Deputación de Lugo

A Deputación reducirá nun 50% a factura da luz nos Concellos, aforrándolles cartos

É un dos resultados das auditorías enerxéticas que a institución realiza gratis en 37 municipios xunto a diminución nun 20% dos gastos de luz e calefacción en Consitorios, Casas da Cultura ou pavillóns21 Concellos sumáronse á revisión integral da facturación eléctrica que organismo lugués fará gratis para aforrar máis custes e evitar abusos de compañías, á espera de pechar o prazo o 25 de marzoA Deputación reducirá nun 40% a factura da calefacción na Casa Consistorial da Fonsagrada coa caldeira de biomasa que adquiriu con 71.000 euros, cofinanciados nun 80% pola Unión EuropeaA institución inicia a contratación de melloras nos servizos públicos de Friol con máis de 200.000 euros e achega outros 270.000 euros para obras da mesma índole, executadas en 22 municipios

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou hoxe os primeiros resultados das auditorías enerxéticas que a Deputación está a realizar a custe cero nos 37 Concellos que de xeito voluntario se sumaron a esta iniciativa. Martínez avanzou que o organismo provincial reducirá nun 50% a factura da luz destas entidades locais, co material que a institución luguesa adquirirá e instalará gratuitamente nos seus sistemas de iluminación pública. Hai que ter en conta que a luz representa o 70% dos gastos correntes nos municipios. Por exemplo, un Concello cunha media de 5.000 habitantes paga ó ano 200.000 euros pola luz, custe que a Deputación diminuirá ata os 100.000 euros.

Ademais de avaliar os sistemas de iluminación pública, a institución tamén realizou auditorías enerxéticas no inmoble público elixido polas entidades locais. Foron, principalmente, Consistorios, Casas da Cultura e pavillóns municipais, nos que o organismo provincial reducirá os gastos correntes, é dicir, facturas de luz e calefacción, nun 20%.

Os 37 municipios do Club dos Renovables, que en total son 47, adheridos a esta iniciativa foron os seguintes: O Incio, A Fonsagrada, Cervantes, Monterroso, Pedrafita, Negueira de Muñiz, A Pontenova, Abadín, Pol, Portomarín, Láncara, Samos, A Pastoriza, Meira, Riotorto, Trabada, Navia de Suarna, Guntín, Barreiros, O Valadouro, Becerreá, Castroverde, Viveiro, Rábade, Xove, O Vicedo, Sober, Sarria, Palas de Rei, Baralla, Ribadeo, A Pobra do Brollón, Ribas do Sil, Quiroga, Friol, Guitiriz e Monforte de Lemos. A Deputación levou a cabo as auditorías enerxéticas en 29 Concellos, quedándolle pendentes traballos puntuais noutros 8 municipios que concluirá en marzo.

Revisión da facturación eléctrica

Na mesma liña, o Deputado adiantou que unha semana despois de que a Deputación ofrecese ós Concellos a revisión integral da facturación eléctrica en todas as instalacións municipais, co asesoramento técnico, personalizado e gratuíto dos profesionais da Axencia Provincial da Enerxía, para aforrarlles máis cartos e evitar posibles abusos das compañía, 21 entidades locais do Club dos Renovables xa se adheriron a esta nova iniciativa de cooperación. Son Baralla, Barreiros, Cervantes, O Corgo, Guntín, O Incio, Mondoñedo, Paradela, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribas do Sil, O Saviñao, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo e Xove. O prazo de inscrición segue aberto ata o 25 de marzo polo que, ata entón, aínda poden sumarse máis Concellos dos 47 ós que se dirixe este proxecto.

40% de aforro na calefacción

A Axencia Provincial da Enerxía, que tamén estuda cales son os sistemas que as entidades locais deben instalar para reducir gastos correntes, determinou que A Fonsagrada reducirá nun 40% a factura da calefacción no seu novo Consistorio coa caldeira de biomasa que, a custe cero, adquire e instala a Deputación. A Xunta de Goberno aprobou hoxe a contratación deste sistema, con 71.000 euros, cofinanciados nun 80% pola UE, do Lug02. Isto supón, que case 57.000 euros sexan fondos europeos. Coa dotación desta caldeira, que favorecerá a diminución de CO2 porque se abastece con recursos renovables non contaminantes, a Deputación concluirá cos traballos da nova Casa fonsagradina, que construíu con 850.000 euros, tendo en conta as condicións do actual inmoble, o máis antigo da provincia.

Mellora de servizos públicos nos Concellos

A sesión acordou iniciar a contratación de melloras en servizos públicos de Friol, para as que a Deputación achega un máximo de 207.300 euros, que financia na súa totalidade ó incluír estas actuacións nos proxectos de responsabilidade provincial do Plan de Obras e Servizos. Martínez subliñou que “poñemos en marcha, deste xeito, o POS 2012 que salvou esta institución en Lugo co obxectivo de permitir a execución de máis de 80 obras nos municipios da provincia logo de que o Goberno Central do Partido Popular suprimise, por 1º vez na historia, a achega estatal a esta programación”. O voceiro adiantou que, transcorridos os prazos legais e adxudicado este contrato, en 2 meses a Deputación porá en marcha no Concello friolés os seguintes traballos: mellora do firme con aglomerado en quente da CP-2111, ó seu paso pola rúa Deputación, e da CP-2106, ó seu paso pola rúa Santa Isabel; acondicionamento de 5 quilómetros da vía de Lamas a Narla, moi transitada por vehículos pesados, principalmente, por maquinaria agrícola; colocación de bandas rugosas e pasos de peón fronte ás vivendas sociais, onde tamén se arranxará o sistema de drenaxe debido ás continuas inundacións na zona. Con estas últimas actuacións, a Deputación atende as demandas veciñais, ó tempo que asume uns traballos que debería realizar a Xunta, como administración responsable destes inmobles.

A Xunta de Goberno tamén aprobou as contas xustificativas de 36 obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas en 22 Concellos lugueses, por valor de 270.000 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación. “A día de hoxe, levamos tramitas 198 obras das 232 que en total contempla este programa, supoñendo o 85% das mesmas”, destacou Martínez.

Teletraballo na Deputación de Lugo

A institución inicia a adxudicación dos traballos de realización dunha guía de boas prácticas e dun informe de recomendacións para o impulso do Teletraballo na Deputación de Lugo. O orzamento máximo para estas actuacións é de 64.700 euros, cofinanciados nun 80% pola Unión Europea co Innova-TE, é dicir, case 52.000 euros son fondos europeos. Consisten, por un lado, no estudo de todos os postos de traballos na Deputación para determinar que traballadores, tendo en conta as súas funcións e responsabilidades, se poderán adherir a este sistema, que permitirá realizar tarefas profesionais dende Internet. Tamén inclúen a elaboración dun regulamento, que determine tanto as limitacións como o sistema de control do Teletraballo, co obxectivo de garantir a máxima eficacia na prestación dos servizos públicos da administración, así como o cumprimento do horario “que ampliou o Goberno Central do PP”, ó tempo que se facilita a conciliación da vida laboral e familiar ó traballar dende a casa. Isto complementa a contratación dos aplicativos tecnolóxicos necesarios poñer en marcha a principios do 2014 a plataforma para o Teletraballo na Deputación de Lugo. Estes últimos traballos contan con 213.000 euros, dos que o 80% son da UE.