Deputación de Lugo

Regina Polín inaugura no CENTRAD unha mostra das obras máis representativas de Labajjo Grandío

A Deputada de Deseño e Artesanía destacou a progresiva incorporación da Sala de Exposicións do Centro ó circuíto cultural, do que xa referencia a Capela de Santa MaríaO consagrado pintor lucense amosa19 traballos, que reflicten a visión colorista de estampas costumistas galegas a través das figuras recorrente de mulleres, cans e cabalosPoderá visitarse ata finais do mes de novembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas, de luns a venres. A entrada é totalmente gratuíta

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada polo pintor lucense Alfredo Labajjo Grandío e o artista Paco Pestana, que nesta ocasión actúa coma comisario da exposición, inaugurou hoxe unha mostra retrospectiva que recolle algunha das obras de máis sona deste artista e que poderá ser visitada ata finais de novembro na Sala de Exposicións do CENTRAD. Labajjo Grandío reúne 19 das obras máis representativas do particular estilo do pintor lucense.

Durante a súa intervención, Polín destacou que se sente moi orgullosa da importancia que está adquirindo a Sala de Exposicións do Centro, que “é capaz de ofrecer un oco a todo tipo de mostras de nivel. Esta sala ten acollido exhibicións de artesanía, de fotografía, e coas obras de Labajjo Grandío eleva máis aínda a categoría deste espazo”.

Pola súa banda, tanto o pintor, coma o comisario da mostra, quixeron agradecer á Deputación o trato recibido e o bo criterio amosado á hora de ofrecer un espazo expositivo perfecto para o número e características das obras presentes, así como a consideración e coidado profesional co que se tratou en todo momento ás pinturas de Labajjo.

Pestana falou da orixinalidade “a brochazo limpo” de Labajjo, próxima ó expresionismo e influenciada por artistas coma Laxeiro, ó tempo que o definiu coma “o último dos bohemios”. Así mesmo, destacou a presenza da cor, pouco habitual nos pintores galegos, xunto á técnica “a brochazo limpo”, coa que retrata figuras recorrentes nas súas obras. Mulleres, cans, cabalos e a anecdótica presenza de dúas tauromaquias, completan este percorrido polo máis destacado de Labajjo Grandío.

Dende 1973

O lucense Labajjo Grandío comeza a expoñer no ano 1973 e son numerosas as ocasións en que a súa obra ten sido exhibida na cidade que o viu nacer. Sempre o fixo da man de grandes nomes da cultura galega, coma Ánxel Fole, Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro, Antón Fraguas ou Trapero Pardo, que foron algúns dos escritores que o acompañaron nas presentacións das súas exposicións. A súa obra amosa a influencia das súas viaxes, que o levaron a percorrer Europa, pero sempre sen esquecer as súas orixes. O costumismo cheo de vivas cores e de trazo groso desprende a súa visión bohemia e alegre da existencia, marcada polo simbolismo e a mitoloxía.

Días e horarios de apertura

A mostra estará aberta dende mañá ata finais de novembro, no horario habitual do Centro de Artesanía: entre as 10:00 e as 14:00 horas, de luns a venres. A entrada é totalmente gratuíta.