Deputación de Lugo

As solicitudes para o vindeiro curso na Escola de Imaxe e Son aumentan case un 40% días antes de rematar o prazo de preinscrición

Ata o xoves, os interesados en formarse no único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores audiovisuais poden presentar a documentación para optar ás 44 prazasGómez Besteiro entregou hoxe ós compoñentes de Aires da Poxa 1.000 copias de “Con ton e son”, o CD que lle editou e financiou a Fundación TIC a este grupo da Pobra do Brollón

O prazo de preinscrición para o curso 2012-2013 na Escola de Imaxe e Son (EIS) está aberto dende o 22 de xuño ó 5 de xullo. Dende entón, xa formularon a súa solicitude para os ciclos superiores de Realización e Produción un total de 37 persoas, o que supón un incremento de case o 40% con respecto ó mesmo periodo no ano pasado. A maioría dos solicitantes proceden de 2º de BAC e, en menor medida, séguenlle os que pasaron as probas de acceso ou teñen outro ciclo superior.

Ata este xoves, todos os interesados en formarse no único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores na rama audiovisual poden presentar a seguinte documentación nas instalacións da Escola, situada na rúa Frei Plácido Rey Lemos da capital: fotocopia do DNI, certificación académica e o impreso cuberto que atoparán na web da Fundación TIC (http://www.fundaciontic.org/) ou na propia EIS.

Unha vez rematado este prazo, o 6 de xullo farase pública a listaxe de admitidos, así como os solicitantes que quedan en lista de espera e os excluídos. A matrícula, que por quinto ano consecutivo é gratuíta para os novos alumnos, poderá formalizarse do 10 ó 18 de xullo. A Escola de Imaxe e Son ofrece 44 prazas, 22 para cada un dos módulos de primeiro de Realización e Produción. O centro imparte 2.000 horas lectivas, distribuídas en dous cursos formativos. Desde o inicio das actividades da EIS, en 2003, preto de trescentos alumnos cursaron os seus estudos no centro. Pero non foi ata o ano 2009 cando, por primeira vez, se cubriron todas as prazas e, debido á elevada demanda, houbo lista de espera.

Entre os obxectivos prioritarios da Fundación está o de facilitar a insercion laboral dos alumnos da EIS. Na actualidade, a Fundación TIC mantén convenio con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia e ten asinados máis de 100 convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais. Esta liña de colaboración permite que os alumnos e titulados da Escola leven a cabo traballos profesionais a través dun programa de bolsas que lles facilitan a súa incorporación ó mercado laboral.

Entrega dun novo CD

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega este luns do CD “Con ton e son” ós compoñentes do grupo de Salcedo Aires da Poxa, da Pobra do Brollón, que recolle media ducia de temas de música tradicional galega, mesturada con composicións propias. O disco pertence a “Son Lugueses”, a colección de proxectos musicais editados e financiados na súa totalidade pola TIC co fin de impulsar ós artistas da provincia. Gómez Besteiro entregou á formación musical 1.000 copias do traballo audiovisual gravado nos estudos da produtora Miño Media, emprazados no municipio do Corgo.

Aires da Poxa naceu nos anos 80 froito das inquedanzas musicais dalgúns membros doutro grupo da parroquia pobrense de Salcedo, Limiar, como alternativa para seguir polo camiño da foliada e a alborada na comarca de Lemos. Tras a súa disolución, a mediados dos 90, a formación rexurdiu no mes de maio de 2010, para continuar o camiño emprendido no pasado. Neste último ano, a agrupación musical actuou en decenas de alboradas e festas en toda Galicia, incluído o Entroido da súa parroquia, no que nas dúas últimas edicións amenizou á espera da saída do afamado Oso de Salcedo. Aires da Poxa está composto por Xeila Castro e Álvaro Moscoso, nas gaitas; María Fernández, na pandeireta; Martín González, na caixa e voz; Alberte González, na voz e percursión; e Iván Pérez, no acordeón.

A TIC cos músicos de Lugo

A Fundación TIC presta a súa colaboración ós músicos da provincia co fin de difundir o seu traballo dentro e fóra de Lugo. Proba delo é a colección “Son Lugueses”, na que se inclúen, entre outros, os traballos discográficos das Bandas de Música de Vilalba e Sarria, o himno oficial do Arde Lvcvs da Cohors III Lucensium e o do grupo monfortino La Cuarta Pared. Ademais, profesionais e bolseiros da TIC realizaron nos últimos anos varios vídeos musicais como “Torres de Compostela”, da eurovisiva Lucía Pérez; “La búsqueda” e "New conclusions", dos grupos ribadenses “Escala Dinker” e “Sun Face”; así como o do grupo do Incio “Arandela”, de música tradicional. Tamén ven ofrecendo apoio en varios festivais de música como o “Festival Solidario de Baganda”, celebrado no 2010 en Castro de Rei; o “Resurrection Fest 2011”, o “Hardcore Assault” e a Canción do Landro, en Viveiro. Este último foi gravado por alumnos e bolseiros da TIC para a súa emisión en “V Televisión” e na segunda canle da TVG.