Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo será a primeira galega e a terceira de España en dar voz á cidadanía para elaborar uns orzamentos participativos

O Presidente avanzou que nos presupostos de 2014 aplicarase este mecanismo, que implica directamente ós veciños na toma de decisións sobre as contas provinciais, “mellorando a calidade democrática e a transparencia na xestión” “Forxaremos unha relación de dobre dirección con tódolos lucenses, pois coñeceremos de primeira man as súas necesidades, e explicarémoslles para que serve esta institución e a que dedicamos os nosos fondos”, subliñou Gómez Besteiro O mandatario provincial fixo este anuncio durante a sinatura dun convenio por valor de 12.000 euros coa Confederación Galega de Veciños (COGAVE), que aglutina a 400 colectivos da comunidade autónoma, dos que 120 son lucenses e contan con uns 15.000 socios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou este sábado que o organismo lucense dará voz á cidadanía para elaborar uns orzamentos participativos, converténdose deste xeito na primeira institución provincial de Galicia e a terceira de toda España en implantar este mecanismo, “co que melloraremos a calidade democrática e transparencia da nosa xestión”. Gómez Besteiro fixo este anuncio durante a firma dun convenio de colaboración no Pazo de San Marcos coa Confederación Galega de Veciños (COGAVE) Rosalía de Castro, un acto no que estiveron presentes os 30 membros da xunta directiva deste colectivo, presidido polo lucense Jesús Vázquez.

“Estamos traballando xa para que este novo instrumento de participación cidadá se aplique nos próximos Orzamentos, os de 2014”, subliñou o Presidente. “Forxaremos unha relación de dobre dirección con tódolos lucenses: por un lado, coñecemos de primeira man as súas necesidades e facémolos partícipes da xestión provincial, dándolles voz á hora de definir os orzamentos: a folla de ruta dunha administración, na que establece as súas prioridades e obxectivos; e, por outro, explicámoslles para que serve esta institución, que proxectos desenvolvemos e a que destinamos os nosos fondos”, argumentou Besteiro.

Ademais de encontros de traballo, outro dos mecanismos que utilizará a Deputación para recibir as propostas da cidadanía serán os medios tecnolóxicos. “Un dos recursos que usaremos será a nosa páxina web, que, deste xeito, gaña cada vez máis importancia, é cada vez máis interactiva”, sinalou o Presidente.

A de Lugo, Deputación pioneira

A Deputación de Lugo é a primeira galega e a terceira de España –despois de Málaga e Barcelona- que pon en marcha os presupostos participativos. En España, esta experiencia está bastante estendida en Andalucía, Cataluña e País Vasco, pero na zona do noroeste do país apenas existen un par de experiencias. No conxunto de España hai medio centenar de municipios que teñen presupostos participativos, unha tendencia que comezou a implantarse a finais dos 90, tras xurdir en Brasil nos 80.

Un paso máis na transparencia

O Presidente recalcou que, con este instrumento de participación, o Goberno provincial dá un paso máis no obxectivo que se marcou ó entrar na Deputación: “abrir a todos os veciños da provincia esta institución, modernizala, e ser eficaces e transparentes”, un propósito que se notou en tres aspectos, segundo recalcou Besteiro:

Fisicamente, coa retirada das vallas que había fronte ó Pazo de San San Marcos, a apertura ó público dos xardíns traseiros e a posta en marcha do programa Km0, grazas ó que unhas 40.000 persoas pasaron polo Pazo provincial.

Nas prioridades políticas: “fomos sensibles ás demandas sociais, saldando débedas históricas da provincia, como a posta en marcha dos parques de bombeiros, o pago do canon hidroeléctrico, a transferencia dos hospitais ou a sede da UNED en Lugo”, explicou Besteiro.

Na xestión: a Deputación de Lugo está aberta as 24 horas, os 365 días do ano, tras implantarse a Administración Electrónica; este Goberno provincial comezou a dar cumprida conta no Pleno da situación económica financeira da Deputación cada tres meses, e colga esta información na web; informa cada tres meses do prazo no que paga ós provedores; tódolos decretos van a Pleno; e a oposición está en tódalas mesas de contratación, entre outros exemplos.

Convenio con COGAVE

O Presidente da Deputación e o de COGAVE, Jesús Vázquez, asinaron un convenio de colaboración, en virtude do que o organismo provincial lle achega á confederación veciñal unha subvención de 12.000 euros co obxectivo de colaborar nos gastos de funcionamento e do seu programa de actividades durante este 2013.

COGAVE representa a unhas 400 asociacións veciñais de toda Galicia. Delas, 120 son da provincia de Lugo, que, á súa vez, aglutinan a unhas 15.000 persoas.

A confederación está a xogar un papel protagonista en reivindicacións sociais de gran calado: participacións preferentes; taxas xudiciais; abusos das eléctricas; dación en pago nos desafiuzamentos; suba de prezos das escolas infantís e dos servizos de comedor; a dotación de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear no hospital de Lugo...

En canto ás súas actividades, destaca o programa solidario Entre Veciños, pioneiro en Galicia, que persegue a inserción laboral, a integración dos estranxeiros e a atención a persoas sen recursos económicos. Tamén promoven a recollida selectiva; a eliminación dos vertedoiros incontrolados ou o reforzo da seguridade no rural.

A colaboración con COGAVE responde ó compromiso da Deputación de apoiar e reforzar o movemento asociativo da provincia, como un mecanismo imprescindible para o progreso social, para acadar unha sociedade máis xusta e integradora. Un dos principais instrumentos de colaboración da institución é o Plan de Comunidades Veciñais, dotado este ano con 2 millóns de euros.