Deputación de Lugo

O programa Km0 Balnearios do Camiño da Deputación renova o seu éxito ó superar os 700 participantes

O complexo que rexistrou máis solicitudes foi o Balneario Augas Santas de Pantón, seguido dos de Guitiriz, Lugo Termas Romanas e Río Pambre de PalasA Mariña e Lugo son as comarcas de procedencia da maioría dos inscritos nesta iniciativa coa que o organismo provincial impulsa a economía medioambiental

Máis de 700 persoas de toda a provincia participaron no programa Km0 Balnearios do Camiño, o que pon de manifesto o éxito da segunda edición desta iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo co obxectivo de potenciar a economía medioambiental e o turismo no Camiño de Santiago aproveitando a riqueza termal da provincia.

O complexo que rexistrou máis solicitudes foi o Balneario Augas Santas de Pantón, concentrando o 54% das inscricións, seguido do de Guitiriz, co 29%; Balneario Termas Romanas de Lugo e Balneario Río Pambre de Palas. O perfil maioritario dos inscritos é o dunha muller de entre 50 e 60 anos de idade, que viaxa acompañada do marido ou amigas.

En canto ós lugares de procedencia, as comarcas da Mariña (co Concello de Burela á cabeza) e a de Lugo son os maioritarios, aínda que entre os participantes houbo veciños de toda a provincia: A Fonsagrada, Baralla, Becerreá, Castroverde, O Saviñao, Guitiriz, Monforte, Pol, Cospeito, O Corgo, Palas de Rei, Láncara, Samos e Sarria, entre outros Concellos.

Os bos resultados de Km0 Balnearios do Camiño, que se desenvolveu dende xuño a decembro, constatan que a riqueza termal e o patrimonio vinculado ás rutas xacobeas, sendo a provincia que máis quilómetros ten, con 800, son unha alternativa sólida para reactivar a economía lucense e desestacionalizar o turismo. A iniciativa ofrece así mesmo unha nova fórmula para modernizar e mellorar a calidade de vida do medio rural, crear e manter empregos e, en consecuencia, fixar poboación no rural.

Os beneficiarios deste programa, impulsado pola institución provincial en colaboración cos balnearios, recibiron un desconto de 43 euros por persoa para acceder ós tratamentos dos complexos termais, contribuíndo deste xeito a mellorar a súa calidade de vida, ademais de potenciar a dimensión económica medioambiental da provincia, en particular das súas augas mineromedicinais.