Deputación de Lugo

As comarcas da Mariña, a Ribeira Sacra e A Montaña concentran os destinos do programa Km0 esta semana

Máis de 200 veciños de Sober, A Fonsagrada, O Corgo e Alfoz gozarán dos catro itinerarios programados para entre hoxe e o sábado A Deputada de Economía, Pilar García Porto, recibiu este martes a 55 integrantes da Asociación de Veciños de Gundivós, que coñeceron o Concello de Cervo

As comarcas da Mariña, a Ribeira Sacra e A Montaña concentran os destinos das catro rutas programadas para este segunda semana de outubro no marco do proxecto medioambiental Km0 da Deputación de Lugo, co que colaboran 250 empresas da provincia, todas PEMES e autónomos, que dan emprego directo a case 1.400 persoas. Un total de 206 veciños de colectivos pertencentes ós municipios de Sober, A Fonsagrada, O Corgo e Alfoz están inscritos nos itinerarios, que terán lugar entre hoxe e o sábado.

A programación arrancou este martes con un percorrido polo Concello de Cervo, do que gozou un grupo composto por 55 integrantes da Asociación de Veciños de Gundivós, de Sober. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, recibiu no Salón de Actos de San Marcos ó colectivo, que, seguidamente, se desprazou á localidade cervense para coñecer a fábrica de Sargadelos, a Casa da Administración e o Paseo dos Namorados. A comida tivo lugar no restaurante O Almacén.

Mañá mércores, 48 membros da Asociación Veciñal Castro de Cuíñas da Fonsagrada fará a ruta pola Ribeira Sacra que combina itinerarios en tren turístico e catamarán, a novidade desta quinta tempada de Km0, que arrancou en setembro. O programa continuará o xoves con un percorrido polas pallozas do Cebreiro, demandada pola Asociación de Mulleres Arumes do Corgo. Tras ser recibidos en San Marcos, 55 integrantes deste colectivo desprazaranse ás instalacións da Fundación TIC para viaxar logo ó Cebreiro, onde visitarán a igrexa de Santa María la Real, as pallozas e o monte da Cruz, e facer un tramo do Camiño de Santiago ó seu paso pola localidade.

Para rematar a semana, e xa dentro da programación do Km0 Fin de Semana, 48 integrantes do colectivo Xuvenalfoz gozarán da ruta Castro de Doiras que, tras unha parada en Lugo para coñecer o Centro de Interpretación da Muralla, os levará a Cervantes para visitar o Castro de Santa María de Couso, Quindós e o propio castelo de Doiras.

Como anotarse

Os interesados en participar en Km0 poden inscribirse chamando ó 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, quedando excluídos todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425). A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.