Deputación de Lugo

A Deputación espera o permiso da Confederación Hidrográfica para arranxar con 50.000 euros 'máis chapuzas do PP' en Baleira

Martínez subliñou que “Francisco Acal, sendo Alcalde e Deputado, permitiu que o Partido Popular, estando á fronte da institución provincial, situase na CP-0408, en Córneas, unha simple tubaxe de chapa que non soportou as choivas, provocando o derribamento desta estrada” “En contraposición, este Goberno Provincial levará un marco de formigón de 9,6 metros, garantindo que isto non volva a suceder”. Os técnicos realizaron as medicións necesarias e un completo proxecto, dotado duns 50.000 euros, que a institución iniciará unha vez obtidos os permisos legais necesarios“Xa son dúas as infraestruturas feitas polo PP en Baleira co consentimento do Alcalde que se veñen abaixo. Agora, cando os veciños son conscientes das chapuzas do PP que Acal permitiu, o Rexedor tenta ocultar a súa nefasta xestión, botando balóns fóra e acusando a este Goberno Provincial”.

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, clarificou hoxe que a institución provincial está á espera do permiso imprescindible da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para poder arranxar “máis chapuzas do PP” en Baleira. Martínez remarcou que “Francisco Acal, sendo Alcalde e Deputado, permitiu que os seus compañeiros do Partido Popular, estando á fronte da institución provincial, situasen na CP-0408, concretamente no lugar de Córneas, unha simple tubaxe de chapa que non soportou as choivas, provocando o derribamento desta estrada. En contraposición, este Goberno Provincial levará un marco de formigón de 9,6 metros, garantindo deste xeito que isto non volva a suceder”.

Os técnicos provinciais, acompañados polo Deputado, supervisaron esta vía xa hai varias semanas, tras o último temporal, e realizaron as medicións necesarias que lles permitiu elaborar un completo proxecto de mellora, dotado duns 50.000 euros, pendente agora do permiso da Confederación Hidrográfica para comezar a súa execución.

“Unha vez máis temos que dar solución as chapuzas levadas a cabo polo Partido Popular en Baleira co consentimento do propio Alcalde”, subliñou Martínez. O Deputado lembrou que a institución xa tivo que investir outros 70.000 euros no arranxo da ponte de Cubilledo. “Outra infraestrutura que Acal, sendo Alcalde e Deputado, permitiu que o PP, estando no organismo provincial, construíse con simples tubos fixados na terra, provocando que tamén se viñese abaixo coas choivas”.

Martínez remarcou que “oxalá o Acalde de Baleira tivese a mesma dilixencia cando o Partido Popular estaba na Deputación, prohibíndolles facer chapuzas no seu Concello, que só serviron para despilfarrar cartos de todos os lucenses. Boa proba disto é que xa son dúas as infaestruturas feitas polo PP neste municipio as que se afundiron. Acal permitiunas e agora, cando os veciños son conscientes das chapuzas que o propio Alcalde consentiu, tenta ocultar a súa nefasta xestión, botando balóns fóra e acusando a este Goberno Provincial. Nós non eludimos as nosas responsabilidades como fan outros. Por iso, nada máis ter os permisos legais necesarios arranxaremos esta vía para a que xa temos definidas as actuacións a levar a cabo, así como o orzamento necesario”.

O Deputado acusou ademais ó Alcalde de Baleira de mentir cando asegura que o Concello non pode levar a cabo os traballos de recollida de lixo na zona debido á situación “que o Partido Popular fixo que se atopase a CP-0408” xa que existen rutas alternativas polas que desviar o tráfico mentres o organismo lugués espera o permiso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e executa o proxecto de mellora.