Deputación de Lugo

Éxito do plan de emprego da Deputación Fórmate en Verde, con máis de 500 persoas inscritas en tan só un día

A agricultura ecolóxica e a xestión forestal sostible son os sectores que están a ter maior demanda -con máis de 200 inscritos cada un-, seguido da gandería -con preto de 70-Os interesados deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario de inscrición e envialo dende a mesma webOs cursos, que poderán ser presenciais, a distancia ou mixtos, comezarán en marzo, de maneira progresiva, a medida que se vaian cubrindo as prazas dispoñibles do programa

Máis de 500 persoas inscribíronse en tan só un día no plan Fórmate en Verde, o que pon de manifesto o éxito deste novo plan de emprego da Deputación de Lugo, co que dará formación e asesoramento técnico, totalmente gratuítos, ós veciños da provincia para que creen ou reconvertan empresas vinculadas á produción ecolóxica e sostible. Con este programa, financiado nun 80% pola Unión Europea, o organismo provincial xerará emprego e fixará poboación no rural. A agricultura ecolóxica e a xestión forestal sostible son as actividades que están a ter polo momento maior demanda (con máis de 200 inscritos cada unha), seguidas da gandería ecolóxica (con preto de 70).

A inscrición, aberta onte, manterase ata que se cubran as prazas dispoñibles, un mínimo de 900. Para anotarse, as persoas interesadas deben entrar na páxina web www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario de inscrición correspondente e envialo directamente dende a propia web. Cada persoa só pode anotarse nun sector. Os cursos comezarán o vindeiro mes de marzo, de maneira progresiva, a medida que se vaian cubrindo as prazas dispoñibles do programa. Os participantes recibirán formación, prácticas reais nunha explotación consolidada e asesoramento técnico especializado para crear, reconverter ou diversificar a súa empresa.

Información na Facultade de Veterinaria

De xeito paralelo, ó longo do que resta deste mes de febreiro e do de marzo, a Deputación levará por toda a provincia xornadas e talleres para informar de primeira man ós veciños sobre o plan Fórmate en Verde. Deste xeito, pretende facilitar o acceso á información acerca deste proxecto, e que se beneficien del o máximo número de persoas. Hoxe, tiveron lugar encontros informativos na facultade de Veterinaria de Lugo, e nos Concellos de Guntín e Chantada. Mañá, haberá xornadas en Burela e Muras; o día 28, en Lugo e Viveiro; o 1 de marzo, en Monterroso; o día 4 de marzo, na Fonsagrada; o 5, en Guitiriz e O Corgo; o 6, en Carballedo e Pol; o 7, en Castroverde; o 8, en Friol; o 12 de marzo, en Sarria; e o 27, en Castro de Rei. Tamén se ofrecerá información nas feiras MOEXMU de Muimenta; na Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara; na Feira do Ano de Paradela; na Festa da Primavera do Páramo, ou no Concurso Nacional de Rubia Galega do Corgo.

Desta oportunidade de futuro poden beneficiarse desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Por toda a provincia

A Deputación descentralizou as accións formativas en función do peso específico de cada rama obxecto do programa nas comarcas lucenses. Deste xeito, a vinculada á xestión forestal impartirase na Mariña, unha zona que concentra o 30% das empresas lucenses dedicadas ó sector da madeira.

Seguindo este mesmo criterio, as actuacións vinculadas á gandería ecolóxica terán lugar na zona centro da provincia, dado o importante número de explotacións de carne ou leite coas que contan os concellos das comarcas de Lugo, Terra Chá e A Fonsagrada. Cada municipio conta con entre 400 e 1.000 explotacións. O centro de referencia da formación será a Granxa Gayoso Castro.

Polo que respecta á agricultura ecolóxica, as accións desenvolveranse na Zona Sur, tendo en conta que nas comarcas de Chantada ou Lemos a superficie dedicada ó cultivo é de entre o 30 e o 50%, e que Monforte alberga a sede do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). Neste caso, o Pazo de Tor será o centro de referencia.

Formación, práctica e asesoramento

O plan de emprego Fórmate en Verte, con un ano de duración, ten tres eixos:

- Formación: que poderá ser presencial, a distancia ou mixta, e impartirase entre os meses de marzo e outubro.

- Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

- E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores gandeiro, agrícola e forestal. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado. Terán ademais á súa disposición unha canle de comercialización: a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación que conta hoxe con 80 empresas e 400 produtos e servizos.