Deputación de Lugo

45 rapaces inician en xullo os obradoiros gratuítos do CENTRAD

Son os primeiros participantes de entre 5 a 16 anos nesta iniciativa da Deputación que inclúe cursos de monicreques, pintura, cestaría de reciclaxe, xoiería de arxila, coiro e graffitiEn total, 90 mozos formaranse nas técnicas máis novidosas da tradición artesanal durante este mes e o vindeiro cos estas xornadas que contribúen a conciliar a vida familiar e laboral

45 rapaces de entre 5 a 16 anos inician este mes os obradoiros que, de xeito gratuíto, lles ofrece o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Trátanse de cursos sobre coiro, cestería de reciclaxe, monicreques –os que se están a celebrar esta semana-, xoiería de arxila, pintura e graffiti –que terán lugar entre ós días 9 e 13 de xullo-.

Son os primeiros participantes desta iniciativa que impulsa a institución provincial co fin de achegar a tradición artesanal ós máis novos, amosándolles técnicas novidosas para buscar o máximo atractivo, e de conciliar a vida laboral e familiar. E é que estes cursos realízanse durante as vacacións de verán, ó igual que en ocasións anteriores tiveron lugar en Semana Santa e no Nadal. En todas as súas convocatorias o éxito foi rotundo, enchendo a cota de prazas disponibles en poucos días. Neste caso, foron un total de 90 os rapaces inscritos. Os restantes 45 mozos participarán nestes obradoiros durante o mes de agosto. Concretamente, farano en dúas quendas: do 20 ó 24 e do 27 ó 31 agosto.

As instalacións do Centro de Artesanía e Deseño, situadas na travesía da rúa Chantada da capital luguesa, acollerá ó longo destes dous meses 12 cursos didácticos e adaptados ás idades dos participantes:

obradoiros de monicreques ou pintura para nenos de 5 a 10 anos. No primeiro do casos, poderán confeccionar bonecos, títeres ou outros obxectos como espellos con materiais de refugallo. No segundo, aprenderán diferentes técnicas de pintura para traballar nas súas pequenas obras de arte de xeito individual ou colectivo.

obradoiros de xoiería e cestaría de reciclaxe para nenos de 8 a 14. Farán prendedores, colgantes ou chaveiros en arxila, que moldearán e pintarán eles mesmos. Con papel de periódico, roupa vella ou bolsas de plástico poderán confeccionar cestos e tapices.

obradoiros de grafitti e coiro para os rapaces de 12 a 16 anos que, por primeira vez, se incorporan á programación do CENTRAD. Terán a oportunidade de descubrir as súas habilidades coa pintura de spray para deixar a súa pegada en paneles de DM. Crearán as súas propias pulseiras ou carteiras de coiro.