Deputación de Lugo

A Deputación leva por toda a provincia xornadas e talleres informativos sobre o plan de emprego Fórmate en Verde

Imaxe deputación de lugo
Navia acolleu hoxe un das sesións, coas que o organismo provincial pretende que o máximo número de persoas se beneficien da formación que ofrece gratis para crear empresas de gandería e agricultura ecolóxica, ou xestión forestal sostible O persoas interesadas no programa poden informarse na páxina web provincial, www.deputacionlugo.org O prazo de inscrición ábrese o luns

A Deputación de Lugo levará por toda a provincia, ó longo do que resta deste mes de febreiro e do de marzo, xornadas e talleres para informar de primeira man ós veciños sobre o seu novo plan de emprego Fórmate en Verde. O organismo provincial pretende deste xeito facilitar o acceso á información acerca deste proxecto, e que se beneficien del o máximo número de persoas, pois supón unha oportunidade de futuro, que creará emprego e fixará poboación no rural. Con este plan, financiado nun 80% pola Unión Europa, a Deputación dará formación e asesoramento técnico especializado, de maneira totalmente gratuíta, a un mínimo de 900 lucenses para que creen ou reconvertan empresas vinculadas á agricultura e á gandería ecolóxica, así como ó aproveitamento forestal sostible.

A casa consistorial de Navia de Suarna acolleu este xoves unha das xornadas informativas, na que participaron medio centenar de representantes do sector da gandería, e mañá terá lugar outra en Ribadeo, ás 11.30 horas, no salón de actos da Casa Sindical, sobre a rama de xestión forestal sostible. Entre este mes e o seguinte, haberá sesións noutra vintena de Concellos: o 26 de febreiro, en Lugo, Guntín e Chantada; o 27, en Burela e Muras; o 28, en Lugo e Viveiro; o 1 de marzo, en Monterroso; o día 4, na Fonsagrada; o 5, en Guitiriz e O Corgo; o 6, en Carballedo e Pol; o 7, en Castroverde; o 8, en Friol; o 12 de marzo, en Sarria; e o 27, en Castro de Rei. Tamén se ofrecerá información nas feiras MOEXMU de Muimenta; na Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara; na Feira do Ano de Paradela; na Festa da Primavera do Páramo, ou no Concurso Nacional de Rubia Galega do Corgo.

Quen pode participar

O plan Fórmate en Verde está dirixido tanto a desempregados, como emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Os interesados xa dispoñen de toda a información sobre a iniciativa na web provincial www.deputacionlugo.org A inscrición abrirase o vindeiro luns, 25 de febreiro, e os cursos comezarán en marzo de maneira progresiva, en función da demanda. Todos teñen capacidade limitada e as vacantes cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

En tres comarcas

A Deputación descentralizou as accións formativas en función do peso específico de cada rama obxecto do programa nas comarcas lucenses. Deste xeito, a vinculada á xestión forestal impartirase na Mariña, unha zona que concentra o 30% das empresas lucenses dedicadas ó sector da madeira.

Seguindo este mesmo criterio, as actuacións vinculadas á gandería ecolóxica terán lugar na zona centro da provincia, dado o importante número de explotacións de carne ou leite cos que contan os concellos das comarcas de Lugo, Terra Chá e A Fonsagrada. Cada municipio conta con entre 400 e 1.000 explotacións. O centro de referencia da formación será a Granxa Gayoso Castro.

Polo que respecta á agricultura ecolóxica, as accións desenvolveranse na Zona Sur, tendo en conta que nas comarcas de Chantada ou Lemos a superficie dedicada ó cultivo é de entre o 30 e o 50%, e que Monforte alberga a sede do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Neste caso, o Pazo de Tor será o centro de referencia.

Formación, práctica e asesoramento

O plan de emprego Fórmate en Verte, con un ano de duración, ten tres eixos:

- Formación: que poderá ser presencial, a distancia ou mixta, e se impartirá entre os meses de marzo e outubro.

- Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

- E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores forestal, gandeiro e agrícola. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado. Terán ademais á súa disposición unha canle de comercialización: a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación que conta hoxe con 80 empresas e 400 produtos e servizos.