Deputación de Lugo

A Deputación denuncia que as decisións do PP sobre a PAC e o IRPF impoñen ás granxas lucenses un sobrecuste de 73 millóns

O Goberno provincial levará ó Pleno unha proposta para demandar á Xunta que asuma o 100% dos intereses dos adiantos das axudas da PAC, evitando que os produtores, por primeira vez, se vexan obrigados a pagar por adiantado por unha axuda da UE que xa é súaNa mesma iniciativa plenaria, esixe ó Executivo central que restableza a redución dos módulos de cotización nas declaracións da renda para actividades agrícolas e gandeiras, pois do contrario os produtores terán que desembolsar un sobrecuste de 72 millóns O Deputado de Economía Rural advertiu que estas dúas novas cargas económicas para o sector agrogandeiro lucense “agravan a súa xa maltreita situación actual e poñen en risco a viabilidade futura de moitas explotacións”

O Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández, avanzou este xoves que o Goberno provincial levará ó próximo Pleno, o 29 de maio, unha proposta para instar ó Executivo autonómico a financiar o 100% dos intereses dos adiantos das axudas da PAC e ó Ministerio de Facenda, a modificar a normativa de módulos de cotización do IRPF para actividades agrícolas e gandeiras, pois son dúas decisións que obrigarán ás explotacións da provincia a afrontar só neste ano un sobrecuste de máis de 73 millóns de euros. José Fernández advertiu que “estas novas cargas económicas para o sector agrogandeiro lucense impostas por Gobernos do PP, non só agravan a súa xa maltreita situación actual, senón que poñen en risco a viabilidade futura de moitas explotacións”, pois súmanse ós efectos da seca deste ano e á situación dos mercados. Neste senso, lembrou o Deputado, hai que ter en conta que, mentres os prezos actuais do leite son semellantes ós de 6 anos atrás, e os do gando tan só son un 15% superiores, o incremento que experimentaron o prezo dos pensos, fertilizantes e a enerxía sitúanse entre un 35 e un 60%.

O Executivo provincial está en desacordo co sistema de cobro adiantado das axudas da Política Agraria Común (PAC) posto en marcha pola Xunta de Galicia para aliviar as consecuencias da seca e baseado nunha liña de créditos bancarios porque supoñerá “unha nova carga financeira para as granxas da provincia, que están a padecer os efectos dos baixos prezos en orixe”. Dita decisión, ratificada pola Consellería de Medio Rural e dez entidades financieiras, consiste nunha liña de préstamos cuxo importe máximo non pode exceder o 90% da contía da axuda europea, e que sae a un interese do 6,25%. Desta porcentaxe, a administración galega subvencionaría o 3,25% mentres que o gandeiro terá que abonar o 3% restante. É dicir, os produtores veranse, por primeira vez, na obriga de pagar intereses por adiantado dunha axuda directa de Bruxelas que xa é súa.

En Galicia hai 43.703 gandeiros que cobran o pago único da PAC, en total 106 millóns de euros. Por tanto, segundo o programa da Xunta, esta só aportará uns 400.000 euros para financiar os intereses dos créditos, “unha cifra claramente insuficiente, que tan só representa o 0,37% da cantidade total”. Na provincia de Lugo, estímase que sexan 15.290 os produtores que se beneficien este ano da PAC con 48 millóns de euros. Pero co acordo da Xunta, no caso de que todos eles soliciten o adianto das axudas, veranse na obriga de pagar 1,5 millóns de euros, correspondentes ó 3% de intereses que establece o préstamo bancario.

Esta “gravosa medida” para o sector súmase ós efectos da recente decisión do Ministerio de Facenda de suprimir a redución de módulos de cotización nas Declaracións da Renda, de xeito que, no caso do leite, aumentan un 12% e, no da carne, un 6%. Esta suba nas cotas do IRPF suporá importantes custes ós que deben facer fronte as explotacións gandeiras que existen en Lugo e que non só afectan negativamente á economía actual das granxas, senón tamén á viabilidade futura. Ditos custes, poden chegar ata os 4.000 euros de media, polo que, se se multiplica dita cantidade polo número de explotacións, o sobrecuste que deben desembolsar os produtores lucenses coa decisión do Goberno Central ascenderá a 72 millóns de euros. O Equipo de Goberno da Deputación esixe por elo ó Executivo central que restableza a redución dos módulos de cotización do IRPF para non “castigar aínda máis” ó sector agrogandeiro.

Son necesarias medidas estruturais

Para o Executivo provincial, “é preciso que a Xunta de Galicia, a administración coas competencias directas en medio rural, poña en marcha medidas estruturais que axuden ós gandeiros galegos e lucenses a paliar este custes derivados da política de recortes que está a protagonizar o Executivo estatal, e que se suman ós provocados pola ausencia de choivas nos últimos meses e á situación dos mercados”. Considera que as axudas anunciadas para sufragar os préstamos concedidos polas entidades financeiras con base ás axudas da PAC que cobran no outono “son totalmente insuficientes e pouco realistas. Son necesarios, pois, outros apoios ós que poidan acceder as explotacións en especiais dificultades por mor desta situación excepcional”.