Deputación de Lugo

Besteiro entrega os premios do I Concurso de Fotografía sobre Terras do Miño convocado pola Deputación para potenciala Reserva

Rodrigo Díaz López recibiu o 1º premio, dotado con 800 euros; Paula Fernández Fulgencio, o 2º, con 400 euros; e Germán Limeres López, o 3º, con 200 eurosO Presidente destacou que co certame, ó que se presentaron 60 persoas con 250 imaxes, “quixemos poñer en valor a Reserva, que é unha oportunidade económica para a provincia”O xurado valorou a calidade técnica das obras gañadoras, a súa temática sobre a auga, a composición e a forza do cromatismo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, entregou este xoves no Pazo de San Marcos os premios do I Concurso de Fotografía sobre Terras do Miño, convocado polo organismo lugués con motivo do 10º aniversario da Reserva co obxectivo de “poñer en valor os recursos paisaxísticos e etnográficos deste espazo natural, que é unha oportunidade económica para a provincia”, subliñou o mandatario provincial. Os galardoados, todos veciños da cidade, son: Rodrigo Díaz López, que acadou o 1º premio coa obra Muíño Agochado, dotado con 800 euros en metálico; Paula Fernández Fulgencio, levou o 2º, de 400 euros, pola imaxe á que titulou Negro; e Germán Limeres López, o 3º premio, de 200 euros, co traballo Auga. O xurado, composto por cinco profesionais da provincia de recoñecido prestixio, valorou a calidade técnica das obras gañadoras e a súa temática sobre a auga, así como a composición das fotos, a forza do cromatismo e do encadre, e o xogo de iluminación.

O certame rexistrou unha elevada participación, pois presentáronse 60 persoas, que entregaron 250 imaxes tomadas nalgún dos 26 Concellos da Reserva e coa auga como fío condutor, pois este é o elemento que conforma o ecosistema característico deste entorno protexido.

A entrega dos galardóns tivo lugar na Sala de Exposicións da Deputación, onde permanece aberta a mostra de fotografías e material audiovisual As Paisaxes da Auga, centrada precisamente tamén en Terras do Miño. Son de feito ós últimos días para poder ver a colección, pois pechará este domingo. O organismo provincial organizou esta exposición de maneira complementaria ó concurso de fotografía, continuando coa axenda de actos culturais e divulgativos cos que conmemora o 10º aniversario da declaración de Terras do Miño como Reserva da Biosfera pola UNESCO. A mostra de San Marcos está aberta ó público en horario de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas, de luns a sábados, e de 11:00 a 14:00, os domingos. Xunto á calidade técnica e artística das obras expostas, As Paisaxes da Auga conta cun aliciente engadido, pois por primeira vez, ademais de pola entrada principal, o público pode acceder á Sala de Exposicións polos xardíns traseiros da Deputación, dentro da aposta da institución por dinamizar este espazo e por integrar a propia paisaxe que rodea o Pazo na temática da exposición.

Impulso ás Reservas

Estes proxectos, concurso e exposición, lévanse a cabo no marco do convenio que a Deputación asinou co Ministerio de Medio Ambiente para impulsar o desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, das cales o organismo provincial é o máximo responsable. O acordo de colaboración conta cun orzamento global de 1 millón de euros, dos que o Ministerio achega un 65% e a Deputación, o 35% restante.

O 10º aniversario de Terras do Miño, a primeira Reserva declarada en Galicia, cúmprese oficialmente o 7 de novembro, pero os actos conmemorativos da Deputación estenderanse ó longo de todo o ano. De feito, arrancaron xa no mes de xaneiro cunha exposición na Capela de Santa María composta por material fotográfico, audiovisual e artesán sobre as 40 Reservas da Biosfera existentes en España. Esta mostra, que estivo aberta hasta finais de febreiro, foi única en Galicia, pois a meirande parte do material foi cedido por polo Ministerio de Medio Ambiente e non se expoñerá en ningún outro lugar da comunidade. Outro dos actos estrela cos que a Deputación conmemorará o aniversario de Terras do Miño é a gala Lvcvs Moda, que terá lugar o 8 de maio no Círculo das Artes de Lugo e terá como tema central o medio ambiente e os valores da Reserva.