Deputación de Lugo

Ampliado o prazo para solicitar as 70 becas que a Deputación ofrece gratis a mozos titulados ante a avalancha final de peticións

Imaxe deputación de lugo
A documentación para optar ás bolsas de emprego Leonardo da Vinci poderase entregar en San Marcos ou na Fundación TIC ata o 9 de outubro As becas están dirixidas a universitarios en profesións relacionadas co medio ambiente, agroalimentación, gandeiría, pesca, informática, turismo e ciencias da vida; e titulados de FP en audiovisuaisOs beneficiarios mellorarán a súa formación facendo prácticas en empresas de Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda

A Deputación de Lugo decidiu ampliar o prazo para solicitar as 70 bolsas de emprego en Europa que ofrece gratis ós mozos titulados da provincia ante a avalancha final de peticións rexistrada. A inscrición prolóngase ata o día 9 de outubro, segundo publica este martes o Boletín Oficial da Provincia (BOP), co fin de dar cabida ó maior número de solicitudes para estas becas, unha oportunidade das que cada vez existen menos polo descenso do investimento neste ámbito, dun 3,8% a nivel nacional para o 2013, e unha ferramenta para loitar contra o desemprego, que, segundo os datos publicados hoxe mesmo, subiu ata as 25.239 persoas en Lugo en setembro, un 2% máis que en agosto e un 13% máis que hai un ano, sendo a provincia galega cun maior incremento, tanto intermensual, como interanual.

Os interesados en solicitalas bolsas, que permiten mellorar a formación facendo prácticas en empresas europeas, poden entregar en San Marcos ou nas instalacións da Fundación TIC a documentación requirida, que poden consultar na páxina www.deputacionlugo.org.

Trátase de 70 becas enmarcadas no programa europeo Leonardo da Vinci, de dous tipos:

As Lugojob: 50 becas para lucenses menores de 35 anos con formación universitaria relacionada cos seguintes sectores: agricultura, silvicultura, pesca, protección do medio ambiente, turismo, informática e ciencias da vida. Lugojob ofrécelles prácticas en empresas de Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda durante 3 meses e medio.

As TIC Lugo: a Fundación TIC, como organismo provincial especializado no desenvolvemento das tecnoloxías da Información e da Comunicación, xestiona 20 becas para lucenses menores de 30 anos, que nos últimos tres anos remataron os seus estudos na Escola de Imaxe e Son da TIC. Ticlugo ofrécelles prácticas en empresas de Portugal, Italia e Irlanda durante 3 meses.

A documentación necesaria

Os interesados nestas accións formativas, financiadas ó 70% pola UE, deberán entregar a seguinte documentación: fotocopia do DNI, certificado ou volante actualizado de empadroamento nalgún dos Concellos da provincia, fotocopia do título académico, currículo, certificado actualizado de períodos de inscrición como demandante de emprego, un escrito indicando a adecuación do título académico ós sectores ós que se dirixen as bolsas, e unha declaración responsable de non ser anteriores beneficiarios dunha axuda Leonardo da Vinci.

No caso das becas Lugojob, hai que entregar esta documentación no Rexistro da Deputación de Lugo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a sábado. Pola súa banda, os aspirantes ás bolsas Ticlugo, teñen que facelo na secretaría da Escola de Imaxe e Son, na rúa Frei Plácido Rei Lemos da capital, en horario de 8:30 a 15:00, de luns a venres.

Proceso de selección

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitude, publicarase no Taboleiro de Anuncios e nas páxinas web da Deputación e a Fundación TIC a listaxe de aspirantes. Como figura nas bases, o proceso de selección consistirá nunha proba de coñecemento (un cuestionario tipo test de 20 preguntas), na baremación dos méritos acreditados polos peticionarios e nunha entrevista persoal. A lista de admitidos publicarase no Taboleiro de Anuncios de Deputación e Fundación TIC, e nas súas webs: www.deputacionlugo.org e www.fundaciontic.org.