Deputación de Lugo

A Deputación aposta coa III Peregrinación Marítima polo turismo náutico para xerar riqueza e emprego na provincia

Val Alonso subliña que este deporte xera ó ano en Baleares 250 millóns de euros e 2.300 empregos polo que demanda á Xunta que execute as melloras do porto focense prometidasO Deputado mariñano salienta o tráfico marítimo na costa lucense e a falta de amarres nas instalacións portuarias, remarcando as posibilidades de ampliación do porto de FozAberto o prazo para participar gratis na III Peregrinación Marítima en www.cnfoz.es con prazas limitadas ata 20. As persoas que o desexen poderán navegar cos veleiros tamén de balde, chamando ó 982-13-36-09 ou enviando un correo a nauticofoz@gmail.com

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, o focense José Ramón Val Alonso, e o Presidente do Club Náutico de Foz, Francisco Fernández Rego, presentaron este martes nesta localidade mariñana a III Peregrinación Marítima de Cruceiros pola Costa de Lugo. É o evento turístico–deportivo que acollerá A Mariña o vindeiro sábado, 28 de xullo, coa que a institución lucense, en colaboración co club mariñano, combina medioambiente e deporte, aproveitando os recursos naturais e as alternativas de ocio na provincia, para impulsar a economía lucense e reivindicar a mellora das instalacións portuarias, o mar lucense e o Camiño da Costa.

Val Alonso subliñou que “coa esta terceira edición da Peregrinación Marítima, queremos facer fincapé na imprescindible mellora das instalacións portuarias lucenses para xerar riqueza nunha provincia con máis de 100 quilómetros de costa coma Lugo. Temos que ter en conta que o turismo náutico é unha actividade con moitas oportunidades económicas, xerando ó ano preto de 250 millóns de euros e dando emprego a case 2.300 persoas en costas como a de Baleares. Lugo atópase unha situación única xa que ó carón da nosa costa, concretamente pola Estaca de Bares, discorre o tráfico marítimo de Europa. Nembargantes, as nosas instalacións portuarias non son suficientes”.

O porto de Ribadeo, con bandeira azul e Q de calidade, é de difícil ampliación. Na actualidade está cuberto ó 100%, ó igual que acontece co porto deportivo de Viveiro, habendo centos de embarcacións á espera dun amarre. Pola contra, as instalacións de Foz, situadas nunha cidade con ampla proxección turística, son de pequenas dimensións, ó igual cas de Burela e San Cibrao, pero con posibilidade de ampliación. “Por este motivo, demandamos á Xunta de Galicia, administración con plenas competencias na materia, que execute o proxecto de mellora do porto focense, unha iniciativa coa que se comprometeu pero que nunca realizou a pesares das reiteradas reclamacións do Club Náutico de Foz, a Confradía de Pescadores ou desta Deputación”, remarcou o Deputado.

Portos de Galicia prometeu dragar o canal e as dársenas do peirao deportivo de Foz e ata chegou a anunciar un investimento de 300.000 euros para estes traballos. Malia e isto, o departamento do Goberno galego pospuxo estas actuacións en varias ocasións, situándoas agora no horizonte do 2013.
Neste senso, Fernández Rego indicou que “é fundamental, polo menos, dragar de xeito inmediato as dúas dársenas para que as embarcacións entren ó porto de Foz xa que hoxe non ten calado suficiente e estas apoian non solo”, ó tempo que salientou o “caracter reivindicativo desta peregrinación e o potenciar do turismo náutico na Mariña”, remarcando a “necesidade de mellorar as instalacións focenses canto antes”.

Participación de balde pero limitada
Ata o momento, 14 veleiros procedentes de Xixón e de Luanco ademais de Ribadeo, Viveiro e Foz, xa formularon a súa solicitude para asistir á III Peregrinación Marítima. A participación nesta andanza é libre e de balde, aínda que a cota de prazas é limitada a 20, previsión que se espera cubrir. Isto é debido ás características das instalacións do porto de Foz, á súa pequenas dimensións.

