Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo reducirá a cero a súa débeda financeira ó finalizar este mandato

García Porto fixo este anuncio tras aprobar no Pleno unha nova rebaixa do endebedamento da institución noutros 3,6 millóns de euros, sumando este ano 11,5 millóns amortizadosInterposto o recurso contencioso contra a Xunta tras suprimir a achega autonómica das Axudas no Fogar a 3.000 lucenses fronte ó incremento da Deputación ata os 600.000 eurosAprobouse anular “ós maiores recortes sociais na democracia”, “consensuar cos Concellos a necesaria reforma do Réxime Local” e executar o POS en Lugo tal e como xa adiantara a Deputación que vai a facer con 1,7 millóns de euros malia que “Rajoy tensase suprimilo” Besteiro avanza que o Goberno Provincial “non cesará a súa actividade en agosto xa que “continuará coa súa axenda”, celebrando comisións informativas e Xuntas de Goberno, así como avanzando nas súas programacións, como as europeas de 25 millóns de euros

O Pleno aprobou hoxe unha nova redución do endebedamento da Deputación por valor de 3,6 millóns de euros. Esta cantidade súmase á rebaixa de 7,8 millóns contemplada no Orzamento de 2012, supoñendo que a cifra de débeda amortizada no que vai de ano sume 11,5 millóns de euros. A responsable de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, salientou que “de manter o mesmo nivel de amortización anual dos últimos 5 anos, o Goberno Provincial fará que a débeda da Deputación sexa cero ó rematar o mandato”.

E é que coa amortización acordada este martes na sesión plenaria, o endebedamento da institución luguesa situase agora nos 51 millóns logo de que o Goberno provincial rebaixase o déficit financeiro en 38,7 millóns de euros dende 2007. Isto conlevou que, segundo datos oficiais do Ministerio de Facenda, na actualidade o organismo lugués figure como a Deputación máis saneada de Galicia, así como a 6ª en España, tras as de Cidade Real, Soria, Segovia, Ávila e Zamora. En contraposición, segundo datos do Banco de España, Galicia é a quinta Comunidade con maior volume de débeda xa que, só no primeiro trimestre de 2012, o Goberno galego aumentou a súa débeda nun 19,5%.

“Somos previsores, realizamos unha xestión eficiente dos recursos, racionalizamos o gasto e mantemos unha situación saneada, sen recortar nas políticas de emprego e benestar social, como instrumentos fundamentais para fixar poboación”, subliñou a Deputada. Neste senso, Porto lembrou a posta en marcha da segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego, que sen custe algún abrirá novas oportunidades laborais a 340 parados da provincia con formación e prácticas remunerados nas profesións con máis futuro en Lugo; ou o Plan Integral Agropecuario Forestal, que formará gratis a 900 persoas para a creación de máis dunha ducia de novas empresas nestes sectores. Así mesmo, remarcou o aumentou en 5,3 millóns de euros que vén de realizar o organismo lugués no seu orzamento para cooperación cos Concellos e benestar social “ante os drásticos recortes dos Gobernos do PP”.


Interposto o recurso
Precisamente, a sesión aprobou, co voto en contra do Partido Popular, interpoñer un recurso contencioso á Xunta de Galicia debido ás “graves infracción legais” acometidas coa aprobación unilateral do Decreto 99/2012. É a normativa coa que o Goberno galego recortou a cero euros a achega autonómica das Axudas no Fogar para persoas á espera de ser recoñecidas como dependentes nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, que en Lugo suman 3.000, fronte ó incremento ata os 600.000 euros que realizou a Deputación luguesa. Co acordo plenario, o recurso queda oficialmente interposto.

