Deputación de Lugo

O PP négase no Pleno a esixir á Xunta o pago dos 3 millóns 'que lle adebeda a tódolos lucenses' pola xestión dos hospitais

O Goberno provincial sacou adiante unha proposta na que insta a Feijóo a cumprir co seu compromiso, recollido nun convenio, tras retrasalo ingreso “sen xustificación algunha” e non responder ás 3 solicitudes que lle fixo Intervención da Deputación Tendo en conta que Lugo “é a provincia galega peor parada” nos Orzamentos de 2013, o organismo lugués reclama ó Executivo de Rajoy que manteña os seus investimentos en Lugo e que non reduza as pensións ós máis de 100.000 xubilados da provincia O Pleno aprobou o Plan de Obras e Servizos, dotado con 2,1 millóns de euros, un “importante instrumento de cooperación” que este ano debe asumir a Deputación soamente coa colaboración dos Concellos despois de que o Goberno central eliminase a súa achega O burelés Alfredo Llano García tomou posesión como Deputado, collendo o relevo de José Ramón Val, co que se mantén a elevada cota de representación da comarca da Mariña na Corporación provincial

O Grupo Provincial do PP negouse no Pleno ordinario deste martes a esixir á Xunta de Galicia o pago “inmediato” dos 3,1 millóns de euros que lle adebeda “a tódolos lucenses” pola xestión dos hospitais San José e San Rafael, unha cantidade que “inexplicablemente e sen ningún tipo de xustificación o SERGAS ten pendente de ingresarlle este ano á Deputación”. A Vicevoceira provincial socialista e Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, explicou que a Xunta “está incumprindo o compromiso que eles mesmos adquiriron no convenio que negociaron e asinaron coa Deputación en xaneiro de 2011 co obxectivo de liquidar a débeda dos hospitais”. Segundo recolle o acordo, o SERGAS está obrigado a ingresar as 6 anualidades establecidas ó longo do primeiro trimestre do ano correspondente, unha pauta que veu cumprindo con normalidade ata este 2012, no que, a dous meses de rematar o ano, aínda no fixo o abono. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu de que a Deputación ten presupostada esa cantidade, “polo que, se non entra, pode verse comprometida a nosa estabilidade orzamentaria”.

O Goberno provincial “viuse na obriga” de levar ó Pleno de hoxe unha proposta, que finalmente aprobou en solitario, para esixir o ingreso, despois de que a Xunta “interrompera unilateralmente o calendario de pagos”, e non respondese ás 3 reclamacións que lle foron realizadas dende os servizos de Intervención da Deputación: en maio e agosto, de maneira verbal; e o pasado 10 de outubro, a través dunha comunicación oficial por escrito. “Esiximos a Feijóo que exerza a súa responsabilidade e cumpra con todos os lugueses, xa que este retraso inexplicable está a lastrar outros investimentos que a Deputación ten previsto levar a cabo na provincia”, subliñou García Porto.

O Grupo Popular presentou unha emenda á proposta do Executivo, na que instaba á Xunta a ordear o pago da débeda “tan pronto sexa revisada e verificada a documentación das liquidacións efectuadas”, unha emenda que o Goberno provincial rexeitou porque “non ten cabida, xa que os 2,5 millóns de euros correspondentes á achega anual ordinaria establecida no convenio tíñanos que ter pagado xa en marzo”, explicou a delegada de Economía, quen reprochou que Feijóo “presuma de pagar ós provedores a 45 días, mentres que ten pendente unha débeda de 3 millóns de euros coa Deputación dende hai 8 meses.

A Deputada lembrou que a mediados de maio, Intervención da Deputación púxose en contacto co SERGAS para interesarse polos motivos que provocaban o retraso no pago”. “Nesa conversación”, relatou, “comunicáronlles que a anualidade deste 2012 non sería ingresada hasta que -tal e como recollía o convenio – lles fora presentada a liquidación definitiva da débeda, unha liquidación que calculamos con axilidade, en poucos días, e que ascende a 646.809,23 euros a favor da Deputación. Esta cantidade hai que sumala ós 2,5 millóns de euros correspondentes á achega anual ordinaria que debe facernos o SERGAS”. Deste xeito, resultan os máis de 3,1 millón de euros pendentes de ingreso deste ano.

“Feijóo non cumpre con Lugo”

Con data de 27 de xuño ditouse resolución de Presidencia aprobando dita liquidación e o 5 de xullo foille notificada ó SERGAS polos condutos oficiais. “Dado que non había resposta, Intervención contactou de novo a finais de agosto coa dirección provincial do SERGAS e a resposta foi que tiñan orde de non pagarnos”, asegurou a Vicevoceira socialista. “Vendo que o tempo pasa e nos atopamos con un silencio total por parte do Goberno galego, decidimos enviar este mes unha comunicación oficial ó SERGAS”, á que tampouco houbo resposta, argumentou a Deputada, quen recalcou que este situación pon de relevo unha vez máis que “Feijóo non cumpre coa provincia de Lugo, tena totalmente esquecida”.

18,1 millóns ata 2016

Segundo recolle o convenio de colaboración asinado por Deputación e Xunta o ano pasado, a débeda contraída polo organismo autonómico co provincial pola xestión dos hospitais quedaría liquidada en 2016 co ingreso das seguintes anualidades: 2,5 millóns de euros en 2011 (xa ingresados); 2,5 millóns, máis a liquidación definitiva (646.809,23 euros) en 2012, pendentes de pago; 3.756.933,71 euros en 2013, 2014 e 2015; e 3.756.933,73 euros en 2016. Deste xeito, como a Xunta só ingresou a anualidade correspondente a 2011, ten pendente de pago un total de 18.174.784,09 euros ata 2016.

