Deputación de Lugo

A Deputación aforrou 3 millóns de euros este ano sen suprimir servizos públicos mediante a rebaixa de gastos correntes

García Porto explicou que “mentres Xunta e Goberno Central optan por suprimir servizos públicos, nós apostamos pola optimización dos nosos recursos para mantelos, rexeitando taxantemente a falsa austeridade que instauraron Feijóo e Rajoy”A Deputada avanza que a Xunta de Goberno aprobará mañá un novo contrato de telefonía móbil, que reducirá nun 50% a factura da institución en 2013, aforrando outros 236.000 euros para “incrementar os servizos públicos de cooperación cos Concellos: a folla de ruta desta institución”Para elo, redúcense as liñas móbiles en 78, establécense cotas máximas de consumo de ata 25 euros, determínanse franxas horarias adaptadas ó horario laboral ou restrínxense as chamadas saíntes

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, deu conta este xoves dos resultados das políticas de redución de gastos correntes que desenvolveu a institución provincial ó longo deste ano sen afectar ós servizos públicos, ó tempo que anunciou unha nova medida de aforro que o organismo lugués aprobará mañá mesmo. En primeiro lugar, García Porto avanzou que a Deputación xa aforrou 3 millóns de euros en 2012, rebaixando os seus custes correntes. “Mentres Xunta e Goberno Central optan por suprimir servizos públicos, nós apostamos pola optimización dos nosos recursos para mantelos, rexeitando taxantemente a falsa austeridade que instauraron Feijóo e Rajoy”, explicou.

Baixo esta premisa, as medidas de aforro que levou a cabo a institución provincial durante este ano e que suman xa 3 millóns de euros foron as seguintes:

1º.- Redución da partida de gastos correntes no Presuposto da Deputación para 2012 en 2,2 millóns de euros. “Para elo, fixemos un enorme esforzo no control de gasto de todas as áreas. Por exemplo, material de oficina ou os dos propios políticos, que rebaixamos en 1,1 millóns de euros”, subliñou a Deputada.

2º.- Reforma do contrato do suministro eléctrico nas dependencias provinciais coas auditorias enerxéticas, que agora a institución tamén está a realizar gratis nos Concellos, reducindo a factura eléctrica nun 25% e aforrando 135.000 euros.

3º.- Recorte dos gastos do funcionamento da institución provincial en máis de 500.000 euros coa implantación das novas tecnoloxías, que permitiron os fondos europeos do programa InnovaTE, e con novas fórmulas de contratación. García Porto puxo varios exemplos: rebaixa dos custes pola adquisición de papel en 435.000 euros logo da implantación da administración electrónica na Deputación, que conlevou a dixitalización de todos os arquivos, véxase o caso do Boletín Oficial da Provincia; acordo dun contrato de aluguer de equipos multifunción, tales como fotocopiadoras ou impresoras, que tamén inclúe os gastos de mantemento, aforrando 25.000 euros; substitución do papel timbrado, que antes se encargaba a unha imprenta, por plantillas informáticas, aforrando 20.000 euros; ou rebaixa dos custes de combustible das máquinas do Parque Móbil en 8.000 euros, cun novo contrato que permite aforrar 3 céntimo por litro.

Nova medida de aforro

García Porto avanzou que este venres a Xunta de Goberno acordará “outra medida de aforro, que nos permitará incrementar os servizos públicos de cooperación cos Concellos: a folla de ruta desta Deputación”. Trátase dun novo contrato de telefonía móbil para a institución provincial, que rebaixará estes gastos nun 50% en 2013 e con respecto ó 2011. Esta porcentaxe supón un aforro de 236.000 euros anuais. Para elo, redúcense o número de liñas móbiles en 78, establécense cotas máxima de consumo de ata 25 euros, determínanse franxas horarias adaptadas ó horario laboral dos traballadores, estandarízanse as tarifas de datos ós dispositivos móbiles e restrínxense as chamadas saíntes; todo isto, logo de avaliar as necesidades na institución.

E é que este axuste é froito dos resultados acadados tras o estudo de rexistro de chamadas en cada un dos departamentos provinciais, que se realizaron mediante os mecanismos informáticos, que se implantaron na Deputación con fondos europeos do Innova-TE. Ademais, o organismo lugués tamén tivo en conta o servizo que presta cada área. Por exemplo, os capataces que controlan a rede viaria provincial máis extensa de España superando os 4.000 quilómetros, ou o persoal de Vías e Obras que traballa desplazándose por toda a provincia.