Deputación de Lugo

Besteiro confirma no Parlamento que a Deputación de Lugo cofinanciará, por vez primeira, os GRUMIR

Durante a súa comparecencia na Cámara galega para presentar os Orzamentos de 2013, o Presidente explicou que a institución provincial ultima un acordo con Xunta e FEGAMP, segundo o que aportará o 20% do custe dos novos servizos de emerxencias supramunicipaisGómez Besteiro pediu no Parlamento a activación urxente da Comisión de Demografía, que recolla unha aportación de todos os grupos políticos e administracions, para “paliar a enfermidade máis grave e silenciosa que ten Galicia”Emprego e Benestar Social son as máximas prioridades do Presuposto da Deputación, que ascende a 89,4 millóns, un 4,7% menos que en 2012 debido “fundamentalmente ó novo recorte sorpresa do Goberno central contra o mundo local, ó eliminar o POS”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, confirmou este venres no Parlamento de Galicia que a institución luguesa cofinanciará, por vez primeira, o funcionamento dos novos grupos de emerxencias supramunicipais da provincia, os antes denominados GRUMIR. Durante a súa comparecencia na Cámara galega para presentar os Orzamentos da Deputación para este 2013, Gómez Besteiro explicou que, no marco da súa aposta polo emprego e a máxima cooperación cos Concellos, a institución provincial “está ultimando coa Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias” dos servizos de emerxencias. A Deputación achegará un 20% do custe que ten na provincia os GRUMIR, a Xunta asumirá o 60% e os Concellos, o 20% restante”.

Gómez Besteiro reclamou, por outra banda, no Parlamento a activación urxente da Comisión de Demografía para “paliar a enfermidade máis grave e silenciosa que ten Galicia. O noso modelo é insostible e non queda prórroga”. Gómez Besteiro demandou que dita comisión “conte coa aportación real de todos os grupos políticos e as diferentes administracións, e non como rematou: nun plan en solitario do Partido Popular, que rexeitou todas as propostas presentadas, incluídas as dos expertos na materia. Pídolles que conten con todos nós”.

O mandatario provincial iniciou a súa comparecencia na Cámara galega para presentar os Orzamento provincial de 2013 advertindo do “gravísimo problema demográfico” porque, argumentou, “nada do que poida dicirlles ten sentido, se non partimos do despoboamento”, que cualificou como o “cancro do século XXI”. “Dende hai 20 anos morren máis galegos dos que nacen, e en 2012 a perda de poboación acelerouse. Galicia perdeu 14.000 habitantes, encabezando a lista en España. Xa non é un problema da Galicia interior, xa non é un problema dunha Galicia de dúas velocidades. So hai unha... pero é unha Galicia de marcha atrás”, subliñou Gómez Besteiro. Como orixe deste despoboamento, á forte baixada da natalidade rexistrada nos últimos anos, o Presidente suma “de novo o cancro da emigración”.

Neste sentido, fixo unha chamada de atención sobre a “falta de concienciación social e reacción política” ante o que os expertos chaman “suicidio demográfico” e sobre as preocupantes repercusións da contracción da poboación: “perda de peso político de Galicia en España, mingua de vitalidade, xeneralización dun conservadorismo conformista que expulsa aínda máis ós mozos, ou esvaece a nosa identidade como pobo”. “Galicia é un país con pasado. Pero, é un país con futuro?”, recalcou. Incidindo na prioridade que debe ter a acción política ante a situación actual, parafraseou a Volteire: “O fin dun goberno sabio debe ser o poboamento do país e o traballo”.

Apostas concretas da Deputación

O Orzamento da Deputación de Lugo para 2013 “pon enriba da mesa apostas concretas” para loitar contra despoboamento, “para a viabilidade socioeconómica”, indicou Besteiro, e ten dous obxectivos: o emprego e o benestar social. O presuposto provincial ascende a 89.462.179,13 euros, un 4,7% menos con respecto a 2012, “fundamentalmente, polo recorte sorpresa, un máis, que aplicou o Goberno central contra o mundo local, privando á provincia de case 3 millóns de euros do Plan de Obras e Servizos para 2013, é dicir, de obras solicitadas polos Concellos”, afirmou o Presidente.

O mandatario provincial explicou as 5 liñas do Orzamento 2013:

1ª.- Crear emprego

A Deputación está en disposición de investir 7,5 millóns de euros en emprego: 4 millóns de euro en fomento do emprego, un 63% máis que en 2012; e 3,5 millóns a través do Pacto Provincial polo Emprego, o proxecto que acadou máis financiamento en Galicia do Fondo Social Europeo.

Grazas ós fondos da Unión Europea, a Deputación pode, lembrou Gómez Besteiro, “seguir potenciando tamén os grandes futuros de emprego da nosa provincia”. Referiuse ós proxectos de economía medioambiental, a través do programa Lug02, cunha partida que en 2013 ascende a 2,3 millóns de euros, financiados tamén ó 70%; e ás novas tecnoloxías como catalizador do desenvolvemento, a través do programa Innova-TE, cunha achega que no 2013 ascende a 5,3 millóns de euros, cofinanciados igualmente.