Investimentos para combatelo o paro

Tendo en conta que “Lugo é a provincia galega que sae peor parada” nos Orzamentos do Estado para 2013, o Goberno provincial formulou e sacou adiante, tamén cos votos en contra do PP, unha proposta na que insta ó Executivo de Rajoy a manter o nivel de investimento en Lugo para evitar que o paro siga aumentando, que a economía provincial se resinta aínda máis e que aumente o forte despoboamento que xa padece a provincia, ademais de reclamar á Xunta de Galicia que impulse medidas específicas para frear as consecuencias do “recorte brutal” que o Goberno aplicou nos Presupostos do vindeiro ano. Na mesma proposta, esíxelle ó Goberno de Rajoy que non reduza as pensións, posto que, de facelo, o poder adquisitivo dos máis de 100.000 pensionistas da provincia sufriría unha merma notable, coa consecuencia que isto ten para a calidade de vida dos maiores.

Orzamentos “terceiromundistas”

O Voceiro provincial socialista e Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, o encargado de defender esta proposta, subliñou que, nestes Orzamentos “terceiromundistas en investimentos, as infraestruturas serán as grandes perxudicadas” polos recortes de Rajoy, ó baixar un 20% os fondos destinados a Lugo, o que supón que se deixarán de investir 28,6 millóns de euros e “a fenda existente entre a Galicia interior e o eixo atlántico será aínda maior”. “Paralizan as autovías Lugo-Ourense e Lugo Santiago; o corredor San Cibrao-Barreiros e a ponte sobre o río Cabe, en Monforte; o AVE entre Ourense e Lugo segue sendo un proxecto fantasma e falar do AVE que uniría Lugo e Coruña é case unha utopía. O AVE por Monforte non estará antes de 2035 e o do Cantábrico non se acabará antes do 2040”, sinalou o Deputado.

Por outra banda, Martínez recalcou tamén as súas críticas ó Goberno Central por “non aclarar, por máis veces que se lle pregunta, se vai actualizar ou non as pensións. Nós cremos que non pensan facelo”.

“A Deputación mantén a palabra dada co POS”

O Pleno aprobou por unanimidade poñer en marcha o Plan de Obras e Servizos (POS) de 2012, que a Deputación se ve na obriga de financiar este ano soamente en colaboración cos Concellos, despois de que o Goberno de Rajoy anulase a súa achega para o proxecto, pasando dos 2,6 millóns do ano pasado na provincia a cero. “Fronte ós recortes, repagos e rescates de Rajoy, a Deputación, non só mantén a palabra dada e aproba o POS, en tempo e forma, ó mesmo tempo que as Deputacións de Coruña e Pontevedra, senón que aumenta en 400.000 euros o investimento, ó pasar dos 1,7 que estaban previstos a 2,1. Querer é poder”, subliñou o Deputado.

Deses 2,1 millóns, un total de 959.529,16 euros son para obras de competencia dos Concellos, e os 1.150.691,13 euros restantes para proxectos de responsabilidade da Deputación, centrados no arranxo de vías.

Reparto “obxectivo e equitativo” entre os Concellos

Tralo paso dado hoxe no Pleno, os Concellos deberán presentar ó organismo provincial as súas propostas de actuación, cuxo orzamento financiarán ó 50% Deputación e entidades locais. Os criterios aplicados para o reparto dos fondos entre os Concellos serán os mesmos que se veñen empregando desde 2008, de maneira que tódolos Concellos reciben un mínimo de 10.000 euros e, para fixar o resto da cantidade, valórase nun 40% a poboación de cada municipio, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación e o 15% restante corresponde á carga fiscal. Con estes baremos técnicos garántese unha distribución “obxectiva e equitativa” entre os 67 municipios da provincia, con independencia de cores políticas, recalcou Martínez, “algo que esperamos que a Xunta tamén vai facendo”.

O Voceiro socialista lamentou que o Executivo de Rajoy tratase de eliminar o POS, un “importante instrumento de cooperación”, grazas ó que se acometen obras de gran calado social, sobre todo no rural, como a mellora de accesos a pequenas localidades, pavimentación de rúas, abastecementos de auga ou acondicionamento da rede de sumidoiros, de instalacións culturais, centros sociais ou alumeados públicos.

O Deputado reprochou ós populares que sexan “os que máis esixen ós outros, cando eles son os que incumpren. O metro debe medir igual para todos, non pode ser que para o PP teña un metro e para a Deputación 80 centímetros”.

Alfredo Llano, novo Deputado

No Pleno de hoxe tomou posesión como Deputado provincial o burelés Alfredo Llano García, actual voceiro socialista no Concello mariñano e ex alcalde da localidade. Llano toma o relevo de José Ramón Val Alonso, quen, tras concorrer como número tres na candidatura do PSOE por Lugo ás eleccións galegas, ocupará un escano no Parlamento autonómico.

Coa incorporación de Alfredo Llano mantense a elevada cota de representación da Mariña no Goberno e na Corporación provincial, unha sinal máis da gran importancia que o Executivo de Gómez Besteiro lle dá á comarca, tendo en conta que concentra un terzo do PIB lucense. A presenza de Llano na Corporación súmase á doutros dous mariñanos, que, ademais, ocupan postos de alta responsabilidade no Goberno: Antonio Veiga, Vicepresidente, e Lara Méndez, Vicepresidenta Segunda.