Deputación de Lugo

A Deputación consolida á provincia como referente en Galicia na produción ecolóxica co plan de emprego Fórmate en Verde

Medio centenar de representantes do sector gandeiro coñeceron nunha reunión co Presidente en Castro a formación gratuíta que o organismo provincial ofrece a 900 lucenses para crear empresas de gandería e agricultura ecolóxica, ou xestión forestal sostible Gómez Besteiro subliñou que o proxecto actuará de catalizador dun sector no que Lugo xa é punteira, pois está á cabeza en Galicia en volume de facturación -con 9 millóns de euros anuais- e ocupa o segundo lugar en canto a superficie dedicada á produción ecolóxica As persoas interesadas teñen toda a información sobre o novo programa de emprego na páxina web provincial www.deputacionlugo.org

A Deputación de Lugo consolidará á provincia como referente en Galicia na produción ecolóxica co seu novo plan de emprego Fórmate en Verde, a través do que o organismo provincial dará formación e asesoramento técnico especializado, de maneira totalmente gratuíta, a un mínimo de 900 lucenses para que creen ou reconvertan empresas vinculadas á agricultura e á gandería ecolóxica, así como ó aproveitamento forestal sostible. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que o proxecto “actuará de catalizador dun sector no que Lugo que xa é punteira”, pois na actualidade está á cabeza en Galicia en volume facturación, con 9 millóns de euros ó ano, dos 21,89 facturados no conxunto de Galicia; e ocupa o segundo lugar en canto a superficie dedicada á produción ecolóxica, con 6.500 hectáreas.

Gómez Besteiro fixo estas declaracións nun encontro que mantivo este mércores na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, con medio centenar de representantes do sector gandeiro para darlles a coñecer o programa Fórmate en Verde. Trala primeira reunión informativa, celebrada onte en Viveiro e centrada no sector forestal, hoxe tivo lugar unha segunda sesión, neste caso vinculada á gandería ecolóxica. Esta serie de convocatorias forma parte das accións de difusión e sensibilización que a Deputación levará a cabo por toda a provincia para captar ós beneficiarios do plan de emprego. De feito, o vindeiro mércores, ás 11:30 horas, haberá unha nova xornada informativa na Granxa Gayoso Castro, á que serán invitados gandeiros, cooperativas e asociacións, entre outros colectivos.

A iniciativa está dirixida tanto a desempregados, como emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Os interesados xa dispoñen de toda a información sobre a iniciativa na web provincial www.deputacionlugo.org A inscrición abrirase na semana do 25 de febreiro e os cursos comezarán en marzo. Todos teñen capacidade limitada e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

En tres comarcas

A Deputación descentralizou as accións formativas en función do peso específico de cada rama obxecto do programa nas comarcas lucenses. Deste xeito, a vinculada á xestión forestal impartirase na Mariña, unha zona que concentra o 30% das empresas lucenses dedicadas ó sector da madeira.

Seguindo este mesmo criterio, as actuacións vinculadas á gandería ecolóxica terán lugar na zona centro da provincia, dado o importante número de explotacións de carne ou leite cos que contan os concellos das comarcas de Lugo, Terra Chá e A Fonsagrada. Cada municipio conta con entre 400 e 1.000 explotacións. O centro de referencia da formación será a Granxa Gayoso Castro.

Polo que respecta á agricultura ecolóxica, as accións desenvolveranse na Zona Sur, tendo en conta que nas comarcas de Chantada ou Lemos a superficie dedicada ó cultivo é de entre o 30 e o 50%, e que Monforte alberga a sede do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Neste caso, o Pazo de Tor será o centro de referencia.

Formación, práctica e asesoramento

O plan de emprego Fórmate en Verde, con un ano de duración, ten tres eixos:

- Formación: que poderá ser presencial, a distancia ou mixta, e se impartirá entre os meses de marzo e outubro.

- Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

- E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores forestal, gandeiro e agrícola. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado. Terán ademais á súa disposición unha canle de comercialización: a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación que conta hoxe con 80 empresas e 400 produtos e servizos.