Deputación de Lugo

Besteiro traslada o apoio da Deputación ó tecido asociativo ós máis de 300 participantes no Congreso de COGAVE

É o encontro das Federacións Veciñais de Galicia que logo de 7 anos se celebra en Lugo coa colaboración do organismo provincial ó financiar o 50% desta cita na que se debaten os recortesO Presidente avanza á asamblea que a Deputación incorporou esta mesma semana ó seu Orzamento máis de 1 millón de euros para incrementar a súa colaboración cos colectivos luguesesO titular provincial reivindicou que “o movemento asociativo é un mecanismo imprescindible para o progreso social, para unha sociedade máis integradora e xusta. É un piar fundamental da democracia”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este sábado na inauguración do Congreso Bianual de Asociacións Veciñais Galegas –COGAVE-. Máis de 300 delegados dos 400 colectivos que integran as Federacións Veciñais das catro provincias galegas participan nesta cita que, logo de 7 anos, se celebra por 2º vez en Lugo coa colaboración da Deputación que financia o 50% deste encontro. Os obxectivos do Congreso son renovar a Xunta Directiva, que liderará Jesús Vázquez, Presidente da Federación de Veciños de Lugo, e debatir as asuntos de “maior preocupación veciñal” ante os recortes.

Precisamente, consciente da importante redución de ingresos que están a padecer as asociacións por parte das principais administracións en Galicia e España, Gómez Besteiro destacou que esta mesma semana o Pleno Provincial aprobou a incorporación no Orzamento da Deputación para 2012 de máis de 1 millóns de euros, procedentes de remanentes, co obxectivo de incrementar a colaboración da institución luguesa cos colectivos lugueses sen ánimo de lucro. “Apostamos pola participación cidadá e pola extraordinaria labor das asociacións en prol do desenvolvemento e da promoción da provincia”, subliñou.

Piar da democracia

O titular provincial salientou que “o movemento asociativo é un mecanismo imprescindible e insubstituíble para o progreso social, para lograr unha sociedade máis integradora, xusta e dinámica. É de feito un piar fundamental da democracia, xa que canaliza a representación formal e informal dos cidadáns ante os poderes públicos”. Por este motivo, o Presidente incidiu en que o organismo lugúes “camiña da man” do tecido asociativo da provincia cun “forte compromiso de colaboración”. En mostra do anterior, Besteiro abordou proxectos como o Plan de Comunidades Veciñais, unha iniciativa dotada de 2 millóns de euros, financiados ó 100% pola institución luguesa, que permite ós veciños mellorar servizos públicos de carácter municipal, ante a imposibilidade dos Concellos. “Xuntos, traballamos pola calidade de vida e a dinamización do rural, combatendo o despoboamento demográfico”. Outros exemplos da colaboración que mantén a Deputación do tecido asociativo da provincia, son os convenios cos máis de 60 colectivos lugueses para a difusión da súa actividade mediante os medios técnicos e profesionais da Fundación TIC, así como os hortos subvencionados no contorno do río Rato ou o tamén apoio financieiro para a celebración do Día do Veciño ou deste congreso de COGAMA.