Deputación de Lugo

A Deputación reduce gastos correntes, aforrando case 4,2 millóns de euros ó ano

Imaxe deputación de lugo
A institución contrata os servizos de vixilancia e limpeza nas dependencias provinciais diminuíndo os custes destas prestacións con respecto ó ano pasado en 120.000 euros, que se engaden o aforro doutros gastos correntes como electricidade, telefonía ou material de oficinaO organismo provincial concede 100.000 euros á USC para garantir ata 2017 a celebración na Facultade de Ciencias de Lugo doutras 5 edicións do Máster en Riscos Laborais e Saúde AmbientalA Xunta de Goberno aproba as contas xustificativas doutras 34 obras do Plan de Comunidades Veciñais, liquidando o 90% destas actuacións nun tempo récord medio de tan só 15 días

A Xunta de Goberno aprobou este venres a contratación dos servizos de limpeza e vixilancia no Pazo de San Marcos, Museo Provincial, Fogar de Santa María e Pazo dos Deportes, rebaixando o custes destas prestacións en 120.000 euros con respecto ó ano pasado. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou que con esta nova medida de redución de gastos correntes, a Deputación aforra case 4,2 millóns de euros ó ano.

1.- Rebaixa dos gastos correntes no Orzamento para este ano en 1,4 millóns de euros, que se engaden ós 2,2 millóns de euros de redución no 2012, acadando un aforro de 3,6 millóns de euros anuais nesta partida. Martínez salientou que “isto é posible debido ó esforzo no control de gasto levado a cabo en todas as áreas da institución e á disolución do INLUDES”.

2.- Redución da factura eléctrica en 130.000 euros ó ano coa medidas postas en marcha dende a Axencia Provincial da Enerxía.

3.- Rebaixa dos custes de telefonía en 236.000 euros anuais, reducindo a número de operadores e dispositivos móbiles tras avaliar as necesidades dos profesionais da institución con medios do programa tecnolóxico Innova-TE.

4.- Redución dos custes de material de oficina, como por exemplo papel ou equipos multifunción, en 80.000 euros ó ano, mellorando os pregos de contratación destas prestacións.

O Deputado remarcou que “finalmente, coa rebaixa en 120.000 euros anuais nas contratacións dos servizos de limpeza e vixilancia que acordamos hoxe, a Deputación aforra un total de 4.166.000 euros ó ano coas nosas medidas de redución de gastos correntes”.

100.000 euros para a USC

A Xunta de Goberno aprobou conceder á Universidade de Santiago de Compostela unha subvención de 100.000 euros para garantir a celebración en Lugo do Máster de Riscos Laborais e Saúde Ambiental ata 2017. Martínez destacou que “ó igual que vimos facendo dende 2007, esta institución achega o groso do orzamento necesario para a organización doutras 5 novas edicións desta iniciativa na Facultade de Ciencias do Campus lugués, dentro da nosa aposta pola formación especializada nos eidos con más futuro para favorecer a inserción laboral”. Hai que ter en conta que, na actualidade, todas as empresas contan cun gabinete de prevención de riscos laborais ou ben contratan este servizo a persoal externo. Temos, polo tanto, unha forte demanda de profesionais especializados que sexan capaces de implantar condutas e actitudes que reduzan a siniestralidade e aumenten o benestar no traballo. Boa mostra disto é que todos os anos as 20 prazas dispoñibles deste Máster sempre se cobren, quedando xente na listaxe de espera. Máis dun centenar de profesionais de toda Galicia e ata de Sudamérica, principalmente enxeñeiros e arquitectos, así como titulados sen Relacións Laborais, químicos ou biólogos, realizaron este posgrao. Isto fixo posible que hoxe traballen como Técnicos Superiores nas especialidades de Seguridade no Traballo; Hixiene Industrial; Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada; ademais das referidas á formación en auditorías, protección de Riscos Laborais na construción; Toxicoloxía laboral e Saúde medioambiental.

Blindando este máster na provincia ata 2017, a Deputación concede á USC 100.000 euros, repartidos en 5 anualidades (2013, 2014, 2015, 2016 e 2017) de 20.000 euros cada unha.

Outros acordos

Na sesión tamén se aprobaron as contas xustificativas de 34 obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas en 21 Concellos e dotadas de 290.000 euros, que a Deputación aforra ós municipios ó asumir a totalidade dos custes das melloras realizadas nas dotacións públicas locais. “Como poden constatar, este Goberno Provincial segue a resolver os traballos deste Plan nun tempo récord de 15 días fronte a un Partido Popular que deixou sen pagar obras desta programación de 204, 2005, 2006 e 2007, ata que chegamos nós”. A día de hoxe, a Deputación aboou o 90% destes traballos, 201 obras das 232 que hai en total, quedando pendente só 31 actuacións para as que, en todos os casos, o organismo provincial está pendente de recibir a documentación necesaria por parte dos colectivos beneficiados para a súa xustificación e posterior pago.

As 34 obras aprobadas hoxe beneficiaron ós veciños dos seguintes Concellos: Becerreá, Burela, Castro de Rei, Castroverde, Cervo, O Corgo, Láncara, Lourenzá, Monforte de Lemos, Outeiro de Rei, O Páramo, Paradela, A Pontenova, Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas do Sil, Ribadeo, Sarria, Sober, Xermade e Viveiro.