Deputación de Lugo

Deputación e Federación Veciñal ensinan ós lucenses a poñer en marcha e coidar de hortos e xardíns

A institución provincial colabora coa Federación, a través do Plan de Dinamización de Zonas Verdes, na organización de cursos gratuítos para aprender e perfeccionar as mellores técnicas e coidados para estas plantaciónsOs cursos celebraranse os sábados de marzo a decembro -agás xullo e agosto-, e versarán sobre temas coma hortos ecolóxicos, poda, árbores froiteiras ou traballo en invernadoiros. Información e inscrición nos teléfonos 982 20-37-21 e 982 80-16-92

A Deputación de Lugo e a Federación de Asociacións Veciñais da provincia ofrecen unha nova tempada de cursos gratuítos, enmarcados no Plan de Dinamización de Zonas Verdes da cidade, cos que ofrecen formación de xeito totalmente gratuíto a aqueles lucenses interesados en crear e manter hortos e xardíns.

Estes cursos forman parte dunha iniciativa que comezou coa cesión de terreos na zona do río Rato e da Ponte de Paradai á Federación Veciñal, nos que centos de lucenses habilitaron hortos nos que cultivan as súas propias froitas e verduras, contribuíndo así á dinamización destas zonas verdes e ó impulso dos produtos autóctonos, obxectivos principais deste Plan. Estes cursos organízanse grazas á axuda económica da institución provincial, que se inviste na contratación de profesionais expertos que prestan asesoramento e axuda ós “agricultores”, ademais de noutros fins coma, por exemplo, a compra de sementes.

Cursos de marzo a decembro

Estes cursos acadan ano tras ano unha grande aceptación entre os lucenses, o que amosa o dato de que en cada edición participen entre 200 e 300 lucenses. Os cursos programados neste ocasión son os seguintes:

Poda e inxertos
Árbores froiteiras
Especies forestais
Traballo en invernadoiros
Hortos ecolóxicos
Flores e plantas mediciñais

Estas accións formativas darán comezo no mes de marzo, celebrándose todos os sábados do mes ata finais de ano, coa excepción dos meses de xullo e agosto, nos que non haberá formación. En cada unha das edicións destes cursos hai dispoñibles unhas 20 ou 30 prazas e todos eles teñen unha duración aproximada de 8 horas, a maior parte das cales estarán adicadas a poñer en práctica os coñecementos adquiridos. Esta é a razón pola que os cursos se desenvolverán nas casetas de madeira que na zona do Rato ten habilitadas a Federación Veciñal.

Ó remate, os participantes obterán un diploma acreditativo da súa participación e aproveitamento. Para máis información e inscrición, os interesados só terán que poñerse en contacto coa Federación de Asociacións Veciñais nos teléfonos 982 20-37-21 ou 982 80-16-92