Deputación de Lugo

Éxito das actividades medioambientais de Lugoteando na Mariña, que reuniron a preto de 250 participantes

O poder de convocatoria desta iniciativa da Deputación, que suma xa máis de 400 participantes dende a súa posta en marcha a finais de xullo, demostra a potencialidade do ocio medioambiental como oportunidade económica da provinciaTras celebrarse en Monforte, Vilalba, Viveiro e Foz, continuará o día 25 na Fonsagrada e entre o 6 e o 9 de setembro en Lugo, datas para as que xa hai uns 300 inscritosOs interesados en anotarse aínda poden facelo chamando ós números de teléfono 982-12-00-64 ou 609-90-32-11, ou na web www.deputacionlugo.org

As actividades de ocio medioambiental do programa Lugoteando da Deputación que tiveron lugar esta fin de semana na comarca da Mariña foron un éxito, reunindo a preto de 250 mozos e maiores coas diferentes propostas ofrecidas no entorno do Club Náutico de Viveiro e na praia focense da Rapadoira. O poder de convocatoria desta iniciativa demostra a capacidade do ocio medioambiental como oportunidade económica da provincia, unha firme aposta da Deputación para xerar riqueza e emprego, e fixar poboación. Deste xeito, son xa máis de 400 as persoas que participaron no programa dende a súa posta en marcha en xullo (nas actividades desenvolvidas en Monforte, Vilalba, Viveiro e Foz), que se suman ás ó redor de 3.000 que gozaron da iniciativa nas dúas pasadas edicións, no 2010 e 2011.

Trala Zona Sur, A Chaira e A Mariña, o calendario de Lugoteando continúa esta fin de semana, o día 25 na Fonsagrada, e entre o 6 e 9 de setembro no entorno do río Miño ó seu paso pola capital lucense. Para estas datas hai xa uns 300 inscritos, pero os interesados aínda poden anotarse, ben chamando ós números de teléfono 982-12-00-64 ou 609-90-32-11, na web www.deputacionlugo.org na que o usuario pode descargar un formulario que debe enviar cuberto á dirección lugoteando@deputacionlugo.org No caso dos menores de idade, terán que presentar unha autorización asinada polos pais ou titores, que poden descargar na web e enviar por correo a lugoteando@deputacionlugo.org ou ben in situ.

As actividades desenvolveranse en horario de 15:00 a 20:00 horas e serán as seguintes:
Na Praza do Museo da Fonsagrada: segway, skate eléctrico, long skate e simulador de surf.
No entorno do río Miño en Lugo: paddle surf, batuxos, bolas acuáticas, scooters acuáticos, paseos en canoas e actividades infantís.
Pola economía medioambiental
O programa Lugoteando reforza outras iniciativas coas que a Deputación potencia a economía medioambiental na provincia, tales como o Km0, que leva xerado un volume de negocio de 1,5 millóns de euros nas empresas da provincia, sobre todo PEMES e autónomos, e contribúe a manter 1.400 postos de traballo directos; o Km0 Balnearios no Camiño, grazas ó que o pasado ano estiveron 1.350 persoas nos establecementos termais de Palas, Pantón, Lugo e Guitiriz, e este ano farano outras 1.400; ou o Surf Camp, que serve de tirón para aumentala ocupación hoteleira na Mariña fóra de tempada, chegando na última edición a rozar o 80% na zona oriental da comarca, e incluso superar esta porcentaxe no Concello de Ribadeo.