Deputación de Lugo

A Deputación potencia o ocio medioambiental como oportunidade económica da provincia coa 3ª edición de Lugoteando

A Vicepresidenta Segunda anunciou que este ano, por primeira vez, o programa esténdense a toda a provincia e prolongarase durante tres meses –de xullo a setembro- co fin de que máis familias e xente nova poidan gozar das actividades de lecer ecolóxico Paddle surf, bolas e bananas acuáticas, scooters acuáticos, skates eléctricos, surf, kite surf, paseos en batuxo e canoa, e percorridos en segway, son as propostas deste ano, que se ofrecerán en Lugo, Monforte, Vilalba, Viveiro, Foz e A FonsagradaA inscrición no programa, cofinanciado ó 80% pola Unión Europea, pode facerse dende hoxe chamando ós teléfonos 982-12-00-64 ou 609-90-32-11; a través da web da Deputación http://www.deputacionlugo.org/ ou ben in situ, antes de que comece cada actividade

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, anunciou este luns a posta en marcha da terceira edición de Lugoteando, un programa cofinanciado ó 80% polos fondos europeos FEDER a través do proxecto Lug02, co que o organismo lugués potencia “o ocio medioambiental como oportunidade económica da provincia, aproveitando e poñendo en valor os grandes recursos fluviais e litorais cos que contamos”, subliñou Méndez. Dada a boa acollida que tivo esta orixinal iniciativa nas dúas primeiras edicións, pois participaron preto de 3.000 persoas, tanto de Lugo, como do resto de Galicia e incluso de fóra, “decidimos estender este ano, por primeira vez, as actividades de ocio ecolóxico a toda a provincia e prolongalas durante tres meses, xa que ata o de agora eran dous, co fin de que máis familias e xente nova poidan gozar das actividades de lecer ecolóxico, e seguir potenciando o turismo, un sector que representa o 30% do PIB lucense”, explicou a Vicepresidenta. “Poñer en valor a nosa riqueza natural supón máis ingresos para a provincia e máis turismo”, destacou Méndez.

Deste xeito, entre o 21 de xullo e o 9 de setembro ofreceranse nos Concellos de Lugo, Monforte, Vilalba, Viveiro, Foz e A Fonsagrada as seguintes propostas: paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf; bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; scooters acuáticos para mergullarse como golfiños; skates eléctricos; surf; kite surf, unha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos; paseos en batuxo e canoa; e percorridos en segway, un vehículo eléctrico de dúas rodas con autobalanceo controlado por ordenador. Estas actividades son totalmente respectuosas co entorno e están dirixidas a calquera persoa maior de 7 anos de idade.

A inscrición pode facerse dende hoxe mesmo chamando ós números de teléfono 982-12-00-64 ou 609-90-32-11; a través da web da Deputación http://www.deputacionlugo.org/ na que o usuario pode descargar un formulario que debe enviar cuberto á dirección lugoteando@deputacionlugo.org ou ben in situ, antes de que comece cada actividade. Esta última opción non garante que haxa prazas libres. No caso dos menores de idade, terán que presentar unha autorización asinada polos pais ou titores, que poden descargar na web e enviar por correo lugoteando@deputacionlugo.org ou ben presentar antes do inicio das actividades que desexen participar.

Datas e lugares

As datas e localizacións das actividades de Lugoteando son as seguintes:

21 de xullo, no Parque dos Condes de Monforte de Lemos.
28 de xullo, na área recreativa da Madalena de Vilalba.
18 de agosto, no entorno do Club Náutico de Viveiro.
19 de agosto, na praia focense da Rapadoira.
25 de agosto, na Praza do Museo da Fonsagrada.
Días 6, 7, 8 e 9 de setembro, no río Miño ó seu paso por Lugo.

En tódolos lugares, as actividades desenvolveranse entre as 15:00 e as 20:00 horas.

Preto de 3.000 persoas

Dende a posta en marcha do programa Lugoteando, foron preto de 3.000 persoas as que redescubriron ou coñeceron por primeira vez a riqueza fluvial e litoral da provincia, pois, nas dúas edicións celebradas, non só houbo participantes dos Concellos lucenses, senón doutras partes da comunidade galega, como Ferrol e A Coruña, e incluso de fóra, como a zona occidental de Asturias.

A Vicepresidenta Segunda destacou que este programa reforza outras iniciativas “coas que dende a Deputación potenciamos o medio ambiente como oportunidade económica da provincia, tales como o Km0, que leva xerado un volume de negocio de 1,5 millóns de euros nas empresas da provincia, sobre todo PEMES e autónomos, e contribúe a manter 1.400 postos de traballo directos de preto de 250 empresas; o Km0 Balnearios no Camiño, co levamos o pasado ano 1.350 persoas ós establecementos termais de Palas, Pantón, Lugo e Guitiriz, e este ano levaremos outras 1.400; ou o Surf Camp, que serve de tirón para aumentala ocupación hoteleira na Mariña fóra de tempada, chegando na última edición a rozar o 80% na zona oriental da comarca, e incluso superar esta porcentaxe no Concello de Ribadeo”.