Non ós recortes
Neste senso, o Pleno tamén rexeitou, cos votos a favor de PSOE e BNG fronte á negativa do PP, “os últimos e maiores recortes sociais ha historia da democracia impostos polo do Goberno central”, tendo en conta que implicará ós lucenses pagar 35,6 millóns de euros máis ó ano coa suba do IVE; un incremento medio nos gastos do sector agropecuario –sector piar na provincia- de 1.350 euros ó ano; un recorte do 15% das axudas para dependentes –cando en Lugo a poboación maior de 60 anos ronda o 40%-; así como o fin da actividade de autónomos e PEMES –profesionais tamén clave da economía luguesa- coa, ademais da suba dos seus impostos, a restricción da paga extra ós funcionarios, que representan case o 30% dos traballadores en activo na provincia. García Porto replicou ó Partido Popular “como lle van a explicar ós veciños que teñen que pagar máis cando reciben menos, mentres aproban unha Amnistía Fiscal coa que premian ós defraudores”.


Defenda da reforma do Réxime Local consensuada
Todos os grupos políticos apoiaron a proposta do equipo de Goberno para, tal e como explicou o Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, instar ó Executivo de Rajoy a “non impoñer senón consensuar coas corporacións locais un necesaria reforma do Réxime Local coa que se definan as súas competencias, financiamento e retribucións”. Valiño defendeu que “reducir as competencias dos Concellos supón reducir a democracia xa que ¿que sentido terá que os cidadáns elixan ós seus Alcaldes cando estes logo non poidan tomar decisións?. Temos que ter en conta que no seno da FEGAMP e da FEMP sempre hai acordo porque os seus representantes, que non son outros cos Rexedores, coñecen a realidade municipal. Por todo isto, defendemos unha reforma local coa que se reforce a decisión da cidadanía”.

Reiteracións sobre o POS ante “as contradiccións do PP”
Houbo unanimidade na sesión tamén coa posta en marcha do Plan de Obras e Servizos na provincia que, tal e como reiterou o responsable de Xestión Territorial, Manuel Martínez, realizará a Deputación, neste caso, só coa colaboración dos Concellos logo de que o Goberno de Rajoy tentase suprimilo. Martínez lembrou que a institución luguesa xa aprobou en novembro o seu Presuposto, achegando 1,7 millóns de euros para o POS. Pola contra, o Executivo Central, que acordou o seu Orzamento hai 15 días cando o ano fiscal arranca o 1 de xaneiro, pasou de adicar a este Plan en Lugo 2,6 millóns de euros, que suponían o 50% do presuposto total, a cero euros. Malia é isto, o Deputado reiterou a execución do POS por parte o organismo provincial en todos os municipios de Lugo para tranquilidade dos Rexedores, ó tempo que se amosou sorprendido do “repentino cambio do PP”, cando “no Pleno de abril rexeitaron unha proposta do equipo de Goberno Provincial para instar ós seus compañeiros na Moncloa a manter o investimento estatal nesta programación, baseada na prestación de servizos municipais. Con súa postura amosan ser un partido confuso, contradictorio e incoherente. Ademais, ¿que facían vostedes na sesión plenaria de abril cando lles avanzamos que a Deputación ía a facer o POS 2012 en Lugo malia a tixeira do PP?, ¿nin tan sequera revisaron o Presuposto da Deputación para este ano, por certo Orzamento público e a disposición de todos os cidadáns, poñendo en dúbida a palabra do Goberno Provincial que lles dixo por activa e por pasiva que iamos a facer o POS este ano e que había presuposto para elo malia os recortes do Partido Popular?”, enfatizou.


Continúa a axenda en agosto
A sesión finalizou coa anuncio do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, de que o Goberno Provincial continuará coa súa axenda durante agosto. Este mes, como é habitual na institución provincial, non haberá Pleno. Nembargantes, celebraranse comisións informativas e Xuntas de Goberno, así como continuarase co desenvolvemento de todas as programacións postas en marcha polo organismo provincial. Por exemplo, as europeas de 25 millóns de euros -Pacto Provincial polo Emprego, Lug02 e Innova-TE-, entre outras. “Non sei que farán os demais, ós que lles desexo un bo mes se é que se van de vacacións, pero nós non cesaremos a nosa actividade” sentenciou Besteiro.