Deputación de Lugo

50 veciños de Guitiriz sobrevoan A Mariña en helicóptero grazas ó programa Km0 da Deputación

Con eles, son xa máis de 900 os lucenses que viaxaron en aeronave dende a posta en marcha da iniciativa, coa que o organismo provincial contribúe a manter uns 1.400 empregos directos nas preto de 250 empresas colaboradoras

Medio centenar de veciños do municipio de Guitiriz tiveron este sábado a oportunidade de sobrevoar a comarca mariñana en helicóptero grazas ó programa Km0, co que a Deputación de Lugo contribúe a manter uns 1.400 empregos directos nas preto de 250 empresas colaboradoras, a maioría PEMES e autónomos, de sectores estratéxicos na economía provincial, como a hostalería, o comercio, firmas agroalimentarias, como adegas, queixerías, fabeiros, produtoras de embutidos ou pastelerías, así como artesáns e organizacións vinculadas á pesca.

Os participantes na xornada de hoxe, que aboaron 50 euros euros cada un pola ruta en helicóptero, gozaron ademais dunha travesía pola ría ribadense. Con este grupo, que fixo o itinerario no marco do recén estreado Km0 Fin de Semana, son xa máis de 900 os lucenses que viaxaron en aeronave dende a posta en marcha da iniciativa, que cofinancia a Unión Europea a través do programa Lug02.

A modalidade Xtreme de Km0, na que se enmarcan as viaxes en helicóptero, é, de feito, a máis demandada para as fins de semana deste mes de xullo, pois, ademais da deste sábado, están previstas actividades multiaventura para o sábado 28 de xullo, accións que xa se levaron a cabo tamén o pasado 7 de xullo. A modalidade Xtreme inclúe outras opcións, como viaxes en globo, bicicleta de montaña, rutas en segway, tiro ó arco, escalada, vela, catamarán, kayak, esquí náutico, surf e windsurf, entre outras.

Como anotarse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, completar o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, quedando excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades para aboar a taxa: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425). A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.