Deputación de Lugo

Centos de persoas descobren a riqueza gastronómica dos Ancares nunha xornada organizada pola Deputación na Coruña

A actividade forma parte da campaña de difusión dos recursos naturais, etnográficos e culinarios da Reserva da Biosfera dos Ancares que o organismo provincial puxo en marcha no centro comercial Dolce Vita da cidade herculina No marco dun convenio co Ministerio de Medio Ambiente, a institución luguesa terá durante todo este mes un posto promocional con todo tipo de información sobre a Reserva, así como a réplica dunha palloza cunha exposición no interior sobre os oficios tradicionais

Centos de persoas descubriron a riqueza gastronómica da comarca dos Ancares nunha xornada que organizou na Coruña a Deputación de Lugo, no marco da campaña que puxo en marcha o organismo provincial no centro comercial Dolce Vita para difundir os recursos medioambientais, etnográficos e culinarios desta Reserva da Biosfera. A xornada, celebrada este sábado, consistiu en degustacións de produtos derivados do Porco Celta. Os numerosos asistentes entraron así mesmo en sorteos de estancias en casas de turismo rural, cestas de produtos autóctonos, rutas e obradoiros de oficios tradicionais, todos obsequios pensados para que os agraciados coñezan de primeira man e in situ os valores e posibilidades dos Ancares.

As actividades de difusión desta comarca enmárcase nun acordo de colaboración asinado pola Deputación co Ministerio de Medio Ambiente para impulsalo desenvolvemento das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. A iniciativa posta en marcha polo organismo provincial, financiada ó 66% polo Ministerio, consiste na instalación dun posto promocional e na organización de diversas actividades durante todo este mes de maio no centro comercial Dolce Vita da Coruña, o que constitúe un escaparate cun público potencial dunhas 300.000 persoas, pois esta é a cantidade de xente que percorreu o complexo en maio do pasado ano. A afluencia media semanal nesta época é de 75.000 persoas, situándose en ó redor de 28.000 de media os sábados, segundo a xerencia do centro comercial.

Comercio electrónico
O público que se achegue ó stand, que abriu o pasado mércores, atopará todo tipo de información sobre os recursos medioambientais, produtos autóctonos e posibilidades turísticas da Reserva dos Ancares e, máis en concreto, sobre as empresas da zona adheridas a www.losproductosdelugo.com a plataforma de comercio electrónico que a Deputación puxo en marcha hai un ano para abrir novos mercados ás firmas lucenses. A institución provincial contribúe deste xeito por medio das novas tecnoloxías ó desenvolvemento económico de Lugo e á promoción das empresas, abríndolles unha nova canle de venda dos seus produtos e servizos, o que lles axuda a subir o volume de beneficios, ser máis competitivas e manter empregos. As firmas teñen deste xeito un espazo para anunciarse, vender e distribuír os seus produtos en novos mercados tanto nacionais como internacionais as 24 horas do día, os 365 días do ano. Ofrécese así mesmo por vez primeira unha imaxe de marca dos produtos de Lugo de cara ó exterior, independentemente do provedor que os ofreza.

As persoas que pasen polo posto que a Deputación instalou no centro comercial Dolce Vita encontrará así mesmo a réplica dunha palloza típica dos Ancares cunha exposición no interior sobre os oficios tradicionais. O stand estará aberto de luns a venres, de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados, de 18:00 a 22:00 horas.

En canto ás actividades complementarias, xunto ás que tiveron lugar este pasado sábado, haberá máis o día 19, e consistirán en degustacións de produtos típicos e sorteos de agasallos, entre outros, estancias en casas de turismo rural, cestas de produtos autóctonos, rutas e obradoiros de oficios tradicionais.

Con esta iniciativa, a Deputación continúa co plan de acción para potencialo desenvolvemento das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses que desenvolve a través do convenio de colaboración que ten asinado co Ministerio de Medio Ambiente. Este acordo está dotado cun total de 1 millóns de euros, dos que o departamento estatal achega o 66%, e un dos seus obxectivos fundamentais é difundir entre a cidadanía en xeral e entre os profesionais dos sectores vinculados a todo o relacionado co medio ambiente, en particular, as características e recursos das Reservas da Biosfera, para garantir a súa conservación, atraer visitantes e dinamizar a economía dos seus territorios a través dunha xestión sostible.