Comeza no CENTRAD un novo curso de artesanía para adultos
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
A Deputación vén de poñer en marcha este sábado un novo curso da programación de primavera do Centro de Artesanía e Deseño. Trátase de Fabricación de pezas. Torques. Ata o vindeiro 13 de maio, as sete persoas que cubren a totalidade das prazas dispoñibles para esta acción formativa, aprenderán as técnicas de elaboración desta peza tan representativa da cultura castrexa e que pervive coma complemento de moda nos nosos días. A institución provincial continúa potenciando así un sector que conxuga tradición e modernidade, sendo unha oportunidade económica de primeiro nivel.
O curso desenvolverase nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño os sábados de 16:00 a 21:00 horas e os domingos de 9:00 a 14:00 horas, e os alumnos aprenderán técnicas de fabricación de pezas en metal, así coma algo da historia da ourivería. O encargado de compartir os seus coñecementos cos participantes será Adolfo Domínguez, recoñecido ourive lucense con obradoiro propio.
A tempada de primavera do CENTRAD conta con dous cursos máis que se celebrarán nas instalacións do Centro na Travesía da Rúa Chantada da capital lucenses. Son Encaixe de palillos e Iniciación á cestaría. O primeiro deles terá lugar os luns, mércores e venres do 30 de abril ó 25 de maio, de 9:30 a 13:30 horas, coas oito prazas cubertas, ó igual que as dez do curso de cestaría de vimbio, entre o 8 e 15 de maio, de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres.