Deputación de Lugo

A Capela de Santa María amplía o seu horario esta fin de semana ante o éxito de público de Pasado e presente da olería en Lugo

A Capela permanecerá aberta este sábado de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas para recibir a visita dos moitos lucenses que aínda non puideron achegarse a visitar esta mostra, que se clausura o domingo 3 de marzo. A entrada é gratuita.

Pasado e presente da olería en Lugo ten acadado un éxito sen precedentes, superando amplamente as 800 visitas, en apenas un mes dende a súa inauguración, e recibindo diariamente as solicitudes doutros moitos lucenses para contar cun horario máis flexible, que lles permita achegarse ata esta sala de exposicións para botar unha ollada ó froito deste tradicional oficio da provincia.

Por este motivo os responsables do CENTRAD decidiron ampliar o horario de apertura do sábado á tarde. Deste xeito, a Capela permanecerá aberta de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, mentres que o domingo o horario será o habitual, de 11:00 a 14:00 horas. A entrada, coma sempre, é totalmente gratuíta.

Precisamente o domingo, día 3 de marzo, a mostra quedará clausurada para dar paso a unha nova exposición que seguramente volverá a atraer a atención dos lucenses, que xa teñen na Capela de Santa María un espazo expositivo de calidade, que ocupa un lugar destacado no circuíto cultural galego. 73x73x273. A irmá do sono; Laxeiro. Cosmoloxías e Nai África. A orixe, son algunha das variadas exposicións que, máis recentemente, veñen de ocupar a Capela e que suman a destacada cifra de preto de 4.000 lucenses.