Deputación de Lugo

A Deputación esixe ó Goberno central que manteña as axudas ás razas gandeiras autóctonas, vitais para 500 explotacións lucenses

Imaxe deputación de lugo
O Goberno provincial levará ó Pleno unha proposta para evitar que o Executivo de Rajoy prive de 750.000 euros ós gandeiros lucenses especializados nesta produción, situados sobre todo na comarca da MontañaNa mesma iniciativa plenaria, os grupos de Goberno demandan a Feijóo que cumpra o acordo asinado en decembro cos sindicatos agrarios para revalorizar o prezo do leite e aumentar a competitividade das granxas Lara Méndez advirte de que “o sector agrogandeiro está vivindo unha sangría nunca vista, que empeorou no último ano debido ás políticas impulsadas polos gobernos do Partido Popular. Este 2013 arrancou con 2.000 explotacións menos en Galicia”

O Goberno provincial presentará no vindeiro Pleno, o 29 de xaneiro, unha proposta na que esixe ó Goberno central que manteña as axudas ós produtores de razas gandeiras autóctonas en réxime extensivo, garantindo así a supervivencia das explotacións dedicadas a este fin, que na provincia de Lugo son ó redor de 500, na súa maioría situadas na comarca da Montaña. Se o Executivo de Rajoy non desbloquea as subvencións, privará ós gandeiros lucenses especializados nesta produción de 750.000 euros, vitais para a súa actividade.

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, advertiu de que Galicia “está vivindo unha sangría nunca vista no sector agrogandeiro, que empeorou no último ano debido ás políticas impulsadas polos Gobernos do Partido Popular. A superficie agraria útil baixou un 6,6% nos últimos 4 anos; e aumentaron todos custes de produción en máis de 2 puntos porcentuais, mentres que a renda agraria apenas o fixo nun 1%. Todos isto trouxo como resultado que 2013 arrancase con preto de 2.000 explotacións de vacún menos”.

Por se estas “alarmantes cifras non fosen pouco”, argumentou Méndez, a Xunta, a través da Consellería de Medio Rural, vén de paralizar a concesión das axudas de 2012 para o fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réxime extensivo, alegando para elo que o Ministerio de Agricultura non concedeu os 350.000 euros necesarios para financiar as subvencións este ano. Deste xeito, a orde publicada en xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG) deixa sen efecto a publicada o 5 de outubro, que establecía a apertura do prazo para que os gandeiros renovasen o compromiso adquirido para a cría de gando autóctono.

Por tanto, segundo cifras facilitadas polos sindicatos agrarios, estímase que os titulares das explotacións -500 na provincia de Lugo- deixarán de percibir entre 1.000 e 1.500 euros coa supresión destas axudas, cofinanciadas nun 75% pola Unión Europea e un 25% polo Estado. É dicir, os gandeiros lucenses, especializados na raza autóctona, deixarán de ingresar 750.000 euros, 125 millóns das antigas pesetas.

Esta situación, “xerada e provocada unicamente pola xestión dos gobernos do Partido Popular”, subliñou a Vicepresidenta, “fai saltar todas as alarmas no sector, dificultando así a supervivencia das explotacións dedicadas a este fin, e que se sitúan principalmente na Montaña luguesa”. Lara Méndez lembrou que estes apoios económicos convocáronse en 2008 por un período de cinco exercicios e, dende entón, beneficiaron cada ano a unha media de 860 explotacións en toda Galicia.

2013, o peor ano da historia

Con estes datos, os principais sindicatos agrarios aseguran que o exercicio que acaba de rematar pasará á historia como o peor do sector produtor, xa que as perdas galegas superaron os 130 millóns de euros. Esta merma nos ingresos, ademais de polo recorte nas subvencións que conceden as administracións autonómica e central, débese tamén ó prezo da materia prima. No caso do leite, este non acadou valores semellantes ós do custe de produción (36 céntimos por litro), incumpríndose así o acordo asinado a principios de decembro pola Xunta e as organizacións sindicais. A día de hoxe, a revalorización deste produto foi de pouco máis do 10%, polo que cada vez son máis os gandeiros que dubidan de que se acaden valores pactados no convenio, que estimaba que o prezo deste produto debería subir uns 6 céntimos.

Por esta razón, o Goberno provincial, na mesma iniciativa que levará ó vindeiro Pleno sobre o desbloqueo das axudas ás razas gandeiras autóctonas, demanda que Feijóo cumpra o acordo asinado en decembro cos sindicatos agrarios para revalorizar o prezo do leite e aumentar a competitividade das granxas produtoras desta materia prima.

“O campo galego continúa nunha regresión constante dende que Feijóo é Presidente da Xunta de Galicia”, recalcou a Vicepresidenta. Proba delo é que, tal e como recollen diversos informes económicos, e malia ser o leite a principal liña de especialización do sector agrogandeiro –en 2008 esta materia prima achegou o 31% do output do sector- nos catro anos transcorridos do Goberno do Partido Popular, a poboación ocupada no sector diminuíu a unha taxa media anual do 4,1%.

Preocupación ante as negociacións da PAC

Lara Méndez advertiu de que esta situación, “claramente preocupante, agudizarase aínda máis se as negociacións da Política Agraria Común (PAC), previstas para este ano, inclúen novos recortes e restricións nas axudas destinadas a este fin”. A Unión Europea debe pechar en 2013 un acordo sobre as perspectivas financeiras para os vindeiros sete anos nesta materia, polo que o Goberno Central e a Xunta de Galicia, administracións coas competencias en medio rural, teñen a obriga de garantir a achega que perciben os gandeiros a través desta liña de axudas. A PAC é a política que máis orzamento absorbe dos fondos da UE, cuns 56.000 millóns anuais, sendo España o segundo país máis beneficiado ó percibir preto de 7.900 millóns. En Galicia hai 43.700 gandeiros que cobran o pago único da PAC, en total 106 millóns de euros. Na provincia de Lugo, preto de 15.300 produtores reciben 48 millóns de euros ó abeiro destas axudas.