Deputación de Lugo

Entra en servizo o parque de bombeiros de Monforte tras a súa incorporación ó Consorcio Provincial

O complexo, que conta con 19 bombeiros profesionais, dará servizo a preto de 30.000 veciños dos Concellos de Monforte, A Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober

O parque de bombeiros de Monforte entrou este luns en servizo trala súa integración no Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, perdendo así o seu carácter municipal e adquirindo un status de parque comarcal. O complexo pasa a depender deste xeito do Consorcio, formado pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, institucións que comparten ó 50% os custos de funcionamento.

As instalacións darán servizo a preto de 30.000 veciños dos Concellos de Monforte, A Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober. O equipamento de vehículos e medios consiste nun vehículo de mando; Bomba Urbana Lixeira (BUL), con sistema CAF que maximiza e potencia o uso deste vehículo; vehículo nodriza; vehículo de altura (escaleira para intervencións en altura); así coma equipos de protección individual (EPI’s); equipos de excarceración; traxes de protección química, e comunicacións; entre outros.

Coa incorporación ao Consorcio Provincial de Lugo, o parque conta con 19 bombeiros profesionais, que pertencen á empresa NATUTECNIA, concesionaria da xestión dos parques de Chantada, Sarria e Monforte, e que formou a este persoal durante máis de 2 meses na Academia Galega de Seguridade Pública.

Servizo homoxéneo e profesionalizado

Deste xeito, coa incorporación do parque de Monforte ao Consorcio Provincial de Lugo, préstase un servizo homoxéneo e profesionalizado en toda a provincia, que permitirá atender con persoal cualificado as emerxencias que poidan producirse, e cuxo ámbito de actuación será toda a provincia de Lugo, con independencia de que a cada parque se lle asigne unha área de actuación preferente, o que non impide que se fora necesario poida atender imprevistos en calquera punto da provincia, ou mesmo colaborar cos servizos homólogos das provincias limítrofes se a situación o requirise.