Deputación de Lugo

A Capela de Santa María acolle unha exposición que reúne por primeira vez obras de Laxeiro procedentes de coleccións particulares

Regina Polín presentou hoxe a mostra Laxeiro, Cosmoloxías, que exhibe por vez primeira no país 24 obras do pintor procedentes de coleccións particulares de España e PortugalA Capela é un espazo de referencia cultural, presentando esta mostra en primicia e tras recibir a máis de 1.200 visitantes durante a última exposición, 73x73x273, a irmá do sonoA mostra gratuíta estará aberta dende mañá ata o 20 de xullo, de luns a venres de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00; sábados de 17:00 a 20:00 e domingos de 11:00 a 14:00 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou hoxe a mostra Laxeiro, Cosmoloxías, unha nova exposición que o Centro de Artesanía e Deseño leva á Capela de Santa María e que recolle 24 obras do galego Laxeiro, un dos artistas máis destacados da arte contemporánea do país. Esta é a primeira vez na que se poderá admirar na mesma mostra unha serie de destacadas obras figurativas de Laxeiro, para o que foi necesaria unha ardua labor de rastreo por coleccións particulares de España e Portugal. Esta oportunidade única é posible grazas a un convenio asinado pola Deputación e a Fundación Laxeiro, o que constitúe un paso decisivo cara a consolidación do espazo expositivo da Capela de Santa María coma referencia dos circuítos artísticos galego e nacional.

Durante o acto de presentación, que contou coa presenza do director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, Polín subliñou que “non me canso de insitir na importancia que paso a paso está acadando a Capela de Santa María no circuito artístico nacional”. O feito de que este espazo sexa o escenario elixido para a estrea nacional de Laxeiro, Cosmoloxías, dá un paso máis cara o obxectivo marcado pola institución provincial para a Capela, o de facer dela o referente lucense dos espazos expositivos. “Este espazo ven de acoller a exposición colectiva 73x73x273. A irmá do sono, formada por obras de 27 destacados artistas galegos contemporáneos, que amosaron con diferentes técnicas as súas reflexións sobre a morte como leiv motiv. As máis de 1.200 persoas que se achegaron ata a Capela confirman a consecución deste obxectivo”, subliñou Polín.

Pola súa banda, Javier Pérez Buján, en súa calidade de comisario da exposición, agredeceu o interese da Deputación en achegar a obra de Laxeiro ós lucenses, e confiou en que a colaboración entre a institución provincial e a Fundación siga a dar froitos no futuro.

24 óleos sobre tea de Laxeiro

Esta mostra recolle 24 óleos sobre tea de Laxeiro, pertencentes a coleccións procedentes de diferentes recunchos de España e Portugal. Coleccións particulares de Lugo, Santiago, A Coruña e Vigo, así como fondos propios de galerías de arte ou de entidades bancarias son algunhas das orixes destas obras datadas entre os anos 50, 60 e 70. Durante estes anos, Laxeiro residiu en Buenos Aires e alí mantivo contacto coas correntes artísticas que se propoñían dende Francia (o “art brut”) e Centroeuropa (o chamado “grupo CoBrA”). Alonxado da pintura académica e volcado unha pintura máis espontánea, Laxeiro atopou inspiración no mundo da loucura, os nenos ou o primitivismo, temas que achegan a súa obra cara outros movementos artísticos da época, coma o expresionismo, o informalismo ou mesmo coa tradición negrista da pintura española (Goya, Ribera, Gutiérrez Solana, etc.). Membro destacado dos “Renovadores da Vangarda Histórica Galega”, Laxeiro contribuiu decisivamente a introducir a pintura galega na contemporaneidade, cunha obra de gran forza expresiva que foxe dos estereotipos que se importaban dende Madrid cara o resto de provincias españolas.

Son obras nas que o autor comeza a empregar cores primarias e a súa produción inclínase cara o horror vacui (medo ó vacío), deixando ver o anarquismo do seu autor, a súa rebeldía e a disconformidade e denuncia de todo o que el consideraba hipócrita, inxusto ou falso. O espazo singular da Capela de Santa María constitúe o marco perfecto para admirar obras como Crucifixión, O profeta, Martirio do boneco Ramón ou Muller crucificada, que son algunhas das 24 que poderán ser admirados no sala situada na Ronda da Muralla ata o vindeiro 20 de xullo.

Horarios da exposición

Toda esta obra poderá ser admirada na Capela de Santa María dende este xoves, ás 20:15 horas. Todos os que os desexen poderán achegarse ata a Capela de Santa María no seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas; sábados de 17:00 a 20:00 horas e domingos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.