Deputación de Lugo

A Deputación reforza con medios do Parque Móbil o dispositivo especial que activou pola neve en toda a provincia

Imaxe deputación de lugo
109 traballadores e 56 vehículos están a despexar vías e atender incidencias na totalidade dos Concellos da provincia, excepto os do litoral e Terra Chá As maiores dificultades rexístranse na comarca da Montaña e no Courel, municipio que nalgúns puntos acumula ata metro e medio de neve

A Deputación de Lugo reforzou este luns con recursos do Parque Móbil o dispositivo especial que activou en toda a provincia debido ó forte temporal de neve que se está a producir. Deste xeito, ós 102 operarios e 52 máquinas mobilizadas xa dende o venres para despexar vías e atender incididencias, sumáronse esta mañá dous camións cuña e 7 operarios do Parque Móbil, que se desprazaron ós municipios da Fonsagrada e Cervantes.

Deste xeito, un total de 109 traballadores e 56 vehículos traballan intensamente na rede viaria de tódolos Concellos da provincia, excepto os do litoral e Terra Chá. As maiores dificultades estanse a producir nos municipios da Montaña e no Courel, Concello que nalgúns puntos acumula ata metro e medio de neve. O dispositivo continuará actuando ó longo de toda a xornada “para manter na mellor situación posible as estradas, tendo en conta que as precipitacións de neve son continuas”, explicou o Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez.

A Deputación activou este dispositivo especial con motivo da neve xa o pasado venres, ante as previsións meteorolóxicas adversas. De feito, os equipos provinciais atenderon varias incidencias nesta última noite, entre elas, abrir o paso a dúas ambulancias en Pedrafita e Becerreá.

O operativo activado forma parte do Plan Invernal 2012-2013 que puxo en marcha a Deputación de Lugo a primeiros de novembro e que permite actuar coa máxima axilidade en casos de temporais ou sucesos puntuais, para conservar e manter sempre en perfectas condicións a rede viaria provincial, a máis extensa de España, con máis de 4.000 quilómetros de lonxitude.