Deputación de Lugo

A Deputación impulsa unha investigación pioneira da USC no cultivo de viñedos en pendente na Ribeira Sacra

Gómez Besteiro comprobou os traballos desenvolvidos nunha viña experimental en Portomarín, onde a Deputación financia a investigación de innovadores métodos sanitarios e de cultivoDeputación e veciños melloran o abastecemento de auga corrente para as vivendas da parroquia de Castro-San Martín, no marco do Plan de Comunidades Veciñais 2011A institución provincial leva investidos no Concello de Portomarín preto de 3 millóns de euros na posta en marcha de infraestruturas e acondicionamento de servizos nos últimos 5 anos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado por Julián García, un dos investigadores que está a traballar neste proxecto, supervisou este martes as actuacións, levadas a cabo por expertos da Universidade de Santiago de Compostela e financiadas polo organismo provincial, nuns viñedos situados no Monte do Cristo deste Concello e que son pioneiras en Galicia. Trátase dunha investigación encamiñada ó aforro de enerxía, ó minimizar a necesidade das actuacións do viticultor en tarefas como a limpeza do terreo ou o aporte de nutrintes á viña.

Unha das conclusións ás que están chegando ós investigadores é que, ó contrario das prácticas habituais de manter limpas de herba estas plantacións, o mantemento dunha capa de vexetación entre cepas (chamado “acolchado”) evita a aparición doutros vexetais máis prexudiciais para o cultivo, ó tempo que evita a excesiva erosión do terreo. Segundo os datos manexados polos investigadores, fronte á perda dunha media de 50 toneladas de terra por hectárea e ano, estas logran reducirse con este “acolchado” a unha perda de terra de tan só 80-90 quilogramos por hectárea e ano. Polo tanto, redúcese esta perda de sustrato un 99%. Por outra banda, o rego selectivo da planta en lugar das técnicas de rego habitual, tendo en conta diversos factores, como a climatoloxía, obriga á cepa a competir polos nutrintes coa herba que crece ó seu arredor, aumentando a calidade e forza da viña, revertindo nun aumento da cantidade e calidade do seu froito.

Os técnicos que están a traballar nesta plantación, cunha superficie de 2,7 hectáreas en alta densidade (isto é, cunha media de 6.000 plantas por hectárea), ademais da redución de custos enerxéticos, tamén estudian outros factores que inflúen na calidade e cantidade da produción e, polo tanto, na rendibilidade das viñas, como son as enfermidades víricas deste cultivo e como estas afectan ó viñedo galego e o da Ribera Sacra en particular.

Gómez Besteiro quixo subliñar a importancia da investigación encamiñada “á innovación nos sistemas de produción, que conseguen a optimización dos recursos dispoñibles, imprescindible no caso dos produtos autóctonos de calidade da provincia”. A investigación que a Universidade está levando a cabo nesta leira experimental é de vital importancia para a mellora das posibilidades de cultivo en zonas de contorna de monte.

Os principais beneficiarios dos resultados desta investigación pioneira serán os propios viticultores, xa que poden seguir de preto o desenvolvemento dos ensaios. Os resultados obtidos polos investigadores teñen unha aplicabilidade directa e inmediata, porque se desenvolven en circunstancias similares ás que eles se enfrontan. De calquera xeito os resultados destas investigacións serán tamén de aplicación ó resto de viticultores da denominación de orixe Ribeira Sacra augas abaixo.

Deputación e veciños melloran o abastecemento de auga nas casas

Durante esta visita, o máximo responsable provincial aproveitou para supervisar as melloras levadas a cabo na parroquia de Castro-San Martín, consistentes na construción de novos depósitos de subministro para o abastecemento de auga corrente nas casas desta parroquia portomarinense. Estas obras de mellora foron financiadas pola institución provincial a través do Plan de Comunidades Veciñais 2011. Con esta nova colaboración, a Deputación conseguiu mellorar notablemente a calidade de vida dos preto de 100 veciños desta parroquia, que ata o momento contaban cunhas deficientes instalacións que lles dificultaban enormemente o correcto subministro de auga corrente nas súas casas.

Besteiro destacou a importancia de manter a cooperación cos Concellos da provincia para levar a cabo este tipo de obras menores, aínda que non por elo menos relevantes, xa que cobren necesidades básicas de veciños, ó tempo que os Concellos aforran cartos. O Presidente quixo destacar que este tipo de actuacións “cobran especial importancia á hora de evitar o éxodo demográfico do rural cara as cidades”

Preto de 3 millóns investidos en 5 anos

Con esta última actuación, o organismo provincial leva investidos preto de 3 millóns de euros na posta en marcha de servizos e mellora dos existentes no Concellos. Nos cinco anos do goberno bipartito, deuse resposta a vellas reivindicacións e necesidades que dende había anos viñan sendo reclamadas polos veciños do municipio sen obter resposta.

Precisamente no marco das axudas concedidas a través do Plan de Comunidades Veciñais, a Deputación leva financiadas diversas actuacións por valor de máis de 100.000 euros, dirixidas ó acondicionamento de infraestruturas e instalacións para os veciños, como o caso destes depósitos de auga en Castro-San Martín, a mellora de camiños nos núcleos de Vedro, Soengas, ou Caborrecelle; a rehabilitación de Centros Sociais coma o de Castrolázaro, a habilitación dun parque infantil e un biosaudable na Avenida de Sarria ou mesmo o saneamento da parroquia de Recelle tras a negativa da Xunta a facelo.

En canto ás infraestruturas, tamén a Deputación acometeu a mellora de estradas provincias e municipais de Portomarín, como a que une o Alto de Valiño con Valdeporrás, na que se investiron preto de 800.000 euros; a mellora dos accesos ós núcleos de Lousada, Mariz e Gai, ou a repavimentación e dotación de servizos das rúas do Miño e Deputación, obras que supuxeron un aforro de case 42.000 euros ás arcas municipais.

En canto a mellora de servizos, grazas ó programa Innova-TE, a Deputación permite que finalmente, os veciños poidan facer máis de 140 trámites administrativos por Internet dende as súas casas, a pesares de ser competencia da Xunta. Con esta iniciativa, ademais de aforrar tempo e cartos ós veciños, tamén o fai co Concello, ó que lle aforra uns gastos de preto de 800.000 euros. O Concello acadou finalmente cobertura ante emerxencias, grazas á rede provincial de parques de bombeiros e mesmo conseguiu por primeira vez apoio institucional para poñer en marcha a festa do Augardente, que supón un importante impulso á economía municipal, grazas ós beneficios que a chegada de visitantes aporta a sectores coma o comercio, o hosteleiro ou o gastronómico. Estos mesmos beneficios son os que aporta o programa Km0, que achega visitantes ó Concello durante todo o ano.