Deputación de Lugo

O Goberno Provincial insta á Xunta a cumprir con Lugo "de xeito inmediato" logo de 3 anos e medio de silencio

O Pleno debatirá mañá unha proposta na que a Deputación úrxelle ó Executivo autonómico iniciar negociacións para acordar convenios “en asuntos estratéxicos para a economía da provincia”Dende novembro de 2009, data do único encontro de Besteiro e Feijóo, a institución solicitou ata en 8 ocasións unha reunión co Presidente da Xunta para definir colaboracións sen obter resposta algunhaOs 3 anos e medio de silencio e os continuos enganos do Goberno galego non impediron que a institución luguesa puxese en marcha en solitario o Centro de Recría ou a rede de residenciasOs recortes en Benestar Social, que Feijóo abordou cos titulares das Deputacións agás co de Lugo, a ampliación do servizo contraincendios, a transferencia de vías, a extensión da banda longa e a instalación dun elevador en acceso á Muralla, son outros dos asuntos que a Xunta mantén bloqueados

O voceiro socialista, Manuel Martínez, avanzou este luns que o equipo de Goberno Provincial instará á Xunta de Galicia a cumprir cos compromisos adquiridos con Lugo “de xeito inmediato” logo de tres anos e medio de silencio. Farao no Pleno de mañá, durante a defensa dunha proposta coa que urxe o inicio das conversas e negociacións precisas de cara a asinar convenios de colaboración en “asuntos estratéxicos para o desenvolvemento socioeconómico da provincia” como o Centro de Recría, a rede de residencias, a transferencia de estradas, a extensión da cobertura contraincendios no 100% do territorio lugués, o acceso á banda longa en todos os núcleos poboacionais e a ocupación do espazo público nos xardíns do Pazo de San Marcos para a colocación dun elevador.

Novembro de 2009. É a data do único encontro que mantiveron o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o seu homólogo no Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e no que abordaron “as necesidades da provincia”. Foi o único malia que, posteriormente, Besteiro solicitou por escrito e ata en 8 ocasións unha nova reunión para definir a colaboración de ambas as dúas administracións de cara a potenciar o sector agrogandeiro, fixar poboación no rural, combater o avellentamento, a dispersión xeográfica ou a falta de relevo xeneracional, así como incrementar o investimento en políticas sociais.

Sen resposta e con enganos

Ningún dos escritos obtivo resposta, pero os 3 anos e medio de silencio da Xunta non impediron que a Deputación traballase en solitario. Mostra delo, a institución luguesa puxo en marcha os seguintes proxectos, recibindo, nalgúns casos, promesas dende o Goberno galego que non foron cumpridas, converténdose en enganos:

- Centro de Recría. A postura da Xunta sobre este proxecto foi: primeiro demorou a súa posta en marcha, tardando máis de 1 ano en conceder a licencia imprescindible para iniciar os traballos de construción. Logo, negou a colaboración económica e, finalmente, tanto Feijóo como o Conselleiro de Medio Rural, por aquel entón Samuel Juárez, non quixeron nin tan sequera visitar as súas obras. Todo isto, malia ser o primeiro Centro de Recría de gando vacún público en España e ser considerado como o proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo en Galicia nas últimas décadas. En solitario, o organismo provincial constrúe esta iniciativa, dotada de 12 millóns de euros, nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. A Deputación asumiu este proxecto consciente das súas oportunidades económicas. E é que acollerá 3.000 novillas, triplicando a capacidade existente na Comunidade e aforrando miles de custes ós gandeiros que xa non terán que recriar a súas novillas fóra de Galicia. Ademais, xerará un volume de negocio de 3 millóns de euros ó ano.

- Rede de residencias. Pouco antes das eleccións municipais de 2011, a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou que a Xunta concertaría prazas nas instalacións públicas programadas pola Deputación ó igual que fai en centros de carácter plenamente privado. Pero estas declaracións quedaron no olvido xa que, finalmente, Mato negouse a elo, asegurando en público que as residencias en Lugo “non son prioritarias nin necesarias”. Todo isto malia que o Instituto Nacional de Estatística mantén que Lugo é, xunto a Ourense, a provincia máis avellentada de Galicia, xa que o 33,7% da súa poboación ten máis de 60 anos, o supón 6 puntos por riba da media galega. Ademais, o MATIASS, documento imprescindible entre todos os traballadores sociais de Galicia para construír residencias, mantén que a provincia lucense é a que menos centros de atención á terceira idade ten, con 49. Destes, 30 son públicos e 19 privados. Pola contra, Ourente ten 97, A Coruña 82 e Pontevedra 67. As mesmas fontes constatan que Lugo é a provincia con menos prazas residenciais con 3.507 fronte ás 6.060 da Coruña, ás 4.682 de Ourense e ás 4.405 de Pontevedra. A falta de apoio do Goberno galego obrigou a reprogramar a rede de residencias na provincia para a que a Deputación conta con 15 millóns de euros.

- Benestar Social. Este é outros dos asuntos no que a Deputación busca a colaboración da Xunta logo de que o Goberno galego recortase nos últimos anos as axudas para persoas dependentes, chegando a cero euros en 2012 no caso das que están en fase de ser recoñecidas como tal en todos os Concellos da provincia agás no de Lugo. Son 3.000 lugueses e 2.000 os traballadores afectados por estes recortes na provincia, que Feijóo tratou con todos os Presidentes das Deputacións de Galicia agás co de Lugo malia a petición expresa de Besteiro. Ante as políticas do Executivo galego, a institución luguesa incrementou en máis de 1 millóns de euros o gasto social na provincia, suplindo á Xunta -administración galega con competencias directas en Benestar Social- en Lugo unha vez máis, ó igual que fai coa construción dunha rede de residencias.

Máis asuntos en espera

- Cobertura contraincendios no 100% da provincia. En 2008, o anterior Goberno galego e esta Deputación creaban o Consorcio Provincial de Bombeiros, organismo que puxo en marcha 5 parques, rematando coa discriminación que sufría Lugo nesta materia xa que era a única provincia galega sen servizo contraincendios. O actual Executivo autonómico soubo continuar con este proxecto. Por este motivo, Besteiro propúxolle extender esta prestación ó 100% do territorio lugués, asumindo custes ó 50%.

- Transferencia de estradas. É outro dos asuntos que mantén bloqueada o Partido Popular dende que chegou a San Caetano, obrigando á Deputación a manter a rede viaria máis extensa de España con 4.200 quilómetros de estradas e a desembolsar millóns de euros.

- Extensión da banda longa. A Xunta non garante que os galegos teñan acceso á Internet ata 2014 como mínimo mentres que a Deputación xa implantou a administración electrónica e a banda longa nos Consistorios lugueses que así o quixeron. Por este motivo, é fundamental que o Executivo autonómico axilice os seus trámites para que os veciños poidan empregar os servizos facilitados a custe cero polo organismo provincial.

- Elevador nos xardíns provinciais. O Parlamento aprobou por unanimidade instalar un elevador nos xardíns do Pazo Provincial para facilitar o acceso á Muralla. A Deputación mostrouse favorable a esta iniciativa que esta á espera do financiamento e do proxecto necesario, cuestións das que é responsable a Xunta de Galicia.