Deputación de Lugo

Os obradoiros infantís de verán do CENTRAD acadan o éxito ó cubrir todas as prazas ós poucos días de abrir o prazo

A primeira quenda de cursos gratuítos desenvolveranse nas instalacións do Centro de Artesanía en horario de mañá entre o 2 e o 13 de xullo Os obradoiros dirixidos a rapaces de 5 a 16 anos serán de monicreques, pintura, cestaría, xoiería, coiro e graffiti

Os obradoiros de artesanía que este verán organiza o Centro de Artesanía colleitaron un rotundo éxito ó cubrirse as 90 prazas dispoñibles ós poucos días de abrirse o prazo de inscricións. Estas actividades, que ven organizando o CENTRAD nos períodos de vacacións escolares e que comezaron o pasado Nadal, son totalmente gratuítas e responden ó dobre obxectivo de achegar a tradición artesanal da provincia ós máis novos e servir de axuda para conciliar a vida laboral e familiar.

Serán dúas quendas de cinco días en cada mes, de xeito que no mes de xullo celebraranse entre os días 2 e 6 a primeira delas e entre o 9 e 13 a segunda; no mes de agosto as datas serán do 20 ó 24 e do 27 ó 31 de agosto. Son 12 cursos didácticos adaptados ás idades dos participantes, de xeito que os nenos de 5 a 10 anos terán actividades centradas en elaboración de monicreques e bonecos con materiais de refugallo e técnicas de pintura; para os de 8 a 14 serán de cestaría de reciclaxe e xoiería de arxila e para os de 12 a 16 os obradoiros serán de de elaboración de adornos en coiro e graffiti sobre paneis de DM.

Esta é a 1ª convocatoria de cursos que o Centro de Artesanía e Deseño ofrece ós máis novos durante as vacacións do verán e inclúe novidades en canto á ampliación da idade dos participantes ata os 16 anos, o aumento no número de prazas, así como as materias impartidas, co graffiti en representación das técnicas de deseño máis modernas. Regina Polín subliñou que estas novidades responden ó éxito colleitado durante as xornadas de Nadal e Semana Santa, nas que se esgotaron todas as prazas ás poucas horas e as familias participantes amosaron o seu desexo de que os rapaces de máis idade puideran participar tamén nesta iniciativa.