Ademais da nova cooperación en materia de emerxencias, outras das áreas de creación de emprego é o turismo. No 2013, o organismo provincial aumenta nun 40% o investimento, situando como obxectivo principal desestacionalizar a chegada de visitantes, recuperar o patrimonio cultural, material e inmaterial, e potenciar os recursos naturais.

2ª.- Reforzar os Servizos Sociais

A Deputación aumentou un 12% os fondos para esta área en 2013, e, a maiores, ten consignados preto de 15 millóns de euros para a execución de residencias da terceira idade e centros de día próximos ós fogares dos usuarios. “Non é só unha aposta polo benestar social. Tamén son un futuro de emprego”, recalcou Besteiro.

Neste senso, o Presidente quixo deixar claro que a negativa da Xunta, con 100 veces máis de orzamento que a Deputación, a concertar prazas nas residencias que promove o organismo provincial “modifica e ralentiza o proxecto. Pero, a diferenza da Xunta, estamos totalmente comprometidos coa rede provincial de residencias porque é viable e necesaria nunha provincia coma a nosa na que temos a fortuna de ter maiores. ¿Como pode a Xunta rexeitar un dos proxectos de creación de emprego e concertación de prazas públicas cando o está a facer coas residencias privadas?”.

3ª Disolver o INLUDES e reforzar a cooperación cos Concellos

Gómez Besteiro recalcou que, cumprindo coa palabra dada, disolveu neste 2013 o Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), un novo paso na racionalización da estrutura da administración. “Xa no mandato anterior, disolvéramos outra polémica herdanza: a Fundación Tor. Tristemente coñecida por trocar a protección da fauna e flora por cazas ilegais de animais, viaxes de luxo ó estranxeiro e corta masiva dos montes. Tamén no mandato anterior, transferimos dous hospitais ó SERGAS deixando de ser a única Deputación de España que aínda arrastraba a xestión directa de hospitais...”, asegurou Besteiro.

Destacou así mesmo que os traballadores do extinto INLUDES faranse cargo de labores para incrementar o traballo en rede cos Concellos e aforrarlles cartos ó asumir servizos que, tanto por falta de presuposto, como de recursos humanos e técnicos, non poden afrontar en solitario.

Reforzarase deste xeito a Cooperación cos Concellos con máis persoal, pero tamén con máis investimento económico, como destacou o Presidente. Aludiu, neste senso, á consolidación do Consorcio Provincial de Bombeiros, sufragado ó 50% coa Xunta de Galicia, e para o que se fai previsión económica de 2.307.809 euros; ó Plan de Obras e Servizos, cunha achega de 3 millóns de euros “despois de que Rajoy reducise a cero a achega estatal”; á subida nun 24%, ata os 600.000 euros, da cantidade destinada a colaborar con Concellos e entidades sen ánimo de lucro; e ó mantemento da cooperación cos Concellos e co amplo tecido asociativo no ámbito da Cultura e o Deporte. Besteiro destacou tamén a cooperación a través do sistema provincial de Recadación, “do que forman parte a maioría dos Concellos de Lugo, e que é moito máis eficaz cos servizos municipais”.

4º.- Compatibilizar o público con unha boa xestión económica

A xestión da Deputación é unha mostra de que “defender o público e manter o Estado do Benestar é compatible cunha boa xestión económica”, dixo Besteiro, pois, ó tempo que aposta polo emprego e o benestar social, baixa gastos correntes e a débeda. Neste senso, Besteiro destacou a rebaixa en 2013 de 10 millóns de euros máis de débeda, coa que “levaremos rebaixado dende que entramos no Goberno provincial no ano 2007 un total de 48,7 millóns de euros”.

5º.- Combinar axustes con crecemento

O Presidente explicou que a Deputación segue baixando en gastos der persoal (máis de 11,2 millóns de euros nós últimos 3 anos) e en gastos correntes (1,4 millóns en 2013), e optimizando recursos para aforrar custes con medidas como a contratación conxunta de servizos e subministros a través de acordos marco; a creación dunha central de compras, e a contratación de todos os equipamentos informáticos e tecnolóxicos nun único departamento, o de Novas Tecnoloxías.

Ó tempo que aplica axustes, o organismo lugués continúa apostando por proxectos estratéxicos para o futuro de Lugo, como, segundo destacou Besteiro, o primeiro centro público de recría de gando en España, que executa en solitario. Construíu 13 naves cun orzamento de 6 millóns de euros e neste 2013 acometerá obras por un valor de 2,5 millóns de euros.

“Programa oculto”

O Presidente, por outra banda, lamentou a actual “acción política errática e ineficaz”, e a existencia dun “programa oculto, un programa ó que non lle importa o país, un programa inconfesado ó que en realidade só lle importa o triunfo do capitalismo salvaxe. Ese programa secreto conduce á pobreza, conduce á desigualdade, conduce á tiranía dos poderosos, conduce á destrución da democracia e da xustiza social”. Gómez Besteiro avogou por “traballar no novo modelo de crecemento que surda trala crise. Pero nese reinicio o pobo galego ten dereito a saber como vai gañar a vida, como sairemos adiante como país, en definitiva: como seremos País”.