Os interesados en facerse cunha das últimas prazas poden facelo, de xeito gratuíto, na dirección web www.cnfoz.es onde estará dispoñible un formulario, que se deberá remitir, xunto a unha fotocopia do seguro de embarcación, ben por correo electrónico a nauticofoz@gmail.com ou por fax ó 982-13-36-09

Navega cos veleiros gratis
Este ano, por primeira vez, as persoas que o desexen poderán dar un paseo nalgún dos veleiros participantes, tamén de xeito gratuíto. Para elo, deben poñerse en contacto co Club Náutico de Foz, chamando ó número 982-13-36-09 entre as 17:00 e as 20:00 horas, ou ben enviar un correo electrónico a dito email (nauticofoz@gmail.com), dando os seus datos. O día da peregrinación, terán que estar no Porto Chico ás 16:00 horas onde os recollerán unha “zodiac” para desplazalos ata os veleiros.


Desenrolo do evento
A III Peregrinación Marítima terá lugar o sábado, 28 de xullo, coa saída das embarcacións dende os principais portos deportivos da provincia: as do oeste dende Viveiro e as do este dende Ribadeo. A flota do oeste partirá ás 10:30 horas dende o porto de Viveiro e ás 13:30 farano os veleiros da zona este dende Ribadeo. No primeiro dos casos, deberán pasar entre as 12:45 e as 13:30 horas a carón da boia situada nos Farallóns de San Cibrao, e entre as 14:45 e as 16:00 horas pola afincada fronte á praia de Arealonga e punta Fazouro. Pola súa banda, os navíos que saian de Ribadeo terán que transcorrer pola boia de Illa Pancha entre as 14:00 e as 15:00 horas, e pasar o segundo control fronte ás praias de San Cosme e Punta Promontorio.

Unha concentración de embarcacións fronte á Ría de Foz, á altura da praia da Rapadoira, unha vez que cheguen todos os veleiros, será a que dará paso, ás 17:00 horas, o comezo da regata. Esta rematará sobre as 19:30 horas, momento de entrada dos veleiros no porto de Foz. Finalmente, ás 21:00 horas no CENIMA, todos os participantes serán agasallados con diversos obsequios institucionais. Ademais, os primeiros tres clasificados da regata recibirán trofeos conmemorativos. O domingo, día 29 de xullo, as embarcacións sairán ás 12:00 horas cara ós seus portos de destino.
Actividades económico-deportivas todo o ano
Coa nova edición desta peregrinación, a Deputación volta a combinar deporte, lecer e economía, demostrando que “o medio ambiente é a oportunidade económica de Lugo”. E é que con esta iniciativa, a institución provincial reivindica que a provincia ten mar e máis de 100 quilómetros de costa cos que xerar riqueza e potenciar o turismo, un sector que representa máis do 30% do PIB lugués, en calquera época do ano. De feito, o organismo lugués é a única administración que se volca coas actividades de ocio que xeran emprego e dinamizan a economía tanto no verán como no inverno, “demostrando que a época estival vai máis alá do San Bartolo”, indicou o Deputado. Por exemplo, Km0 Surf-Camp, que reúne a centos de persoas nas praias mariñanas para practicar surf coa elite deste deporte en España, ou o programa de ocio medioambiental Lugoteando, coa que a institución leva novidosas actividades acuáticas á Mariña. Nesta edición, estas terán lugar o 18 de agosto no entorno do Club Náutico de Viveiro e o 19 de agosto na praia focense da Rapadoira.

Recoñecemento do Camiño da Costa
Esta terceira peregrinación enmárcase, ademais, dentro da aposta da Deputación por lograr a declaración oficial do Camiño da Costa como ruta xacobea. Acadar este recoñecemento é un dos compromisos do actual Goberno provincial para este mandato. Para elo, o Pleno Provincial aprobou por unanimidade, e a proposta do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, instar á Xunta, administración responsable, a identificar como ruta xacobea este Camiño, así como o de Inverno. En impulso desta ruta, o organismo lugués realizou o libro guía do Camiño do Mar, que recolle o traballo de investigación e recompilación documental do historiador focense Xoán Ramón Fernández Pazos, constatando a existencia desta alternativa xacobea que discorre polos Concellos costeiros de Lugo. Este libro complementa ó editado tamén pola Deputación baixo o título Rutas a Santiago en la Provincia de Lugo, a 1º publicación que inclúe información detallada sobre os Camiños que atravesan a provincia: Francés, Primitivo, de Inverno e da Costa.