Deputación de Lugo

O programa Km0 da Deputación potencia o turismo interior con preto de 5.400 desprazamentos nos últimos seis meses

Veciños de toda a provincia redescubriron os recursos medioambientais, culturais e económicos de Lugo en 120 rutas no semestre que vai da cuarta tempada do proxecto A Deputada de Economía, Pilar García Porto, recibiu este martes a 48 integrantes da Asociación de Veciños Santa Eulalia de Santalla, de Riotorto, e a 55 da Asociación de Viúvas Julia Minguillón de Lugo, que percorreron a Zona Sur e A Mariña

O programa Km0 da Deputación de Lugo contribuíu a potenciar o turismo interior na provincia con preto de 5.400 desprazamentos nos últimos seis meses, isto é no que vai da cuarta tempada do proxecto. Veciños de toda a provincia redescubriron os recursos medioambientais e culturais de Lugo nas 120 rutas que tiveron lugar neste período, ademais de dinamizar a actividade económica de sectores estratéxicos, como a hostalería, o comercio, a actividade agroalimentaria ou a artesá.

O Km0 continúa nesta terceira semana de maio con catro rutas, que realizarán 206 veciños da provincia. O programa desenvolverase este martes e mañá, pois o xoves, Día das Letras Galegas, non haberá actividades por ser xornada festiva. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, recibiu hoxe no Salón de Actos de San Marcos ós dous primeiros colectivos da semana: 48 integrantes da Asociación de Veciños Santa Eulalia de Santalla de Riotorto e 55 da Asociación de Viúvas Julia Minguillón de Lugo. O primeiro grupo continuou o itinerario visitando as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación para viaxar logo a Chantada, onde comeu no restaurante Mogay. Coñeceu despois a presa e o pobo de Belesar, a ruta de sendeirismo de Pesqueiras e a bodega Vía Romana. O grupo lucense, pola súa banda, trala recepción en San Marcos, desprazouse a Pozo do Ollo, comeu no restaurante Area Grande do Vicedo e achegouse á Ponte do Ferro, Estaca de Bares, Illa Coelleira, praia de Arealonga e porto vicedense.

Na xornada de mañá mércores, 48 persoas anotadas no Km0 de xeito individual percorrerán a Zona Sur visitando o Museo do Viño de Monforte, os Muíños de Antero, e as bodegas e a ruta de sendeirismo de Vilachá, na Pobra do Brollón. Ademais, 55 alumnos do CEIP Fondo Nois de Foz coñecerán o CENTRAD, darán un paseo polas inmediacións do Miño, a muralla e o seu centro de interpretación, a catedral e as Termas. A comida terá lugar no restaurante lucense os Robles.

Como inscribirse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.