Deputación de Lugo

A Deputación arranca 100 cursos gratuítos que mostrarán a 1.500 veciños da provincia como aproveitar as novas tecnoloxías

Os interesados en participar nas accións formativas do Centro de Innovación Social, que se impartirán dende o luns e ata finais de ano, poden anotarse no 982-22-51-86, na web www.deputacionlugo.org ou nas instalacións do centro, na rúa Frei Prácido Rei LemosComo comprar, facer reservas ou operar cos bancos por Internet; como encontrar emprego ou empregados na Rede; ou posicionarse nas redes sociais son os temas dalgunhas xornadas, que cofinancia o Ministerio de IndustriaNenos, maiores, familias, desempregados, traballadores, emprendedores, empresarios e persoas con discapacidade poden participar nos cursos, polos que recibirán un diploma oficial da Deputación

O Centro de Innovación Social da Deputación, o In Lugo, arranca 100 accións formativas gratuítas que mostrarán a uns 1.500 veciños de toda a provincia como sacar o máximo partido ás novas tecnoloxías, tanto na vida persoal, como para atopar traballo ou impulsar un negocio. “Como crear unha base de datos particular ou un blog; como comprar, facer reservas ou operar cos bancos por Internet; fórmulas para encontrar emprego e empregados na Rede; a factura electrónica e a constitución telemática dunha empresa; como posicionarse nas redes sociais; e o manexo de internet para persoas con discapacidade intelectual son algunhas das temáticas ofrecidas e que, dado o seu forte compoñente práctico, servirán para mellorar a calidade de vida e o benestar dos lucenses; abrir novas oportunidades para encontrar emprego e fortalecer o tecido empresarial da provincia potenciando a competitividade e produtividade das PEMES e autónomos”, explicou o director do departamento de Novas Tecnoloxías do organismo provincial, Pablo Rivera.

O Plan Avanza, do Ministerio de Industria, cofinancia as xornadas, que se desenvolverán entre o próximo luns, 17 de setembro, e ata finais de ano, tanto nas dependencias do In Lugo, como en Concellos de toda a provincia. As persoas interesadas en participar poden anotarse por teléfono, chamando ó 982-22-51-86; on line, accedendo á páxina web www.deputacionlugo.org ou ben presencialmente, acudindo ás instalacións do propio In Lugo, situadas na rúa Frei Plácido Rei Lemos, na segunda planta da Escola de Imaxe e Son (EIS). A inscrición está aberta ata esgotarse as prazas dos cursos, dirixidos a todo tipo de público: mozos e maiores, familias, desempregados, traballadores, emprendedores, empresarios e persoas con discapacidade. Os alumnos recibirán ó finalizar a acción formativa un diploma oficial da Deputación que acredita a súa participación.

As opcións

Impartiranse varias edicións de 43 temáticas diferentes, en total 98 cursos, con un máximo de 15 prazas cada un, polo que poderán participar 1.470 persoas. As opcións, son as seguintes:

Enciclopedia Mundial, búscao na Rede
Fácil e sinxelo, ordena as túas imaxes, música, libros... Crea a túa base de datos particular
Emprego? Na web encontraralo
Os teus empregados? Na web encontralos
A túa ventá ó mundo, crea os teus blogs
Introdución ás redes informáticas
A Mellor publicidade na rede social (Promove o teu negocio nas redes sociais)
E-Fácil, factura e constitución telemática de empresas
O teu banco onde queiras e cando queiras (Opera co teu banco ou caixa a través de Internet)
Compra en Internet, o máis seguro
O negocio está na Rede, non tires nada, vende ou cámbiao en Internet
O teu comercio e todo o mundo (Comercio electrónico)
As mellores ofertas e lugares na palma da túa man (Aplicacións móbiles para buscar sitios e ofertas)
Descarga a túa música de forma legal
Manexa os teus ficheiros no teu ordenador (Xestión de arquivos)
O Rei das presentacións: Presenta as túas ideas (Elaboración de presentacións)
Utiliza Folla de cálculo para levar as contas da túa empresa
Open Office, ofimática Open Source na empresa
Uso Responsable da rede (Uso seguro de Internet, menores e familias)
Os Portais web, créao ti mesmo
Correo inmediato e sen papeis (Correo electrónico: Web mail)
A páxina web da túa empresa, que debes saber á hora de contratala
Non perdas información, as copias de seguridade son a túa solución
Catálogo de produtos e servizos na Rede (Como crear unha revista e catálogo de produtos de liña en ISSUU)
Onde estamos, Internet contesta (Geoposición do teu negocio en Internet)
Computación na NUBE, que é? Para que serve? Como usala?
Open Office Básico
Ferramentas Mozilla: Firefox/Thunderbird
Microsoft Outlook
Ferramentas Google
Administración e tramitación electrónica
Creación e xestión de blogs e páxinas web
Iniciación ó comercio electrónico
Deseño de campañas de comunicación 2.0: Marketing on line
Redes sociais para pais e nais: Seguridade en Internet
Como comprar ocio e servizos en Internet
Community Manager I e II
TIC para nenos: Ludotic
Presentación efectivas e currículo innovador
Ferramentas 2.0 na busca de emprego
Internet para persoas con discapacidade intelectual I e II

A cargo da Fundación TIC

O primeiro centro de innovación social en Galicia, In Lugo, foi creado en marzo de 2011 pola Deputación cun financiamento do 89% do Ministerio de Industria a través do Plan Avanza co fin de promover actuacións e servizos baseados nas novas tecnoloxías encamiñados a mellorar a calidade de vida dos veciños da provincia e dinamizar o tecido económico. Neste 2012 iniciou unha nova andaina, na que, de ser xestionado directamente dende a Deputación, pasou a depender da Fundación TIC co fin de aforrar recursos e crear sinerxias.