Deputación de Lugo

Besteiro inaugura na Capela de Santa María Laxeiro, Cosmoloxías, que amosa en primicia obras procedentes de coleccións particulares

O Presidente destacou o privilexio de que a Capela sexa o primeiro escenario no que verán a luz de xeito conxunto estas 24 obras do internacional pintor pontevedrésEsta será unha oportunidade única de admirar obras procedentes de coleccións particulares de España e Portugal que amosan a creatividade do pintor entre os anos 1954 e 1973A mostra permanecerá aberta ó público ata o día 20 de xullo, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados de 17:00 a 20:00 horas e domingos de 11:00 a 14:00 horas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este xoves na Capela de Santa María a mostra Laxeiro, Cosmoloxías, que reúne 24 obras do destacado pintor galego. Estas vén a luz por primeira vez de xeito conxunto, tras ser cedidas por coleccionistas particulares de España e Portugal, polo que a exposición que dende hoxe poderá ser admirada na Capela constitúe unha oportunidade única para achegarse á obra dun dos máis destacados artistas galegos de todos os tempos.

Besteiro subliñou que dende na institución provincial “sentímonos moi fachendosos do nivel que, mostra tras mostra, vai acadando esta Capela, polo interese que xeneran as exposicións que aquí se exhiben”. Precisamente, durante a última exposición que acolleu a sala de exposicións da Deputación, o responsable provincial destacaba que xa foran máis de 9.000 persoas as que durante o pasado ano se achegaran ata a Capela de Santa María para visitar mostras coma Leonardo da Vinci e a música, Presenten... armas!, Evolution Kalimandrica, Vientos del Norte, Soliloquios, La metamorfosis esperada e Red Española de Reservas de la Biosfera. Terras do Miño, a Reserva da Paisaxe da Auga. A estas hai que sumar as máis de 1.200 que visitaron 73x73x273, a Irmá do sono, as 27 reflexións sobre a morte fixeron outros tantos artistas galegos a través de diferentes soportes artísticos. “A Capela de Santa María xa é a sala de exposicións de Lugo, xa que é un espazo aberto ás novas promesas, artistas consagrados e figuras senlleiras da cultura galega, grazas ós convenios que a Deputación ten asinado con institucións coma a Fundación Laxeiro ou a Universidade de Santiago”, destacou Besteiro, quen confiou en que seguirán dando froitos no futuro.

Finalmente, o titular provincial quixo agradecer á Fundación Laxeiro, representada polo seu director artístico, Javier Pérez Buján, que ademais é o comisario desta mostra, o esforzo feito para conseguir agrupar por vez primeira estas 24 obras procedentes coleccións particulares españolas e portuguesas, e que Lugo sexa o escenario no que estas se expoñen por primeira vez. Nesta liña, Pérez Buján, fixo extensible o agradecemento a todos os que cederon as súas obras. Estes son a galería de arte Montenegro de Vigo; colección J.M. Cortizo de Padrón; Museo Municipal Quiñones de León de Vigo; Novagalicia Banco; Universidade de Santiago de Compostela e Concello de Vigo, así como coleccionistas privados de Lugo, A Coruña, Vigo e Pontevedra.

24 obras senlleiras

O nome de Laxeiro, Cosmoloxías reflicte nun dobre sentido. Por unha banda, o universo de personaxes reais ós que o artista fixo cobrar vida: xente coma O Naranxo Rei do Mundo, un tolo da comarca do Deza, que foi quen, de feito, bautizou ó artista coma Laxeiro; a Señora Perditil, A familia do pintor ou O fillo do tolo, son algún dos que dende este xoves e ata o 20 de xullo pódense admirar na Capela. Por outra banda, a exposición está concebida coma un cosmos, xa que as obras que forman parte desta mostra non seguen unha liña temporal, senón que fan un percorrido por diferentes etapas estilísticas de Laxeiro datados entre 1954 e 1973, anos de grande creatividade durante os que o pintor pontevedrés atopou inspiración en diferentes estilos, coma o barroco galego, o expresionismo ou o cubismo máis picassiano.

Obras nas que o artista emprega cores primarias e a súa produción camiña cara o horror vacui (medo ó vacío), dun xeito anárquico, co que Laxeiro amosa o seu inconformismo, a súa rebeldía e ó tempo denuncia o que el considera hipócrita ou falso, dende unha concepción socialista do mundo: O Martirio do boneco Ramón, Campesiños, A farsa ou Muller crucificada, reflexionan sobre o inxusto da existencia, dun xeito alonxado da pintura arquetípica doutros coetáneos. Laxeiro contribuiu decisivamente, xunto con outros destacados artistas coma Seoane, Souto, Maside ou Colmeiro, a renovar a pintura galega e introducila na contemporaneidade.

Horarios da exposición

A exposición estará aberta ata o vindeiro 20 de xullo para todos os que desexen achegarse ata a Capela de Santa María no seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas e domingos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.