.00 horas de luns a venres, dende o 8 ata o 15 de maio.