Deputación de Lugo

Ducias de persoas súmanse ás reivindicacións de Deputación e Club Náutico de Foz participando na III Peregrinación Marítima

30 persoas viaxaron gratis nos 14 veleiros de Ribadeo, Viveiro, Foz, Xixón e Luanco que participaron na iniciativa reivindicativa da mellora das instalacións portuarias, do mar lugués e da declaración oficial do Camiño da Costa para xerar riqueza e emprego na provincia O Deputado mariñano, José Ramón Val Alonso, foi o encargado de levar o timón do veleiro focense “Veranea en Lugo”, que luciu a bandeira da Deputación e a vela de cor azul

14 veleiros chegados dende Ribadeo, Viveiro, Foz, Xixón e Luanco participaron este sábado na III Peregrinación Maritíma pola Costa de Lugo, organizada por Deputación e Club Náutico de Foz nesta localidade mariñana. Xunto a eles, 30 persoas viaxaron de balde nos navíos, sumándose, deste xeito, ás reivindicacións da institución provincial, compartidas polo club focense, para mellorar as instalacións portuarias, impulsar ó exterior o mar lucense e recoñecer oficialmente o Camiño da Costa como ruta xacobea.
Por mor destas pretensións, asistiron á terceira edición deste evento turístico-deportivo o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, o focense José Ramón Val Alonso, e o Presidente do Club Náutico de Foz, Francisco Fernández Rego. Val Alonso foi o encargado de levar o timón do veleiro focense “Veranea en Lugo”, que luciu a bandeira da Deputación e a vela de cor azul.
A regata comezou ás 17:30 horas, unha vez que as embarcacións, procedentes dos principais portos da provincia, chegaron ás inmediacións da praia da Rapadoira. Para elo, a maior parte dos navíos saíron ás 15:00 horas do porto de Ribadeo e transcorreron pola Illa Pancha entre as 14:00 e as 15:00 horas, pasando o segundo control fronte ás praias de San Cosme e Punta Promontorio ata chegar ó lugar de concentración na Ría de Foz, á altura da praia da Rapadoira. Os restantes navíos partiron da zona leste ás 10:30 horas dende o porto de Viveiro, pasando polos Farallóns de San Cibrao, entre as 12:45 e as 13:30 horas, a praia de Arealonga e Punta Fazouro, entre as 14:45 e as 16:00 horas, para entrar finalmente no campo de regatas.
O evento turístico-deportivo remataba ás 19:30 horas, momento de entrada dos veleiros no porto de Foz, logo de 2 horas nas que as embarcacións navegaron polo Golfo do Masma pasando polas boias sinaladas. Finalmente, ás 21:00 horas no Cenima, todos os participantes foron agasallados por diversos obsequios institucionais. Ademais, os primeiros tres clasificados recibiron trofeos conmemorativos. Mañá, domingo 29, as embarcacións sairán ás 12:00 horas cara os seus portos de destino.