A Deputación reedita as súas axudas a todas cofradías e agrupacións de mariscadoras da provincia
A Deputación renova un ano máis as axudas para o impulso económico e o desenvolvemento das actividades de todas as cofradías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da Mariña. A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, avanzou que no 2013, a totalidade destes colectivos recibirán máis de 20.000 euros, distribuídos en cantidades iguais, mantendo o noso investimento con respecto ó ano pasado, a pesares de contar cun Orzamento menor, así como os seus beneficiarios e as condicións de reparto.
Deste xeito, ó igual que no 2012, os colectivos que recibirán estas axudas son: Cofradía de Pescadores do Vicedo; Cofradía de Pescadores Santiago Apóstol de Celeiro; Cofradía de Santa María do Campo de Ribadeo; Cofradía de Pescadores de Burela; Cofradía de Pescadores de San Ciprián, Agrupación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros e a Cofradía de Pescadores de Foz.
Precisamente, Lara Méndez, tivo a oportunidade de avanzar esta nova ó patrón maior da cofradía de Foz, Juan Ramón Lestegás, a pasada fin de semana, aproveitando o encontro que mantiveron durante a Festa do Berberecho desta localidade mariñana -que tamén conta dende hai anos co apoio económico da institución provincial que outorga directamente ó Concello focense 3.000 euros para desenvolvemento desta cita-.
Antes, só Vicedo
A Vicepresidenta subliñou que o traballo deste Goberno Provincial dista moito do que leva a cabo o Partido Popular quen, cando dirixía a Deputación, só concedía axudas á Cofradía do Vicedo, colectivo que recibía unha media de 12.000 euros ó ano, discriminando deste xeito ós restantes colectivos da provincia. Actualmente, a institución luguesa é a única das Deputacións galegas que colabora con todas as cofradías da súa provincia.
A única diferencia das axudas ás cofradías para 2013 con respecto ás do ano pasado é que, anteriormente, era o Inludes a administración provincial que outorgaba estas subvencións mediante o chamado Plan Estratéxico de Subvencións do Inludes. Tendo en conta a disolución deste organismo a finais do 2012, agora é a Deputación quen, directamente, se encargará de conceder estas axudas que, tal e como reiterou a Vicepresidenta Segunda, son iguais e para todos os colectivos da provincia. Nós non facemos discriminacións.